"Actuou segundo os procedementos": o xiro do fiscal ao exculpar o cargo de Adif por Angrois pon o foco nos protocolos da empresa pública

O fiscal do xuízo de Angrois, Mario Piñeiro, entrando á sala por tras da xuíza e cos dous acusados ao fondo á esquerda CC-BY-SA Praza Pública

A posible absolución do ex-director de Seguridade de Adif certificaría a incapacidade do sistema ferroviario español de paliar un risco previsible como o que había na curva de Santiago

Será a xuíza quen decida, previsiblemente no outono, pero o cambio de postura avanzado este martes polo fiscal do accidente de Angrois ao pedir a absolución do ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e manter a acusación só para o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, supón deitar o foco nas debilidades que tiñan os procedementos de seguridade do sistema ferroviario español. Adif enfróntase ao paradoxo de que unha condena do seu ex-director de seguridade limitaría o accidente ao seu erro persoal, mentres que se só é sentenciado o maquinista, como agora quere a Fiscalía, certificaríase a incapacidade do sistema de paliar o risco previsible que había na curva de Angrois.

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, ao fondo, e diante del o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, que este martes volveron estar presentes na sala, nunha imaxe da primeira xornada do xuízo o 5 de outubro de 2022 © Óscar Corral

O fiscal do caso, Mario Piñeiro, chegou ao xuízo pedindo a mesma pena de catro anos de cadea para os dous acusados por similares delitos de imprudencia grave profesional. Ao maquinista atribuíalla por desatender a condución e non frear a tempo antes da curva de Angrois cando recibiu unha chamada do interventor do tren. E ao cargo de Adif porque “tiña o deber de xestionar e mitigar os riscos por exceso de velocidade non cubertos polo propio sistema de protección da liña e do tren” nun punto que era “altamente vulnerable” por un posible erro humano.

Durante o xuízo a defensa do maquinista fixo ver que o seu defendido tiña a obriga de atender a chamada que lle fixo o interventor do tren e que o despistou. Tamén que non tiña á súa disposición as medidas de seguridade coas que debera contar calquera traballador. 

Pola súa banda, o cargo de Adif, acusado de non habilitar esas medidas, desviou responsabilidades cara outros departamentos mentres que esa empresa pública, defendida pola Avogacía do Estado, teimou en que non era obrigatoria a análise de riscos que se botou en falta sobre Angrois e que detectaría o perigo que alí había. Un risco que foi detectado por un maquinista xefe ao pouco de poñerse en servizo a liña pero que Adif obviou porque, segundo a súa versión, a normativa non esixía nin buscalo ou, de atopalo, establecía que se deixase só nas mans dos condutores.

Un tren Alvia como o accidentado pasa pola curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

No xuízo quedou claro que o risco de Angrois era previsible -foi detectado por outro maquinista-, pero Adif defende que non tiña que facer unha busca específica deses posibles riscos e que en todo caso serían igualmente os maquinistas os únicos responsables de evitalos 

Tras a vista oral este martes o fiscal mudou as súas peticións previas e agora, pendente de argumentalo en profundidade na xornada deste mércores, mantén a acusación para o maquinista e pide a absolución para o cargo de Adif porque ao seu ver "actuou de acordo cos procedementos".

Moitas outras partes da causa, desde a defensa do maquinista ata as representacións da maioría das vítimas, consideran o contrario, que no xuízo quedou demostrado que a normativa obrigaba a analizar, prever e paliar os riscos que había na curva de Angrois e que Cortabitarte non cumpriu esa normativa. Pero se finalmente a xuíza avala a visión do fiscal e considera que o cargo de Adif cumpriu cos procedementos, estaría certificando que a normativa ferroviaria, ao deitar toda a responsabilidade nun única persoa, o maquinista, e non obrigar a analizar outros riscos, era tan insegura como para que se producise un accidente con 80 mortes e 144 persoas feridas.

A condena do maquinista e absolución do cargo de Adif podería así danar a imaxe da alta velocidade española, o que supón o paradoxo de que ese era o principal temor das autoridades cando tras o accidente defenderon a versión oficial de que a responsabilidade fora só do maquinista. Como verbalizara daquela o presidente da Xunta e agora líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, supostamente había "intereses económicos" doutros países por desprestixiar a tecnoloxía e o sistema ferroviario español.

Imaxe xeral da vista oral deste martes CC-BY-SA Praza Pública

Pero de momento esa é só a visión da Fiscalía, que comparte a Avogacía do Estado en defensa de Adif. Agora, nesta última fase do xuízo que se prolongará ata o 27 de xullo, última xornada na que falarán as defensas dos dous acusados, todas as partes deberán argumentar en profundidade as súas posturas finais e sustentalas en probas concretas.

Esta fase final do xuízo estenderase aínda ata o 27 de xullo, cando as defensas dos acusados realicen as súas intervencións finais, e despois quedará en mans da xuída ditar sentenza, presumiblemente no outono

Durante o xuízo peritos de parte avalaron unhas e outras posturas, discrepancias que tamén amosaron os tres peritos nomeados no seu momento polo xuíz instrutor. Dous deles apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsibleque cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europeacuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.

Despois será a xuíza, Elena Fernández Currás, quen decida se hai dous condenados, un ou ningún. Porque tamén é posible que o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo ver en varias ocasións as limitacións ás que se enfronta a xustiza penal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.