A menos dunha semana de que remate o xuízo polo accidente, a plataforma de afectados reitera que o acusado de Adif tivo máis responsabilidade que o maquinista e critica a actuación no caso dos sucesivos gobernos
A plataforma de vítimas do accidente de Angrois fixo público este sábado o habitual comunicado co que en cada aniversario do sinistro reclama xustiza e responsabilidades políticas. Desta volta, unha década despois do descarrilamento do Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos, e a menos dunha semana de que remate o xuízo contra o maquinista do tren e un cargo de Adif, a asociación reitera que este último tivo máis responsabilidade por non habilitar medidas de seguridade que evitasen o erro humano do primeiro. Tamén critican a actuación no caso dos sucesivos gobernos, da "maquinaria do Estado" que ao seu ver primou a defensa de Adif e da alta velocidade española sobre a xustiza e a asunción de responsabilidades.
Segundo a plataforma de vítimas, no proceso xudicial polo accidente "a maquinaria do Estado 'traballou' ocultando e demorando a entrega de documentos, co cambio do xuíz polo Poder Xudicial, a Xunta impoñendo peritos, a Fiscalía e a Avogacía do Estado traballando para Adif e esta última, representada por Adela Álvarez e Javier Suárez, ocultando e mentindo no xuízo".
Os afectados salientan que as decisións do cargo de Adif acusado, Andrés Cortabitarte, de autorizar a posta en servizo da liña Ourense-Santiago en 2011 tras mudarse o proxecto orixinal e de desconectar en 2012 a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade son, individualmente consideradas, "de extrema gravidade e causa directa do accidente".
Pero estenden a responsabilidade política tamén a quen era ministro en 2011, o socialista José Blanco, ao que acusan de poñer en servizo a liña de xeito acelerado, e a quen o era en 2012 e cando o accidente, a popular Ana Pastor, á que tamén reprochan manobras e obstáculos na investigación en defensa da versión oficial de que a culpa fora do maquinista.
Fronte a esa "maquinaria do Estado", as vítimas lembran que "grazas ás nosas demandas, a UE mantén un procedemento de infracción a España por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria, en concreto polas deficiencias na xestión e mitigación de riscos, que é polo que está imputado Cortabitarte".
As vítimas manifestaranse este luns pola mañá entre a estación de tren de Santiago e a praza do Obradoiro e concentraranse pola tarde na curva de Angrois
Ademais de divulgar este sábado este manifesto, as vítimas confirmaron tamén os actos que teñen previstos para o luns 24, cando non haberá ningunha lembranza institucional do sinistro. Os afectados iniciarán ás 11.30 na estación de tren de Santiago a súa tradicional manifestación ata a praza do Obradoiro, onde ás 13.00 horas lerán o manifesto. Pola tarde, a partir das 19.00, a curva de Angrois acollerá a concentración e homenaxe ás vítimas.