O director de Transporte Terrestre da Comisión Europea, Kristian Schmidt, e o director da Axencia Ferroviaria Europea, Josef Doppelbauer, insisten ante vítimas de Angrois en que o sistema ferroviario debe ter en conta a posibilidade dun erro humano como o do maquinista do Alvia
A poucos días de que remate o xuízo sobre o accidente de Angrois, dez anos despois do descarrilamento do tren Alvia o 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, a eurodeputada do BNG Ana Miranda, especialmente implicada nas derivadas europeas do sinistro, organizou este xoves unha xornada sobre seguridade ferroviaria no Parlamento Europeo. Neste contexto, a sesión contou coa participación do director executivo da Axencia Ferroviaria Europea, Josef Doppelbauer, e do director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, Kristian Schmidt.
Os dous salientaron que a UE mantense á marxe dos procedementos xudiciais sobre accidentes ferroviarios, pero os dous coincidiron en que a nivel técnico non é admisible que un accidente como o de Santiago se produza só por un erro humano.
Os altos cargos da UE que este xoves participaron na xornada organizada polo BNG insistiron en non valorar cuestións xudiciais sobre o accidente de Angrois. Pero a súa propia participación voluntaria na xornada prodúcese a pucos días de que o vindeiro 27 de xullo remate o xuízo que se vén celebrando en Santiago desde hai oito meses. Nese xuízo, no que están acusados ao mesmo nivel o maquinista do Alvia e un ex-director de Seguridade de Adif, o xefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr, xa declarou o pasado decembro que Adif e Renfe debían ter en conta a posibilidade dun erro do condutor.
Este xoves, referíndose expresamente ao caso, o director de Transporte Terrestre da Comisión, Kristian Schmidt, incidiu na mesma idea: "Somos humanos, cometemos erros, ese foi un dos problemas en España, pero observamos que non podemos ter sistemas que sexan tan vulnerables que un simple erro baste, ten que haber uns sistemas máis complexos cuns procedementos que poidan protexer fronte aos erros humanos que se cometan".
"Adif está obrigado a realizar unha avaliación de riscos" que detecte un posible erro humano, di o director da axencia europea fronte ao mantido no xuízo de Angrois por esa empresa pública e o seu cargo acusado
Nesa mesma liña pronunciouse tamén Doppelbauer, superior xerárquico de Carr. Se Carr declarou no xuízo como testemuña ou perito experto, cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha das partes, este xoves Doppelbauer insistiu en que o obxectivo da axencia non está no xuízo penal. "Non queremos atopar culpables, queremos aprender", dixo. Pero tamén incidiu en que nos accidentes que analiza a axencia hai "elementos comúns" e "en case todos os casos o factor humano foi moi importante".
Por iso, concluíu, é "fundamental" a "avaliación e a análise de riscos", cuestión pola que está acusado no xuízo de Angrois o cargo de Adif, que asegura que non era necesario realizar esa análise de riscos da curva de Santiago. Porén, hai dúas semanas o fiscal do caso decidiu deixar de acusar o cargo de Adif e pedir só cadea para o maquinista.
Doppelbauer, responsable da axencia ferroviaria, foi preguntado expresamente este xoves polo presidente da plataforma de vítimas de Angrois, Jesús Domínguez, sobre se considera que Adif tiña que realizar unha análise do risco que detectase un posible erro humano. "Reiteramos o que xa dixemos, na nosa opinión Adif está obrigado a realizar unha avaliación de riscos", dixo o alto cargo europeo. "Xa dixemos que tería que avaliarse ese risco [de posible erro humano] e que somos críticos cando ese risco se exporta ao maquinista", que foi o que decidiu Adif no caso de Angrois.
Na xornada deste xoves na que varios altos cargos da UE amosaron o seu apoio ás vítimas tamén estaban convidados o Ministerio de Transportes, Adif e Renfe pero rexeitaron participar
A xornada sobre seguridade ferroviaria deste xoves, na que tamén se analizaron os dereitos de pasaxeiros e traballadores ferroviarios, foi organizada polo BNG e o seu grupo parlamentario na Eurocámara e tamén participaron representantes da plataforma de vítimas, do sindicato de maquinistas (Semaf) ou da Federación Europea de Pasaxeiros. Durante as súas intervencións os altos cargos da UE participantes amosaron o seu apoio ás vítimas de Angrois e estas o seu agradecemento polo trato recibido en Europa fronte ás manobras dos sucesivos gobernos de España que dificultaron a investigación do caso.
Foron tamén invitados a participar este xoves en Bruxelas, pero declinaron facelo co argumento de que o xuízo penal sobre Angrois aínda está en marcha, o Ministerio de Transportes, Adif, Renfe e a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).