A Alba de Compostela, homenaxeou este martes nun Teatro Principal ateigado o cóengo Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, a psicóloga Rosa Álvarez, os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi e a propietaria do pub Borriquita de Belém, Ánxeles González Porto
"Coa Alba de Compostela queremos, en boa maneira, mostrar o orgullo do que somos". O Concello de Santiago celebrou este 25 de xullo a primeira edición dun acto institucional que vén encher a falta de conmemoracións oficiais do Día Nacional de Galicia en Santiago máis aló da ofrenda relixiosa da Casa Real ao Apóstolo.
A Alba de Compostela, unha iniciativa do novo goberno municipal de BNG e Compostela Aberta liderado por Goretti Sanmartín, homenaxeou este martes nun Teatro Principal ateigado o cóengo Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral pola divulgación da restauración do templo, a psicóloga Rosa Álvarez (polo Plan Socio-Comunitario de Vite), os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi e a propietaria do pub Borriquita de Belém, Ánxeles González Porto, "polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade".
O acto está inspirado no histórico discurso Alba de Groria de Castelao, do que este ano se celebra o seu 75 aniversario
O acto institucional contou coa presenza dos concelleiros e concelleiras de BNG e Compostela Aberta, pero non de PP e PSdeG, críticos coa súa celebración. A celebración veu precedida da publicación dun bando municipal, asinado pola alcaldesa, que destacaba que "neste día de celebración queremos honrar a quen ao longo dos séculos foi construíndo o que hoxe somos e tamén a quen, cos seus afáns cotiáns, continúa facéndonos brillar".
O acto está inspirado no histórico discurso Alba de Groria de Castelao, do que este ano se celebra o seu 75 aniversario. E no seu discurso, a alcaldesa Goretti Sanmartín comezou lembrando precisamente aquel texto, que cualificou de "momento estelar da nosa historia, da nosa cultura".
"Coa Alba de Compostela queremos, en boa maneira, mostrar o orgullo do que somos, o orgullo de persoas e colectivos que desde o abrente ao solpor, cada día, fan que este concello camiñe cara a adiante"
"Setenta e cinco anos despois queremos comezar a elaborar a nosa particular constelación de Compostela, recoñecendo o traballo e o compromiso co noso concello de homes, mulleres e entidades que, co seu esforzo, coa súa intelixencia e a súa enerxía fan que a colectividade dea pasos adiante, avance como un todo, con orgullo e con esperanza", sinalou a rexedora, que engadiu que "coa Alba de Compostela queremos, en boa maneira, mostrar o orgullo do que somos, o orgullo de persoas e colectivos que desde o abrente ao solpor, cada día, fan que este concello camiñe cara a adiante".
A alcaldesa defendeu o orgullo de pertencer a Santiago de Compostela, sinalando que a cidade "na súa grandiosidade esqueceu o localismo, esqueceuse en parte de si propia". E salientou que "esta cidade universal, acolledora, destino de camiños, crisol de culturas, admirada en todo o mundo, capital de país e patrimonio da humanidade ten, ademais, identidade propia, ten homes e mulleres que se senten composteláns, santiaguesas, picheleiras (...) Mulleres e homes que cada día queren facer aínda máis grande este concello".
A alcaldesa defendeu o orgullo de pertencer a Santiago de Compostela, sinalando que a cidade "na súa grandiosidade esqueceu o localismo, esqueceuse en parte de si propia"
No discurso, ademais, agradeceuse o labor de Daniel Lorenzo Santos desde a Fundación Catedral "por coidar, agarimar e abrir ese tesouro que é parte da nosa identidade como concello". Tamén se parabenizou as integrantes dos equipos femininos do Hóckey Club Raxoi por "abrir novos camiños e eliminar barreiras na difícil carreira das mulleres no deporte".
Así mesmo, destacouse o "extraordinario traballo" de Rosa Álvarez no barrio de Vite, lembrando "o proxecto social e de intervención comunitaria en que a nosa protagonista tivo un papel fundamental". E, finalmente, subliñouse o labor "pioneiro na dinamización da zona histórica" levado a cabo por Ánxeles González Porto, Angi, da asociación cultural Cidade Vella.
Goretti Sanmartín finalizou a súa intervención desexando que "para o vindeiro ano se impoña o amor ao noso concello sobre todas as cousas"
Goretti Sanmartín finalizou a súa intervención desexando que "para o vindeiro ano se impoña o amor ao noso concello sobre todas as cousas", nunha velada referencia ás críticas recibidas pola organización deste acto institucional e ante as ausencias dalgunha das forzas políticas convidadas. Así mesmo, Sanmartín convidou "a quen imaxine razóns espurias" a "quererse, a ter orgullo de Compostela, a conmemorar as súas mulleres e os seus homes"
Críticas do PSdeG
Os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE -ao igual que os do PP- non asistiron ao acto, mantendo a crítica de que as condecoracións "se conceden de xeito irregular", defendendo que o "procedemento legalmente establecido" pasaba polo seu consenso no Consello de Honras e Condecoracións para elevalo posteriormente "ao Pleno da Corporación para ser aprobado por maioría absoluta".
O PSdeG tamén solicitou que se buscase outra data para a súa celebración, "máis acaída e menos ateigada de actos, porque estes recoñecementos merecen brillar con luz propia". En calquera caso, o Grupo Socialista reitera que está "totalmente de acordo" co merecemento dun recoñecemento por parte dos homenaxeados escollidos.