A Cidade da Cultura acolleu este luns 24 de xullo o único acto oficial organizado pola Xunta polo Día Nacional de Galicia deste martes, a entrega das Medallas de Galicia que desde hai unha década o Goberno galego vén adiantando nunha xornada deixando así orfo o día grande do país. O deste martes foi un acto que durou menos dunha hora e que recoñeceu a música galega nas persoas de Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez.
No seu discurso o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou os premiados como exemplo dunha "concepción da galeguidade que non entende de fronteiras e que se adapta á cultura universal". Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez son, para o presidente, "intérpretes dun pobo e dun tempo", unha Galicia "que nunca renuncia a asimilar outras culturas para seguirse enriquecendo".
O presidente entrega as Medallas de Galicia deste ano a Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez, aos que sitúa como exemplos dunha "galeguidade que non entende de fronteiras e se adapta á cultura universal"
Segundo Rueda, nunha intervención que centrou en gabar os homenaxeados e sen apenas referencias á actualidade, Galicia "soa ben, hoxe mellor que nunca, é unha comunidade harmoniosa e afinada". Ao contrario do ocorrido nos dez últimos anos, no discurso do presidente da Xunta non houbo ningunha lembranza para o accidente de Angrois ocorrido nesta mesma data.
Juan Pardo, que leva anos afastado dos escenarios, agradeceu que "Galicia tamén teña na súa boca o meu nome" tras dedicar el "máis de media vida" á música "coa palabra Galicia" sempre na boca. Luz Casal lembrou os seus pais, emigrantes de Boimorto, e agradeceu ser premiada xunto con compañeiros que admira e cos que colaborou no pasado. E Carlos Núñez prometeu "seguir tentando levar a alma de Galicia" polo mundo.