Outro Día Nacional de Galicia á procura de ser celebrado

Recortes de prensa das primeiras referencias á celebración do 25 de xullo e aos símbolos galegos, hai un século, e anuncios da Xunta polo Día Nacional nos anos 80 CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Día Nacional de Galicia segue sendo tal porque ningún Goberno galego deu, ata agora, en derrogar o decreto da Xunta preautonómica que o 1 de xaneiro de 1979 declarou Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano. Iso non impide que o Executivo do PP -antes con Alberto Núñez Feijóo, agora con Alfonso Rueda- obvie a denominación oficial da xornada e mesmo desapareza política e institucionalmente da mesma, limitándose a adherirse á ofrenda da Casa Real na Catedral de Santiago polo Día de Santiago Apóstolo, patrón de España, e en ocasións a acudir a actos organizadas por outras entidades -caso da misa de Rosalía-.

O Goberno galego volve obviar a denominación oficial do 25 de xullo e esvaece outra volta nesta xornada, limitándose a adherirse á ofrenda da Casa Real na Catedral de Santiago

Así, segundo o previsto, este 24 de xullo o presidente Rueda entregou as Medallas de Ouro de Galicia -este ano impostas a Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez-. A Xunta, ao tempo, desenvolveu unha discretísima campaña nos medios de comunicación e outros soportes baixo o lema A festa de todas as festas que este ano tivo un perfl público mesmo máis baixo que os anteriores por desenvolverse cadrando coa campaña electoral do 23X. E este martes, Día Nacional, a Xunta desaparece como tal.

Carteis, actos, persoas e símbolos ligados ao Día Nacional de Galicia en diferentes momentos históricos do último século CC-BY-NC-SA Praza Pública

O baleiro deixado pola Xunta tenta ser cuberto dende este ano, cando menos parcialmente, polo novo goberno municipal de Santiago, que preside Goretti Sanmartín, do BNG, en coalición con Compostela Aberta. Contra a unha e cuarto da tarde deste 25 de xullo, tras os actos da Casa Real na Catedral -aos que a alcaldesa non asiste- e a recepción ás autoridades no consistorio -encabezada pola propia Sanmartín- celébrase a primeira edición de Alba de Compostela, o acto institucional co que o Concello quere "sumarse de forma activa á celebración do día grande da cidade e de Galicia".

O baleiro institucional da Xunta no Día Nacional tenta ser cuberto dende este ano, cando menos parcialmente, pola 'Alba de Compostela', o acto impulsado polo Concello de Santiago coa inspiración do histórico discurso 'Alba de Groria' de Castelao

En plenas festas do Apóstolo, Alba de Compostela é concibido como unha homenaxe a "persoas, institucións e organizacións vencelladas á cidade tendo en conta a súa identificación con Santiago, o seu arraigo social, a súa relevancia ou a súa proxección". Pero vai alén dende a súa inspiración, o histórico discurso Alba de Groria no que Castelao, dende o exilio hai agora 75 anos, retratou en clave histórica a vontade de virar o 25 de xullo na "festa maior de todos os galegos" e ademais, salienta o goberno compostelán, "formula un desexo de esperanza no futuro".

O acto do Concello de Santiago -criticado con dureza dende a Xunta e a dirección galega do PP, mais tamén polos populares e o PSdeG no propio consistorio- recolle, dalgún xeito, cando menos parte das intencións daquela declaración do 25 de xullo como Día Nacional cando toda o corpo institucional da autonomía estaba por construír. Naquel tempo, as autoridades preautonómicas procuraran dar un carácter cívico e galeguista á festa, pero o intento non callara. De feito, nin sequera deran logrado máis asistencia que as formacións soberanistas que se mobilizaban polo Día da Patria, como continúa facendo actualmente o BNG, formación que combina a súa habitual manifestación do 25 de xullo coa vertente lúdica do Festigal.

Discurso 'Alba de Groria' de Castelao

Este novo intento de dotar de certa institucionalidade o Día Nacional de Galicia chega tamén década e media despois da fin da anterior tentativa, a artellada pola presidencia do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Daquela, co presidente Emilio Pérez Touriño á fronte, nacera o acto d'A véspera, unha recepción institucional a colectivos sociais na agora infrautilizada residencia oficial de Monte Pío cada 24 de xullo, que incluía un izado solemne da bandeira galega. O acto, non obstante, non se celebraba no propio Día Nacional, que daquela -igual que antes con Fraga, e tamén con Feijóo ata 2013- acollía a entrega das Medallas de Galicia.

Cento tres anos dende a decisión das Irmandades

O novo acto de Santiago, como as mobilizacións do BNG polo Día da Patria ou a tradicional ofrenda do PSdeG a Castelao seguen un fío lanzado hai máis dun século polas Irmandades da Fala

O novo acto que debuta en Santiago neste 2023, así como as mobilizacións e eventos lúdicos do BNG en Compostela, o tradicional acto político do PSdeG ante o busto de Castelao en Rianxo e mesmo a Misa de Rosalía seguen un fío lanzado hai máis dun século polas Irmandades da Fala. Foi, concretamente, en 1919, cando a II Asemblea Nazonalista decidiu -non sen tirapuxas- no compostelán colexio de San Clemente sinalar o 25 de xullo como "Día de Galicia".

A cuestión saíu adiante entre discrepancias polo significado relixioso da data, aínda que as Irmandades deran en aclarar que a elección non viña dada "pol-a súa sinificación relixiosa, pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", senón "pol-á sinificación mítica e simbólica" da data. E así, en xullo de 1920, as Irmandades tiraban do seu prelo da Coruña o número 124 do seu boletín A Nosa Terra para animaren a festexar o Día de Galicia con "ledicia reloucadora" en "todol-os logares do mundo onde latexa un peito galego".

Número d'A Nosa Terra pola celebración do primeiro "Día de Galicia", o 25 de xullo de 1920 CC-BY-SA Exemplares da A.C. Alexandre Bóveda e a Biblioteca Ánxel Casal

A intención dos irmandiños e irmandiñas, explicaban, era "facer canto seia abranguibre, para que dentro de poucos anos, o 25 de Xulio, non haxa fogar galego, aldeán ou vilego, que deixe d'esteriorizar o seu patriotismo no Día de Galicia". Nos dous anos anos seguintes, 1921 e 1922, as Irmandades seguiron termando da celebración con izados da bandeira, edicións de propaganda ou actos culturais e festivos. En 1923, a ditadura de Primo de Rivera prohibiunos por "separatistas" e na II República o Partido Galeguista retomou o testemuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.