A conmemoración, iniciada o pasado ano inspirada no Alba de Gloria de Castelao, consolídase coa súa segunda edición, que volveu recoñecer unha serie de persoas con longas traxectorias de traballo continuado a prol da cidade de Compostela
"Prezadas veciñas, prezados veciños, benvidas á vosa festa, a Alba de Compostela, a celebración dun concello que é capital e é terra de persoas que cada día constrúen futuro, orixe de iniciativas que avanzan para facernos máis fortes, colectivamente, de mans dadas". Deste xeito comezou a alcaldesa Goretti Sanmartín o discurso que ofreceu este 25 de xullo no acto Alba de Compostela, celebrado no Teatro Principal. A conmemoración, iniciada o pasado ano inspirada no Alba de Gloria de Castelao, consolídase coa súa segunda edición, que volveu recoñecer unha serie de persoas con longas traxectorias de traballo continuado a prol da cidade de Compostela.
Para a escolla destes recoñecementos tívose en conta o arraigo social, a relevancia e a proxección de cada persoa proposta. Nesta ocasión as homenaxeadas foron a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o comerciante Xaquín Mato, a catedrática en Farmacoloxía Mabel Loza, e o presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández.
O Teatro Principal acolleu a celebración
"Benvidas, á Alba de Compostela que chega á súa segunda edición cos brazos abertos e a alegría de nos atopar de novo nunha festa que naceu para ser colectiva, unitaria, para sumar vontades, para dialogarmos e medrar, para subir novos chanzos nesta Compostela amada, neste concello ao que tanto queremos que precisa de todas as mans, de todas as cabezas, de todas as enerxías", continuou a alcaldesa nun discurso no que enxalzou as figuras e traballo das catro persoas homenaxeadas. Ao acto acudiron os voceiros e voceiras dos distintos grupos municipais.
A Alba de Compostela é "unha festa que naceu para ser colectiva, unitaria, para sumar vontades, para dialogarmos e medrar, para subir novos chanzos nesta Compostela amada", dixo a rexedora
Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, polo seu traballo a prol da preservación, da valoración e da divulgación do legado cultural galego, asumindo a responsabilidade da xestión e da representación institucional dun Museo que se sitúa como referente no estudo e na promoción do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia. Dela destacou a alcaldesa que "preside o padroado dun centro que é referencia do que somos, un espazo que fala de nós, da nosa identidade e coida e mostra con orgullo o legado cultural que chegou até nós das xeracións que nos precederon e que nós temos a obriga e a responsabilidade de facer que chegue ás que virán despois".
Xaquín Mato Castro, propietario de Papelería Xaquín e expresidente da Asociación Veciñal Raigame, pola súa dedicación profesional ao comercio de proximidade, apostando pola calidade e pola atención personalizada e en galego, e pola súa implicación persoal no movemento asociativo, promovendo o espírito de comunidade e canalizando a voz da veciñanza do Ensanche compostelán. "O nome de Xaquín fálanos do Ensanche máis comunitario, das mellores calidades do pequeno comercio e da implicación persoal en proxectos colectivos como o propio movemento asociativo", sinalou Goretti Sanmartín.
"Desde o seu nacemento, a Alba de Compostela quere ser unha festa común, unha festa de todo o mundo, cada vez máis grande, cada ano máis consolidada, unha tradición nova que, como as boas tradicións, precisa que se repita e se queira para existir", destacou a alcaldesa
Mabel Loza García, catedrática de Farmacoloxía e directora científica do CiMUS, pola súa traxectoria científica e polo seu liderado no descubrimento e desenvolvemento de fármacos a nivel internacional, e polo impulso á transferencia de coñecemento da Universidade á industria farmacéutica, co obxectivo de promover beneficios sociais na saúde pública. A rexedora cualificouna como "pioneira nun mundo como o da investigación en que foi especialmente difícil superar a discriminación das mulleres".
Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego de Inmigración, portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas, polo seu labor constante e continuado de acompañamento nos procesos de integración da poboación migrante, e pola súa contribución á loita pola dignificación das condicións laborais para todos os segmentos de poboación, con especial incidencia para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo. "Miguel sitúase sempre do lado de quen máis o necesita, para mellorar a súa vida, para impedir a explotación, para buscar a sociedade integradora que queremos", subliñou Sanmartín.
Castelao afirmou que "foi na nosa cidade, na súa mocidade, onde lle naceu a idea dunha Galiza máis xusta, máis libre, máis farturenta", dixo Sanmartín, que engadiu que "continuamos a partillar ese ideario e defendelo na súa memoria porque difícil é definir de mellor maneira o futuro que queremos"
A rexedora salientou, así mesmo, que "desde o seu nacemento, a Alba de Compostela quere ser unha festa común, unha festa de todo o mundo, cada vez máis grande, cada ano máis consolidada, unha tradición nova que, como as boas tradicións, precisa que se repita e se queira para existir".
No discurso tivo tamén unha presenza destacada a figura de Castelao, inspirador da celebración. A alcaldesa de Compostela lembrou que Castelao afirmara que "foi na nosa cidade, na súa mocidade, onde lle naceu a idea dunha Galiza máis xusta, máis libre, máis farturenta". "Hoxe, tanto tempo despois, continuamos a partillar ese ideario e defendelo na súa memoria porque difícil é definir de mellor maneira o futuro que queremos", engadiu Goretti Sanmartín.