Bos e xenerosos que xa non terán a Medalla de Galicia

Deseño da Medalla de Galicia no decreto da súa creación en 1984 e entregas da distinción nese ano (Castelao, a título póstumo) e neste 2025 CC-BY-SA Fotos: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A norma que regula a máxima distinción da Xunta destínaa a persoas e entidades con "méritos relevantes ao servizo" de Galicia. Rueda vén de impoñela á princesa Leonor como mostra de "adhesión e lealdade sincera á súa persoa e á Coroa de España"

A normativa que regula a concesión das Medallas de Galicia data de 1991. O daquela novo Goberno do PP de Manuel Fraga ampliou e concretou os supostos nos que a Xunta podía conceder a súa máxima distinción. Fora creada en 1984 polo primeiro gabinete da historia da autonomía, o da Alianza Popular de Gerardo Fernández Albor, para "distinguir e recompensar os que, dentro ou fóra da nosa terra, puxesen como razón das súas actividades e mesmo da súa existencia o quefacer diario de Galicia ou os que son merecentes da gratitude ou da homenaxe que cómpre lles facer".

O estipulado en tempos de Fraga e aínda vixente na actualidade é que a Medalla de Galicia está pensada a persoas ou entidades que "polos seus méritos relevantes ao servizo" do país "en calquera aspecto da súa realidade social, cultural e económica" sexan "dignas de obter o recoñecemento do pobo galego". Aquel Executivo mesmo estableceu unha gradación de tres categorías de ouro, prata e bronce, se ben dende a fin do fraguismo só se concede a de maior rango en entregas ligadas durante lustros á celebración do Día Nacional de Galicia

Alfonso Rueda aplaude á princesa Leonor tras entregarlle a Medalla de Ouro de Galicia, este 14 de xullo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"Incrementar o patrimonio cultural" e o "acervo colectivo" de Galicia mediante a educación e a ciencia, o "estudo, defensa e difusión do idioma galego" ou "servizos constantes á sociedade". Tamén "asistencia altruísta a colectivos necesitados", "traxectorias profesionais salientables", "promoción turística de Galicia" ou logros deportivos son os méritos que farían, segundo a norma, alguén merecente da Medalla que leva gravado un dos versos máis salientables do himno galego, "os bos e xenerosos". Moitas persoas que a priori encaixarían nesa definición e nos devanditos méritos van marchando sen chegar a recibir unha destas condecoracións.

Moitas persoas que a priori encaixarían nos méritos estipulados pola norma ou na lenda de "bos e xenerosos" que porta a propia Medalla van marchando sen chegar a recibila

Este luns o presidente da Xunta impuxo a Medalla de Ouro de Galicia á princesa Leonor aproveitando a súa presenza en territorio galego por culminar a súa formación militar na Escola Naval de Marín. Afirma Alfonso Rueda que está "absolutamente seguro" de que esa estancia é "para a gran maioría dos galegos e galegas un acontecemento excepcional" e tamén motivo dabondo para entregarlle a distinción, xa que serviu para "forxar unha alianza para sempre co conxunto de Galicia e coas xentes do mar en particular".

Sinala o presidente que o que o Goberno galego pretendeu "representar" coa concesión da Medalla á Leonor de Borbón, de 21 anos de idade, o "agarimo" e a "adhesión e lealdade sincera de Galicia, por suposto á súa persoa e por suposto, á Coroa de España". Segundo a Casa Real, a Medalla foi entregada como "recoñecemento aos estudos cursados na Escola Naval de Marín e a súa contribución á proxección internacional desa institución académica e de Galicia". A princesa agradeceuna cun discurso bilingüe na que se referiu á súa estancia en Marín, admitiu que visitara un furancho e parafraseou unha canción de Los limones.

O presidente Albor impón a primeira Medalla de Ouro de Galicia sobre o cadaleito de Castelao en 1984 CC-BY-SA Xunta

As afirmacións de Rueda foron parte dun discurso de entrega no que eloxiou o "diálogo", a "moderación" e o "sentido da responsabilidade" que, di, imperan para "representar a todos os cidadáns" e "non só aqueles que coinciden coa súa ideoloxía". Esa crítica reiterouna nos últimos días o PP contra a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), por non acudir ao acto de entrega da Medalla por discrepar coa súa concesión á princesa e coa propia institución monárquica. Galiza Nova, a organización xuvenil do Bloque, organizou unha protesta contra esta homenaxe e a rendición de honras á herdeira ao trono. O PSdeG, pola súa banda, enviou ao acto á súa vicevoceira parlamentaria e e non ao secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, con axenda pública en Ferrol este luns.

Persoeiros comprometidos coas liberdades ou a construción da propia autonomía coma o recentemente falecido Suso Díaz nunca recibiron, agás contadas excepcións, unha distinción coa que si contan abondosos dirixentes de diversas sensibilidade da s dereitas

Quixo a casualidade que a temperá imposición da Medalla de Galicia á princesa se celebrase apenas unha semana despois do falecemento de Suso Díaz. O histórico dirixente sindical e loitador antifranquista de abertas conviccións galeguistas recibiu abondosos recoñecementos públicos na súa vida, pero entre eles non estivo a máxima condecoración das institucións do país. O mesmo lles sucedeu a moitos outros persoeiros comprometidos coas liberdades e coa construción da propia autonomía que foron falecendo sen que recaese neles unha Medalla inaugurada en 1984 coa súa concesión a Castelao e que ao ano seguinte a Xunta da época outorgou a Juan Carlos I.

Un repaso á nómina de persoas e organizacións que levan recibido a Medalla de Ouro de Galicia en catro décadas permite observar como abondan dirixentes políticos galegos, do Estado e internacionais encadrados nas diversas sensibilidades da dereita e son minoría os nomes con compromiso progresista ou galeguista. Existen apenas algunhas excepcións, como a Medalla de Ouro de Galicia que o Goberno galego de coalición PSdeG-BNG impuxo en 2007 a Isaac Díaz Pardo, a concedida a título póstumo en 2013 ao histórico socialista e galeguista Ceferino Díaz ou as que recibiron en 2009 os ex-presidentes Touriño e Laxe, no seu caso ao mesmo tempo que Albor e Fraga nunha concesión acelerada polo Goberno de saúde a causa do xa daquela precario estado de saúde do fundador do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.