O único acto co que o Goberno galego viña celebrando o 25 de xullo, adiantado en varias ocasións nos últimos anos á véspera co argumento de lembrar o accidente de Angrois, muda a mediados de xullo para adaptalo á visita da Casa Real a Marín
A princesa Leonor, herdeira da xefatura do Estado, recibirá este 2025 a Medalla de Galicia. Así o decidiu o Goberno galego, que adaptará o acto de entrega á axenda da Casa Real adiantándoo dez días e desligándoo do 25 de xullo. O Día Nacional de Galicia queda así, agás a creación dunha nova conmemoración ou a entrega de máis medallas a outras persoas de inferior rango, aínda máis orfo de actos oficiais da Xunta, que nos últimos anos ademais xa viña celebrando a entrega de medallas na véspera e non na propia xornada oficial co argumento de lembrar o accidente de Angrois.
O presidente Rueda xa avanzara ao Rei o seu desexo de que Galicia despedise de xeito especial a estancia da princesa Leonor na Escola Naval de Marín. Alí, arredor do 16 de xullo, día da Virxe do Carmo, patroa da Armada, o rei adoita estar presente na entrega dos despachos, este ano coa singularidade de que a súa filla remata a súa formación naval. Así que a Xunta adiantará a entrega da medalla para aproveitar a presenza eses días da familia real e entregará a condecoración á princesa Leonor o día 14.
As Medallas de Galicia viñan entregándose tradicionalmente o propio Día Nacional, o 25 de xullo, ata 2013, cando o acto quedou cancelado ao ocorrer na véspera o accidente de Angrois. Ao ano seguinte, en 2014, o gabinete daquela dirixido por Alberto Núñez Feijóo decidiu conceder as Medallas ás persoas afectadas polo sinistro e aos servizos sanitarios, de emerxencias e seguridade que as atenderon malia ao aberto rexeitamento de parte importante das vítimas.
Dende aquel ano, a Xunta optou por borrarse do 25 de xullo cunha única excepción, o 2021. Cadrando co Xacobeo e cunha visita do rei, o que sería derradeiro Día Nacional con Feijóo na presidencia si volveu acoller a entrega das Medallas, concedidas naquela ocasión aos servizos sanitarios pola loita contra a COVID. Pero nos anos seguintes a entrega volveu ao día 24 mesmo sen que no acto se lembrase en absoluto o accidente de Angrois.
En todas esas ocasións coa entrega das Medallas o 24 o Goberno galego limitouse no Día Nacional a asistir a eventos organizados por outras entidades, principalmente a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral, precedida dunha parada militar.