A crítica do arcebispo a usar migrantes como arma política non afecta a Rueda: "En Catalunya ningún 'mena', en Galicia 300"

Rueda accedendo o venres á catedral de Santiago para a Ofrenda ao Apóstolo precedido polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente non se sente interpelado pola crítica eclesiástica e pide ao Estado "control en fronteiras, non pode haber un efecto chamada"

Tras varias semanas nas que o PP e a Xunta viñan poñendo o foco na inmigración como elemento de confrontación política co Goberno de España e as esquerdas en xeral, o venres o presidente Rueda, na súa intervención na Ofrenda ao Apóstolo, insistiu na necesidade "regular con acerto a emigración". A continuación o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, dixo na súa homilía que é "inaceptable" usar migrantes como "arma política".

Ante esta situación, séntese o presidente Rueda, a Xunta ou o seu partido interpelados pola crítica do arcebispo? A esa pregunta formulada este luns na rolda de prensa do Consello da Xunta respondeu Rueda que "ao contrario".

Alfonso Rueda co arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, antes da Ofrenda ao Apóstolo o pasado venres CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Levo tempo dicindo que os migrantes son persoas que veñen buscando unha nova vida para eles e as súas familias", comezou a súa resposta o presidente da Xunta, que pide "non facer nin improvisacións nin cálculos políticos" coa migración, actuacións que desvincula do seu goberno ou do PP. 

Rueda reitera o acrónimo "mena", que nos últimos anos virou de referencia técnica a alcume despectivo, mentres hai xa media década que a Xunta o desbotou oficialmente

Porén, xusto a continuación Rueda criticou que o reparto de menores estranxeiros non acompañados entre comunidades autónomas que prevé o Goberno de España é "un trágala". E fíxoo empregando varias veces o acrónimo "mena" que nos últimos anos virou de referencia técnica para unha situación administrativa a alcume despectivo. De feito, o termo técnico que emprega a Xunta dende hai media década é "nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados", NNAMNA.

Porén, Rueda incidiu varias veces no termo "mena" e chegou a criticar que nese reparto estatal "en Catalunya ningún mena, en Galicia máis de 300", afirma nun contexto no que as institucións catalás teñen acollidos máis de 2.000 menores migrantes sen compaña familiar. "Iso si é consideralos como pura mercadoría", asegurou Rueda.

"Pedimos control en fronteiras, non pode haber un efecto chamada, un beneficio para as mafias", reclamou o presidente sobre unha cuestión cuxa competencia é exclusivamente do Goberno central.

Rueda no Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda engadiu que "debemos facer unha regulación ordenada para que atendamos estas persoas como persoas que son e que atendamos tamén a necesidade que temos de postos de traballo a cubrir". "Se ao que se refería o arcebispo é a iso, eu estou completamente de acordo", concluíu Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.