Prieto pide "acoller desde a legalidade e a fraternidade" os migrantes e expresa a "máis firme condena" da "violencia racista" e da "criminalización colectiva"
Tras varias semanas nas que o PP vén poñendo o foco na inmigración como elemento de confrontación política co Goberno de España e as esquerdas en xeral, con Feijóo abrindo a porta a máis expulsións de migrantes, este 25 de xullo o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, censurou na súa intervención durante a tradicional ofrenda ao Apóstolo como "inaceptable" o uso desas persoas como "arma política". Fíxoo ante o propio Feijóo e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que tamén vén criticando o traslado a Galicia de menores por parte do Goberno central.
As críticas de Prieto ao uso partidista das migracións chegan na mesma semana en que a Arquidiócese vén de instalar unha escultura de Xesucristo representado como persoa sen fogar na Oficina de Atención ao Peregrino, a carón dun centro de Cáritas especializado na atención ao senfogarismo.
O arcebispo foi claro e contundente na súa homilía, na que reclamou non perder "unha mirada e sensibilidade evanxélicas ante a necesaria acollida e integración das persoas migradas". "É inaceptable utilizar os migrantes ou refuxiados como arma política, cando xa acumulan a dor polo desarraigamento e o abuso das mafias. Han de ser acollidos desde a legalidade e a fraternidade. E a nosa máis firme condena: nin violencia racista nin criminalización colectiva", dixo Prieto.
Tamén lembrou que aínda que coas nosas actuacións "non poidamos mudar o mundo enteiro", si se pode transformar a contorna "con xestos concretos: acollendo, acompañando, compartindo, denunciando o inxusto ou sementando reconciliación".
"É inaceptable utilizar os migrantes ou refuxiados como arma política cando xa acumulan a dor polo desarraigamento e o abuso das mafias", dixo Prieto
Así, pediu que "en tempos de fragmentación e polarización", a Igrexa sexa "un fogar para todos, especialmente para os descartados". "A esperanza pídenos alzar a voz sen medo en defensa de quen está sufrindo, hoxe, moi graves inxustizas: vítimas das guerras, mulleres escravizadas na trata e na prostitución; a falta de vivenda e dun traballo digno e seguro", engadiu, advertindo de que "o próximo sempre ten rostro concreto e alí o Señor espéranos".
Ademais, insistiu na necesidade de abordar problemas como "as dificultades no acceso á vivenda de mozas e familias", as "feridas que provocan as adicións", a violencia contra nenos e mulleres ou "as guerras que arrasan coa verdade, a xustiza e a vida e levan o nome propio da barbarie que está acontecendo en Gaza". Aludindo ás palabras do Papa Léon, pediu "poñer xa fin a esta dramática situación humanitaria", así como tamén ao "sufrimento do pobo ucraíno". "Necesitamos unha paza xusta, baseada no dereito e a dignidade", engadiu.

Tampouco eludiu Francisco Prieto a súa alusión ás últimas polémicas que rodean a política estatal, sinalando os casos de corrupción. "Erradicar calquera forma de corrupción é unha grave encomenda, pois a súa existencia é un obstáculo para o ben común, unha ferida ao corazón da xustiza e un pecado que afecta a dignidade humana, xa que destrúe e instrumentaliza ás persoas para fins egoístas e erosiona a confianza nas institucións e na sociedade en xeral, creando un ambiente de desconfianza e cinismo", manifestou.
Rueda pide "recuperar o respecto á lei"
Pola súa banda, Alfonso Rueda, que exerceu como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo, instou a "recuperar a integridade e respecto á lei" nunha España que, segundo dixo, está "embebida na polarización extrema" e "manchada por prácticas impropias de persoas decentes".
Ademais, o presidente da Xunta pediu ao Apóstolo "recuperar a credibilidade e a lexitimidade de organizacións e institucións".