O arcebispo reclama avanzar na normalización do galego na Igrexa durante unha visita á RAG

Visita do arcebispo de Santiago, Jesús Prieto, á RAG © RAG

"Na responsabilidade que me toca de liderar a Igrexa en Galicia, tratarei de que se abran camiños para que a normalidade para a lingua galega vaia chegando nun horizonte cotián", di José Prieto

O arcebispo de Santiago, José Prieto, realizou este luns unha visita institucional á Real Academia Galega (RAG) no marco dos encontros similares que está a manter desde a súa chegada ao cargo hai cinco meses. Na reunión coa comisión executiva da RAG Priego apelou a avanzar na normalización do galego na Igrexa.

No encontro do arcebispo coa RAG estiveron presentes o presidente, Víctor Freixanes, os membros da comisión executiva, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre e Fina Casaldarrey, así como os académicos de número e teólogos Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal, "activos defensores dende os seus anos universitarios en Roma da galeguización da Igrexa", segundo lembra a academia.

O arcebispo José Prieto visitando as instalacións temporais da RAG mentres se rehabilita a súa sede © RAG

Prieto amosou a súa vontade de dar pulo á lingua do país no seo da Igrexa galega. "Todos temos que facer un esforzo como Igrexa para que a liturxia se normalice na vida das nosas comunidades parroquiais. Na responsabilidade que me toca de liderar a Igrexa en Galicia, tratarei de que se abran camiños para que esa normalidade vaia chegando non nun horizonte afastado senón cotián", dixo.

“Podemos ter libros editados pero fai falta ademais ter suficiente sensibilidade e compromiso”, di o arcebispo sobre o uso do galego na liturxia

O arcebispo tamén anunciou que proximamente sairá do prelo a segunda edición do Misal en galego, mais recoñeceu que non abonda con dispoñer de recursos deste tipo. “Podemos ter libros editados pero fai falta ademais ter suficiente sensibilidade e compromiso”, advertiu. 

Prieto agradeceu ademais o labor da RAG en defensa da lingua e da cultura galegas. “Desde 1906 temos unha institución que coida da nosa lingua, que a promove, que defende unha forma de expresión que non é só unha gramática e un dicionario, senón unha maneira de vivir e de ser, a cultura de ser galegos”, valorou.

O arcebispo José Prieto na súa visita ás instalacións temporais da RAG mentres se rehabilita a súa sede © RAG

Pola súa banda, Freixanes agradeceu a Prieto a visita e confiou en que a súa etapa á fronte da arquidiocese compostelá facilite a galeguización da Igrexa, seguindo o ronsel de antecesores no posto como Manuel Lago González (1865-1925). "O relixioso tudense, membro fundador da RAG e protagonista do Día das Letras Galegas de 1973, empregou a principios do século pasado a lingua galega e abriu expectativas importantes para o seu uso que logo se viron truncadas", lembra a academia.

"A normalización do noso idioma pide a súa presenza activa tamén no culto relixioso e un compromiso decidido por parte da xerarquía católica", di Freixanes

"A incorporación do galego á liturxia supuxo un esforzo grande, no marco do Segundo Concilio Vaticano, que en moitos aspectos segue pendente de realización. A normalización do noso idioma pide a súa presenza activa tamén no culto relixioso e un compromiso decidido por parte da xerarquía católica", salientou Freixanes. “A Igrexa galega sabe que conta coa RAG para canto signifique avanzar no uso do noso idioma no ámbito relixioso, na medida en que o consideramos unha expresión máis das preocupacións íntimas da comunidade”, concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.