O ourensán Francisco Prieto, novo arcebispo de Santiago de Compostela

Francisco José Prieto, novo arcebispo de Santiago, na rolda de prensa da súa presentación © CRTVG

Francisco Prieto (Ourense, 1968) será o novo arcebispo de Santiago en substitución de Julián Bario, que abandona o cargo que asumira en 1996, hai case 30 anos. Así o anunciou este último nunha comparecencia de prensa este sábado. 

"Dou grazas porque me acolleu como un pai; a mestría de don Xulián foi sempre feita de palabra fonda e xeito sinxelo", agradeceu Prieto na rolda de prensa onde foi anunciada a decisión do Papa de nomealo como novo arcebispo, que tomará posesión o vindeiro 3 de xuño. 

Julián Barrio e Francisco Prieto, na rolda de prensa © CRTVG

Prieto foi nomeado bispo auxiliar de Santiago en 2021 e antes compaxinara a docencia co seu labor en varias parroquias da diocese de Ourense

O arcebispado compostelán será agora ocupado por Prieto, que foi nomeado bispo auxiliar de Santiago en 2021 e que antes compaxinara a docencia co seu labor eclesiástico en parroquias da diocese ourensá. Ordenado sacerdote en 1993, e licenciado en Teoloxía Patrística pola Factulade de Teoloxía da Universidade Gregoriana de Roma, tamén é doturo en Teoloxía Bíblica pola Universidade Pontificia de Salamanca. 

Como docente, foi profesor no Instituto Teolóxico Divino Maestro, director do Centro de Ciencias Relixiosas San Martín e profesor convidado no Instituto Teolóxico Compostelano. 

No momento de ser nomeado bispo auxiliar en Santiago, Prieto era o capelán do mosteiro de San José-Clarisas e vicario episcopal para a Nova Evanxelización de Ourense. Agora, asume o arcebispado en substitución de Barrio, quen xa en 2021 presentara a súa renuncia por cuestións de idade, ao cumprir os 75, pero o Vaticano decidiu que continuase no cargo, en parte por non interromper o mandato en pleno Ano Santo. 

Julián Barrio (1946, Manganeses de la Polvorosa, Zamora) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Oviedo e en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca. Chegou a Santiago de Compostela en 1992 como bispo auxiliar e un catro anos despois asumía o arcebispado tras a marcha do seu antecesor, Antonio María Rouco Varela, a Madrid. Un proceso que agora se imita coa chegada de Prieto, que na Conferencia Episcopal Española é membro da Comisión para as Comunicacións Sociais e da Subcomisión para o Patrimonio Cultural. 

Francisco Prieto, novo arcebispo de Santiago © Arquidiocese de Santiago

Entre os candidatos, ademais de Francisco Prieto, tamén se especulou coa posibilidade de que o elixido fose o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, sobriño do cardenal Antonio María Rouco Varela, que precedeu no cargo ao propio Julián Barrio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.