O popular Miguel Santalices, actuando como delegado rexio na cerimonia anual da traslación, eloxia a Constitución fronte ao desafío secesionista e apela a loitar contra as seudociencias e a violencia contra as mulleres
Unha inmigración "enriquecedora" pero "ordenada, que busque a integración pero que respecte a integridade territorial, o ordenamento xurídico e os dereitos e liberdades dos territorios de acollida". Esa foi unha das peticións que este domingo lanzou na Catedral de Santiago o presidente do Parlamento de Galicia, o popular Miguel Santalices, actuando como delegado rexio na cerimonia relixiosa anual de conmemoración da traslación do Apóstolo.
A traslación lembra a lenda do traslado dos restos do Apóstolo Santiago tras a súa decapitación desde o porto de Haifa, próximo a Xerusalén, ata Galicia, onde previamente tería predicado en vida o palestino discípulo de Xesús. Desde 1642 a Casa Real española está presente, a través do seu xefe ou dunha persoa que o represente, na Catedral de Santiago para conmemorar esa lenda cunha ofrenda ou “invocación”. Nos anos cunha especial carga simbólica, como os xacobeos, adoita estar presente un membro da Casa Real, mentres que noutros como este faino a través dun representante, que desta volta volve ser o presidente do Parlamento de Galicia e que noutros anos é o presidente da Xunta (Feijóo estaba presente este domingo entre os asistentes á cerimonia) ou o alcalde de Santiago.
En anos anteriores diversos oferentes puxeron en mans do Apóstolo a solución de problemas políticos como a corrupción, a sostibilidade do Estado de Benestar ou a unidade de España
En anos anteriores, tanto nesta ofrenda como na que tamén se celebra cada 25 de xullo, o día de Santiago, a Casa Real ou os seus delegados puxeron en mans do Apóstolo a solución de problemas políticos como a corrupción, a sostibilidade do Estado de Benestar ou a unidade de España.
Este ano, con varios partidos da dereita alertando dos supostos riscos da inmigración, entre eles o PP da nova dirección de Pablo Casado, quen criticou os migrantes que non respectan os costumes occidentais, Santalices dedicou un momento central da súa intervención a esa temática. Tras lembrar a tradición emigrante galega, o popular salientou que as últimas décadas de progreso económico permitiron reverter esa situación e que España se convertese en lugar de chegada de inmigrantes, algo que considerou "beneficioso" para a economía e "enriquecedor" no cultural. Foi aí cando o político popular fixo votos por que esa inmigración sexa “ordenada, que busque a integración pero que respecte a integridade territorial, o ordenamento xurídico e os dereitos e liberdades dos territorios de acollida”.
A invocación de Santalices como delegado rexio comezou desexando “longa vida á súa maxestade e á familia real, que a prudencia e o acerto o acompañen”, para continuar cun eloxio da Constitución e dos seus 40 anos de vixencia. No seu discurso o popular dedicou espazo ao “desafío secesionista, un quebrantamento democrático que sitúa ao noso país ante o maior reto das últimas décadas”. Tamén alertou contra as seudociencias e apelou a combatir mellor a violencia contra as mulleres, entre outras cuestións. O seu discurso rematouno Santalices cunha cita de Castelao: “Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”.