O rei pide axuda divina contra a corrupción a través do alcalde de Santiago

Agustín Hernández saúda o arcebispo, Julián Barrio, ao chegar á Catedral © Concello de Santiago

Dende 1642 a Casa Real española acode cada 30 de decembro á Catedral de Santiago para, a través do seu xefe ou dunha persoa que o represente, conmemorar a lenda da traslación dos restos do Apóstolo Santiago dende Xerusalén ata Galicia, segundo o relato recollido no Códice Calixtino. Aínda que o contexto político galego e español mudou notablemente, dende século XVII a institución que ostenta a Xefatura do Estado segue realizando cada ano este acto, o cal inclúe unha ofrenda e "invocación" a Santiago o Maior que, obviando a aconfesionalidade estipulada na Constitución, pon nas mans divinas asuntos políticos e, en todo caso, terreais. Tras realizar persoalmente a ofrenda ao Apóstolo do pasado 25 de xullo o rei Filipe VI deixou desta volta o ritual nas mans do alcalde de Santiago, Agustín Hernández, que se encomendou aos ceos para abordar, entre outros, un dos problemas que motivaron o seu acceso ao cargo no mes de xullo: a corrupción.

Quen ata o pasado verán exercía como conselleiro de Infraestruturas da Xunta é o terceiro rexedor da capital galega no que vai de mandato. O primeiro, Gerardo Conde Roa, dimitiu por mor da fraude fiscal da súa empresa construtora e o segundo, Ángel Currás, imputado no caso Pokémon, fixo o propio tras a inhabilitación por prevaricación da metade do seu equipo de goberno. Neste contexto, Hernández pasoulle revista á parada militar organizada en plena Praza do Obradoiro e, como alcalde dun gabinete composto na súa maioría por edís non electos, dispúxose a "cumprir coa tradición e co desexo de honrar" a "memoria e veneración" do Apóstolo, que "ao longo de xeracións e de séculos fomos construíndo movidos pola fe que de ti recibimos", díxolle ao santo.

"Quixera que nos acompañases na tarefa de loitar sen límites contra a corrupción", di Hernández, terceiro rexedor de Compostela no que vai de mandato

No seu discurso como delegado rexio Hernández explicou que, tras "séculos" nos que a "imaxe" apostólica "leva inspirando as nosas vidas e as nosas condutas", "seguimos acudindo a ti" para "ofrecerche a nosa pregaria e o noso ofrecemento pola túa intercesión". Entre os asuntos para os que, no nome do rei, pide axuda o alcalde compostelán están os "factores que superan de forma manifesta a nosa capacidade", como a violencia machista, o terrorismo ou "a propagación de enfermidades mortais", pero tamén "quixera que nos acompañases -pregou- na tarefa de loitar sen límites contra a corrupción, para tratar de erradicala definitivamente da vida política e social" e "nos axudes na recuperación de principios e valores" aos que "xa se referira o admirado Xoán Paulo II".

O popular pide intervención apostólica para garantir "dereito ao traballo e á vivenda" e mais a unidade de España

Como xa acontecera na mesma cerimonia en 2013 e 2012 a oración das autoridades tamén serviu para pedir auxilio espiritual na xestión da crise económica e dos seus efectos. Neste caso, Agustín Hernández pide que a "luz" de Santiago Apóstolo dea "calor a todos, afastando de quen as padece as penurias da pobreza e achegándonos a unha sociedade cada paso máis fraternal e solidaria". Do mesmo xeito, considera tamén dignos de intervención sobrenatural o exercicio de dúas previsións constitucionais: "o dereito ao traballo e á vivenda", para que "sigan a ser o noso obxectivo prioritario". "Pŕegoche que nos acompañes no noso traballo, dunha forma especial aos que temos obriga e responsabilidade de gobernar" porque  "non sempre é doado acertar completamente".

Hernández expresa todas estas súplicas dende a "confianza" nun santo do que tamén recupera a que, segundo a mitoloxía, é unha das súas especialidades: a garantía da unidade de España. "Sabemos que nos vas axudar a reforzar, como fixeches no pasado, a nosa unidade e os nosos desexos de convivencia, aqueles que establecemos de común acordo" e que "nos serviron a mellorar como pobo". Todos estes "desexos e pregarias", advirte o popular, son expresados dende o "convencemento" de que, "aínda sendo da miña completa responsabilidade, responden ao superior criterio de quen represento nesta conmemoración", isto é, Felipe de Borbón quen, lembra, xa como príncipe acudiu á Catedral compostelá para pedir que "endexamais carezamos do brillo da vosa ultraterrea e misericordiosa ollada".

Hernández, durante o discurso na Catedral © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.