En 2023 naceron en Galicia 14.004 nenos e nenas, case 500 menos que no ano anterior (14.495) e case seis mil menos que unha década antes. Os datos provisionais de 2024, que imos coñecendo mensualmente, indican que a tendencia tampouco cambiará este ano
O número de nacementos segue a descender en Galicia. Durante o 2023 naceron no país 14.004 nenos e nenas, case 500 menos que no ano anterior (14.495) e case seis mil menos que unha década antes (19.727 en 2013). O dato supón un novo mínimo na serie histórica, que comeza no ano 1975.
Os datos de movemento natural da poboación publicados este mércores polo INE amosan ademais unha gran fenda en relación ao número de defuncións (32.782 en 2023), o que deixa o saldo vexetativo en -18.778. Iso si, a diminución do número de mortes durante o pasado ano (coa cifra máis baixa dende o 2019) leva a unha mellora nesa diferenza entre nacementos e defuncións.
En realidade, o descenso do número de nacementos no país comeza a deixar de ser noticia. O devalo iniciado no ano 2008, cando se rexistraran 23.175 inscricións de nenos e nenas, non se reverte nin se frea e os datos provisionais correspondentes ao 2024, que imos coñecendo mensualmente, indican que a tendencia tampouco cambiará este ano.
Galicia é a terceira comunidade autónoma cunha menor taxa de natalidade, só por diante de Asturias e Cantabria
A taxa bruta de natalidade en Galicia (número de nacementos por cada 1.000 habitantes) foi de 5,18 no ano 2023, moi por debaixo da media española (6,61). Galicia só supera os datos de Cantabria (5,05) e Asturias (4,51) e sitúase preto de Castela e León (5,23) e Canarias (5,39).
A taxa global de fecundidade (número de nacementos por cada 1.000 mulleres entre 15 e 49 anos) sitúase en Galicia en 26,25, de novo lonxe da media española (30,24), aínda que neste caso Galicia supera os datos de Canarias, ademais dos de Cantabria e Asturias.
No 21% dos nacementos que tiveron lugar en Galicia a nai procedía de fóra do Estado español. En 2018 a porcentaxe era só do 15%
Aínda que non hai cambios nas tendencias xerais, algúns indicadores si que amosan dúas mudanzas importantes en Galicia en relación á natalidade: unha porcentaxe cada vez maior de nacementos teñen lugar en familias nas que a nai procede do estranxeiro e, ademais, a idade media da maternidade aumenta cada vez máis, cunha proporción cada vez maior de mulleres que teñen fillos e fillas con máis de 40 anos.
Nos últimos cinco anos, o número de nenos e nenas nacidos en Galicia cuxa nai nacera fóra do Estado español vén experimentando un ascenso lento pero sostido, pasando de 2.519 no ano 2018 aos 2.949 de 2023. Iso, unido ao rápido descenso de nacementos de nais nacidas en Galicia (de 14.041 en 2018 a 11.055 en 2023) elevou ata o 21,1% a porcentaxe de partos de nais nacidas fóra do Estado, máis de 1 de cada 5. En 2018 a porcentaxe era só do 15%.
O número de nacementos de nai con nacionalidade estranxeira é menor, un 13,4% do total (1.877).
Aínda que a tendencia é que o momento da maternidade cada vez se atrase máis, o pasado ano reduciuse a idade media para ter o primeiro fillo e filla e mesmo aumento a porcentaxe de nais menores de 30 anos
A estatística o INE amosa, ademais, como cada vez se producen máis nacementos de nais maiores de 40 anos -o 14,67% en 2023- e menos de nais menores de 30 anos -o 20,92% o pasado ano-. O groso dos partos corresponde a mulleres entre 30 e 35 anos (31,6%) e, sobre todo, entre 35 e 40 anos (32,78%).
Cómpre salientar que durante o pasado ano as porcentaxes mantivéronse estables e mesmo se reduciu o peso dos nacementos de nais por riba de 40 anos (de 15,2% a 14,7%) e aumentou o das nais menores de 30 (de 20,75% a 20,9%).
Haberá que agardar aos datos dos vindeiros anos para comprobar se estamos ante un cambio de tendencia derivado, quizais, das medidas para facilitar a crianza e a conciliación
De igual xeito, a idade media das nais nos nacementos que tiveron lugar en Galicia no ano 2023 mantívose nos 33,3 anos, a mesma cifra do ano 2022. E a idade media das nais que tiñan o seu primeiro fillo ou filla mesmo se reduciu lixeiramente, pasando de 32,5 a 32,44 anos. Non é a primeira vez que isto sucede nos últimos anos, pois xa no ano 2018 a media global se mantivera estable e a media para o primeiro parto descendera un chisco.
Haberá que agardar aos indicadores do actual ano 2024 e dos seguintes para comprobar se estamos ante un cambio de tendencia derivado, entre outros factores, das medidas adoptadas para facilitar a crianza e a conciliación, coma a extensión do permiso por nacemento a 16 semanas para cada proxenitor, a gratuidade das escolas infantís ou a mellora da conciliación en moitas empresas.
Mateo, Martín, Noa e Sofía, os nomes máis comúns
Mateo e Noa foron os nomes máis empregados en Galicia en 2023
O INE deu a coñecer tamén este mércores os nomes máis empregados durante o pasado ano en cada comunidade autónoma e no conxunto do Estado. En Galicia esta relación está encabezada por Mateo no caso dos nenos e por Noa no das nenas.
Martín, Hugo, Leo, Lucas, Enzo, Gael, Luca, Manuel e Antón aparecen tamén nos dez primeiros lugares entre os varóns. E Sofía, Olivia, Martina, Valeria, Vega, Lara, Mia, Sara e Vera completan a listaxe nas nenas. No conxunto do Estado español Hugo e Lucía foron os nomes máis comúns.
A listaxe do 2023 ten moitas semellanzas cos dos anos anteriores (en 2022 os nomes máis frecuentes en Galicia foron Martín e Noa e en 2021 foron Mateo e Sofía) e continúan a tendencia que xa analizamos en 2022 nesta peza de datos, na que afondamos no cambio que se producira nas últimas décadas nos nomes empregados.