Hai 10 anos o saldo vexetativo era positivo en 17 concellos. Cinco anos máis tarde eran tan só 7, no 2019 eran 4, no 2021 só 2. E no 2022 unicamente un municipio resiste con máis nacementos que defuncións: Ames
Hai 10 anos, en 2013, Galicia era xa un país envellecido e cunha das menores taxas de natalidade de Europa. Pero nese ano houbo case vinte mil nacementos (o pasado ano 2022 foron menos de 14.500) e en 17 concellos había aínda máis nacementos que defuncións. Cinco anos máis tarde eran tan só 7, no 2019 eran 4, no 2021 só 2. E no 2022 unicamente un municipio mantivo un saldo vexetativo positivo: Ames, con 17 nacementos máis que defuncións.
Outros concellos, como Salceda de Caselas, O Porriño, Oroso ou Arteixo, que ata agora figuraban nesa curta relación, pasaron xa a engrosar as filas dos lugares nos que nacen menos persoas das que morren.
En total, durante o pasado ano, en Galicia morreron 20.000 persoas máis das que naceron, un saldo vexetativo negativo que foi compensado por un saldo migratorio moi positivo, grazas ao que a poboación aumentou lixeiramente.
En Vigo a cifra baixou de 2.564 nacementos en 2012 a 1.639 en 2022. E na Coruña pasou de 2.098 a 1.431 nese mesmo período
A realidade é que cada vez nacen menos nenos e nenas no país, especialmente nas zonas rurais, pero tamén na Galicia urbana o número de nacementos tamén está a rexistrar un forte descenso nos últimos anos. Por exemplo, en Vigo a cifra baixou de 2.564 en 2012 a 1.639 en 2022. E na Coruña pasou de 2.098 a 1.431 nese mesmo período. Mesmo en Ames o número viuse reducido de 352 a 216.
A consecuencia máis directa é a diminución no número de alumnos e alumnas matriculadas no segundo ciclo do ensino infantil (de 3 a 6 anos), mesmo nas cidades, onde son moitos os centros que non son quen de encher as unidades que teñen asignadas, desaparecendo as listas de espera na maior parte.
Na Teixeira non se produciron nacementos entre o ano 2018 e o 2022
Pero se a situación preocupa nas cidades, faino moito máis nun número elevado de pequenos concellos das zonas rurais, nos que o nacementos de nenos e nenas pasou a ser algo estraño, case un acontecemento e que, ademais, supón un reto para o mantemento de moitas escolas unitarias, ás que a Xunta esixe un número mínimo de 5 matrículas para seguir abertas.
A Teixeira é un exemplo claro, pois neste concello ourensán non naceron nenos ou nenas nos anos 2019, 2020, 2021 e 2022. Pero non é o único caso: o pasado ano non houbo nacementos tampouco en Negueira de Muñiz, As Nogais, A Mezquita e Vilar de Barrio. E noutras 16 localidades houbo tan só un nacemento ao longo do ano 2022.
En 94 concellos galegos houbo entre 2018 e 2022 menos de 25 nacementos, é dicir, menos de 5 por ano
En total, en 94 concellos galegos houbo entre 2018 e 2022 menos de 25 nacementos, é dicir, menos de 5 por ano. E en 21 o número de nenos e nenas nacidas nese tempo non chegou a 10.
A maioría destas localidades están en Ourense, pero tamén en Lugo. E mesmo hai algún exemplo na provincia da Coruña e Pontevedra: Toques, Cerdido e Dozón (15 nacementos en cinco anos nos tres casos), Mondaríz-Balneario, Mañón, Moeche, As Somozas, Vilarmaior, Crecente, A Capela, Santiso...