Galicia, ano 2039. O país conta con 2,7 millóns de habitantes (concretamente 2.697.266), practicamente os mesmo que no ano 2024 (2.705.741). Esa é, cando menos, a predición que realiza o Instituto Nacional de Estatística (INE) nunha proxección de poboación que, con todo, amosa cambios importantes en relación aos datos actuais.
A proxección feita pública polo INE hai uns días prevé que o conxunto do Estado español si gañe poboación nos vindeiros 15 anos, pois pasaría dos actuais 48,6 millóns de habitantes a sumar case 54 millóns.
O INE prevé un ascenso sostido entre 2024 e 2030, ata chegar a un máximo de 2.735.000 habitantes, para despois descender nos nove anos seguintes
Galicia contaría no ano 2039 cun número de habitantes moi semellante ao actual, pero o cálculo do INE non prevé un estancamento, senón un ascenso sostido entre 2024 e 2030, ata chegar a un máximo de 2.735.000 habitantes, para despois descender nos nove anos seguintes. Esta tendencia de incremento nos vindeiros anos continuaría a que se vén producindo dende o 2021, pois nos dous úlitmos anos a poboación de Galicia medrou en 15 mil persoas grazas á inmigración.
A porcentaxe de poboación maior de 65 anos medrará do 26,9% ao 33,1%
A poboación de Galicia será en 2039 a mesma en número, pero diferente nas súas características. En primeiro lugar, seremos un país máis vello, como amosa a seguinte pirámide de poboación. A idade media pasará dos actuais 48,5 anos a 51,4 e a porcentaxe de poboación maior de 65 anos medrará do 26,9% ao 33,1%.
O grupo quinquenal maioritario pasará de ser o das persoas entre 45 e 50 anos a ser o das persoas entre 60 e 64, correspondentes ambos ao das nacidas entre 1975 e 1980, fillas e fillos do baby boom.
Segundo o INE tamén aumentará o número anual de nacementos: 13.909 na actualidade e 15.650 no ano 2039
Segundo o INE tamén aumentará o número anual de nacementos: 13.909 na actualidade e 15.650 no ano 2039, grazas de novo á chegada de poboación nova inmigrante. Porén, iso non será suficiente para equilibrar o saldo vexetativo, pois o número de defuncións nunha sociedade aínda máis envellecida será moi superior.
O INE tamén prevé que aumente un chisco a taxa de natalidade e que se reduza a idade media da maternidade, dos actuais 33,2 anos ata os 33,7.
Seguirá a haber máis inmigrantes que emigrantes, pero o INE aventura que a chegada de inmigrantes procedentes do estranxeiro será inferior á que actualmente se produce
Seguirá a haber máis inmigrantes que emigrantes, pero o INE aventura que a chegada de inmigrantes procedentes do estranxeiro será inferior á que actualmente se produce. Si aumentará lixeiramente a chegada de persoas procedentes doutras comunidades do Estado.
A emigración ao estranxeiro tamén se reducirá, mentres que medrará un pouco a saída a outros territorios do Estado. O saldo migratorio de Galicia seguirá a ser, en todo caso, positivo.
Mentres que na actualidade o 11% da poboación galega naceu no estranxeiro (fóra do Estado), no ano 2039 esta porcentaxe será do 19%
En calquera caso, a chegada de persoas doutros países configurará segundo o INE unha sociedade distinta á actual, con orixes máis diversas, que xa se está a visualizar sobre todo na Galicia urbana e nas novas xeracións. Mentres que na actualidade o 11% da poboación galega naceu no estranxeiro (fóra do Estado), no ano 2039 esta porcentaxe será do 19%. De seguro que nas xeracións máis novas esta proporción será moi superior, pois xa na actualidade o 17% da poboación entre 25 e 44 anos naceu no estranxeiro.
Será unha Galicia, finalmente, na que os fogares unipersoais serán aínda máis habituais que no 2024. Na actualidade o 31% dos fogares está composto dunha soa persoa, que vive soa, con idade avanzada en moitos casos. Segundo o INE dentro de 15 anos esta porcentaxe medrará ata o 37%. En paralelo, descenderán os fogares de dúas persoas, de tres persoas e, sobre todo, os de catro persoas ou máis (do 20% ao 15%).