A inmigración fai medrar a poboación galega en oito mil persoas no último ano

Rúa Real da Coruña © Xunta

As cifras de residentes de Galicia encadean tres anos dun ascenso sostido, cun aumento de máis de vinte mil habitantes dende o 2021

A poboación galega aumenta. Os últimos datos da Estatística Continua de Poboación do INE, publicados este xoves e correspondentes ao 1 de outubro, elevan a poboación total de Galicia ata as 2.712.132 persoas, o seu nivel máis alto dende o ano 2016. A cifra supón un aumento de case seis mil residentes no último trimestre e de oito mil nos últimos doce meses.

Despois de anos de devalo poboacional (entre 2011 e 2018 Galicia perdeu 75 mil habitantes) e tras a paréntese provocada pola pandemia de COVID, que levou a poboación ao seu mínimo a mediados do ano 2021 (2.690.972 habitantes), as cifras de residentes de Galicia encadean tres anos dun ascenso sostido, cun aumento de máis de vinte mil habitantes dende o 2021.

A clave está no saldo migratorio, coa chegada de milleiros de persoas do exterior, unha inmigración que está a compensar o saldo vexetativo cada vez máis negativo, cun número de nacemento cada vez máis pequeno e unha poboación progresivamente máis envellecida.

As cifras do INE amosan un incremento constante da poboación estranxeira en Galicia (+16 mil no último ano, +51 mil dende o 2021) e tamén do número de persoas nacidas no estranxeiro (+23 mil no último ano e +70 mil dende o 2021)

As cifras do INE amosan un incremento constante da poboación estranxeira en Galicia (+16 mil no último ano, +51 mil dende o 2021) e tamén do número de persoas nacidas no estranxeiro (+23 mil no último ano e +70 mil dende o 2021).

As persoas con nacionalidade estranxeira practicamente se duplicaron dende o 2016. Con todo, o seu peso no conxunto da poboación galega segue a ser baixo, comparado co doutras comunidades autónomas do Estado. Así, mentres que o 6,1% da poboación galega ten nacionalidade estranxeira, a media no conxunto de España é do 13,7% e chega ao 19% en Cataluña ou a Comunidade Valenciana. 

As persoas con nacionalidade estranxeira practicamente se duplicaron dende o 2016. Con todo, o seu peso no conxunto da poboación galega segue a ser baixo, comparado co doutras comunidades autónomas

Algo superior é a porcentaxe de galegos e galegas que naceron fóra do Estado español, un 11,8%. De igual xeito o seu peso é maior entre a poboación máis nova (ao redor do 20% da poboación galega entre 25 e 44 anos naceu no estranxeiro) e sobre todo nas cidades.

Segundo o INE, no último trimestre as persoas inmigrantes que chegaron a Galicia procedían principalmente de Venezuela e Colombia, que son as dúas comunidades máis numerosas no país, por diante das persoas procedentes de Brasil, Arxentina e Perú.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.