Política Social evita revelar ao Parlamento cantos menores migrantes acolle Galicia

Datos de protección de menores en Galicia e imaxe da conselleira de Política Social e do director xeral de Infancia, nunha xuntanza sobre acollemento de migrantes CC-BY-SA Montaxe e gráfico: Praza.gal | Foto: Xunta

Ao longo do pasado 2025 a Xunta decidiu rachar co modelo de protección de menores que veu aplicando durante décadas. Fronte á integración baseada en acoller a infancia e adolescencia necesitada de protección nun sistema único con independencia da súa procedencia ou problemática de orixe, a Consellería de Política Social deu en abrir un primeiro centro "específico" para menores migrantes non acompañados alegando a necesidade de facelo por non poder atender pola vía ordinaria os acollementos ordenados polo Estado, que o Goberno galego viña criticando como imposición.

Neste contexto abriu un primeiro centro en Monforte -nun complexo sen uso da asociación Prodeme- e co que, xa neste 2026, anunciou a habilitación dunha ducia de prazas máis nunha organización relixiosa especializada na atención a menores con sede en Burela. En ambos casos, o departamento que dirixe Fabiola García aludiu a unha cifra, 317 menores migrantes asignados a Galicia polo Estado. Ao mesmo tempo, non obstante, a mesma Consellería vén de negarse a revelar ao Parlamento cantas destas persoas están a ser realmente acollidas no noso país e os recursos públicos que dedica a facelo.

A conselleira de Política Xeral e o director xeral de Infancia, Jacobo Rey, participando a través de internet nunha xuntanza co Goberno de España sobre acollemento de migrantes, o pasado 2025 CC-BY-SA Xunta

Con este pano de fondo, e tamén en lembranza dos "ataques racistas" sufridos polo centro de Prodeme en Monforte antes da súa apertura e das cifras dispares de menores migrantes sen compaña familiar efectivamente acollidos en Galicia ante a ausencia dunha fonte oficial, o BNG dirixiuse o pasado abril formalmente a Política Social a través do Parlamento para tentar obter resposta. A mediados de maio chegou a contestación cos argumentos políticos da Xunta ao respecto, pero sen cifras.

Ante a apertura de centros "específicos" para menores migrantes á marxe do sistema xeral de protección, o BNG pregunta o Goberno galego por cantos está a acoller realmente e as condicións e recursos dos que dispón para facelo sen obter ningunha das cifras reclamadas

A pregunta, formulada pola deputada nacionalista Ariadna Fernández, pedía concretamente coñecer "cantos nenos, nenas e adolescentes migrantes sós chegaron a Galiza no 2025 e o que levamos de 2026 dos 317 anunciados pola Consellería de Política Social". Asemade, pedía a cifra exacta de menores migrantes "solicitantes de asilo" que chegaran no mesmo período e especificar "cantos deles están no sistema de protección residencial da Xunta".

Adicionalmente, a iniciativa do Bloque reclamaba que Política Social detallase cantas destas persoas menores de idade "que chegaron nestas condicións están en centros específicos, disgregados pola súa procedencia", e se tiveron "opción de acollemento familiar". Cuestionaba a Consellería, ao tempo, sobre "cantas prazas públicas residencias xestionada pola Xunta se crearon" en 2026 e 2026 para protección de menores e polo total de prazas residenciais neste sistema de protección existentes na actualidade.

Na resposta, Política Social gábase de dispor dun sistema de protección de menores "que destaca por ser un dos máis inclusivos e integradores de España", unha "referencia" por estar "composto maioritariamente de pequenos recursos residenciais nos que os menores conviven sen importar a súa procedencia". Neste punto resalta que "ata 2025 o Goberno [de España] e as comunidades autónomas viñan pactando a asignación de menores migrantes dende Canarias e Ceuta", uns acordos dos que "Galicia sempre votou a favor".

Na resposta o departamento de Fabiola García gábase de dispor dun dos sistemas de protección "máis inclusivos" e lanza diversas críticas ao Goberno de España por "rachar a vía do acordo" no acollemento de menores migrantes, pero non achega ningún dos datos solicitados

mentira -enfatiza Política Social- que o Goberno central obrigase a Galicia a ser solidaria no acollemento de menores migrantes", senón que "optou por rachar a vía do acordo" e "decidiu impoñer unha distribución obrigatoria" e "obrigou as comunidades autónomas a sumir o financiamento". Ante o que a considera unha "imposición", abonda "o Goberno galego viuse obrigado a poñer en marcha recursos específicos para a atención dos menores migrantes non acompañados, rompendo así co noso modelo de protección da infancia".

A resposta da Consellería finaliza avanzando a súa intención de "seguir reclamando" ao Goberno de España e instando a deputada do BNG a "non esquecer que Galicia está a solucionar un problema que o Goberno de España é incapaz de solventar". Non achega as cifras reclamadas sobre menores e prazas dispoñibles nin tampouco aclara a pregunta final, "o motivo polo que a Consellería de Política Social atrasa dous ou tres anos a publicación das estatísticas do sistema de protección de menores".

Cifras parcialmente públicas

A Xunta non divulga datos de menores migrantes en acollemento dende 2022, cando eran 177, malia dispor xa o IGE das cifras de 2023 (152) e 2024 (237)

Actualmente a versión máis actual desa estatística é a publicada en 2023 con datos de 2022, ano no que recibiran acollemento en Galicia 177 menores de orixe estranxeira en situación de desamparo por non teren compaña familiar. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), que elabora os datos para a Consellería, o estudo de 2023 está xa rematado e o de 2024, en elaboración. 

Mostra disto é que xa dispón dos datos de menores migrantes acollidos neses dous exercicios, aínda non divulgados polo Goberno galego, que tamén evita incluílos na súa resposta ao Parlamento: 152 en 2023 e 237 en 2024. Tamén chega ao mesmo 2024 a información sobre o número de prazas existentes en centros residenciais de protección de menores, 868 en 2024, todas elas cubertas segundo a mesma fonte, que amosa como en varios exercicios o sistema estivo obrigado a funcionar moi por riba da súa capacidade, evidenciando o "colapso" admitido pola propia Consellería tras múltiplas advertencias de entidades sociais expertas na atención á infancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.