Política Social abre en Burela outro centro para menores migrantes segregado do resto do sistema de protección

O director xeral de Infancia, visitando o centro de día para menores San Aníbal, que xestionan as Rogacionistas en Burela, en abril de 2025 CC-BY-SA Xunta

A Xunta encomenda á congregación das Rogacionistas unha ducia de prazas para atender estes menores na localidade mariñá e volve culpar o Goberno de España da súa decisión de envialos a instalacións "específicas" só para eles

A Consellería de Política Social disponse a "abrir" un segundo centro para atender menores migrantes sen compaña familiar segregado do resto do sistema de protección. Despois de rachar por primeira vez o pasado 2025 co modelo de integración -acollida destes menores canda outras persoas de idade necesitadas de acubillo por parte da Administración, con independencia da súa procedencia- coa apertura dun primeiro centro en Monforte, o Goberno galego disponse a reproducir a decisión con outro en Burela.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, confirmou este mércores a súa elección e tamén que o servizo correrá a cargo da congregación relixiosa Fillas do Divino Celo, as Rogacionistas, que xestionan na localidade mariñá dous centros de menores con prazas concertadas coa Xunta. Como en Monforte, onde a elixida foi a asociación Prodeme, a Consellería xustifica a creación dun centro "específico" para menores migrantes atribuíndo a responsabilidade ao Goberno de España e a elección, en que a devandita entidade é "referente na atención á infancia e a adolescencia".

O director xeral de Infancia e a conselleira Fabiola García, participando a través de internet nunha conferencia sectorial sobre atención a menores migrantes CC-BY-SA Xunta

Sostén Jacobo Rey que o departamento que dirixe Fabiola García toma a decisión polo que denomina como "envío constante de novos menores migrantes". As Rogacionistas, eloxia, "ofrecéronse á Xunta dende o primeiro momento para xestionar este proxecto", que "contará cunha ducia de prazas" que "dan resposta ao previsible envío de máis menores estranxeiros nas vindeiras datas". O alto cargo de Política Social insta a "recordar" que o Executivo central "impuxo a Galicia a acollida de 300 adolescentes" e por iso reclama "financiamento para sufragala".

Ante a apertura do primeiro centro en Monforte o Colexio de Educadoras Sociais advertira de que "os modelos segregacionistas non funcionan" e subliñara que "os dereitos non poden variar en función da procedencia ou da cultura dun neno"

A ruptura do modelo de integración coa creación de centros exclusivos para menores migrantes recibiu amplas críticas dende a oposición parlamentaria coa apertura do centro de Monforte, pero tamén por parte de entidades profesionais especializadas na atención a menores en centros de protección. Foi o caso do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), que vén advertindo de que "os modelos segregacionistas non funcionan, hai moitos estudos que así o avalan e mesmo en Galicia houbo experiencias que non funcionaron".

A presidenta do CEESG, Sonia González, subliñaba daquela en declaracións a Praza.gal que tan certo é que "existe sobreocupación" nos centros de protección de menores e que cómpre "crear novos espazos" como que "os dereitos non poden cambiar en función da procedencia ou da cultura dun neno". No "mesmo sistema" de protección non pode haber "distintos dereitos", expoñendo a menores migrantes "ás consecuencias que ten calquera gueto", subliñaba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.