Ataque ao edificio designado pola Xunta para acoller menores migrantes en Monforte

Declaracións do 13 de setembro da conselleira de Política Social diante do edificio atacado, no momento no que anunciou que acollería a menores migrantes CC-BY-SA Xunta

O Concello de Monforte confirma un ataque con dous "cócteles molotov", unha semana depois de que a conselleira de Política Social anunciase a súa intención de destinar este inmoble ao "primeiro centro específico para menores estranxeiros" 

Hai unha semana, o 13 de setembro, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o edificio residencial Francisco Suárez que a asociación Prodeme ten en Monforte sería "o primeiro centro específico para menores estranxeiros que se abrirá en Galicia para afrontar o traslado impulsado polo Goberno central". Menores que o Goberno galego viña integrando no sistema ordinario de protección ata este anuncio. 

Na madrugada deste sábado o inmoble recibiu o impacto de dous artefactos incendiarios, un ataque que está a ser investigado pola Policía Nacional. O Concello de Monforte confirma que houbo dous "cócteles molotov", un deles entrou no comedor da planta baixa por unha ventá previamente forzada e o outro quedou fóra do edificio. O que estalou dentro do edificio provocou un lume que acabou por derreter a instalación eléctrica. 

Edificio residencial Francisco Suárez, da asociación Prodeme, onde a Xunta vai situar este primeiro centro para menores migrantes en Monforte © Google Maps

O fume ascendeu pola escaleira do inmoble sen provocar danos, que se concentran no comedor, segundo traslada o Concello, que explica que pasadas as tres da madrugada a Policía Nacional informou ao alcalde de que o lume estaba "controlado". 

"Condenamos taxativamente os actos vandálicos acontecidos no edificio, que mesmo semellan un atentado. Unha sociedade pacífica como a monfortina non pode nin debe admitir actos como este", afirma o rexedor de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, a través dun comunicado. 

"Pedimos prudencia e deixemos que a Policía continúe coa investigación para que aclare canto antes o sucedido", indica a conselleira de Política Social

O tamén presidente da Deputación de Lugo vén de convocar unha xunta de voceiros municipal para o luns ás nove da mañá para analizar a situación conxuntamente con todos os grupos políticos da corporación "e formular un rexeitamento unánime de todos os concelleiros diante dos feitos tan graves que se veñen de producir". 

"Desde a Xunta de Galicia condenamos con toda firmeza os ataques esta madrugada ao centro da Asocación Prodeme en Monforte. Pedimos prudencia e deixemos que a Policía continúe coa investigación para que aclare canto antes o sucedido", indica a conselleira de Política Social, sen axenda pública para este sábado, desde a súa conta de Instagram. 

O propio Concello de Monforte recolle no seu comunicado que pasaron só sete días do anuncio da Xunta sobre esta modificación do seu sistema de protección da infancia e adolescencia. Unha decisión que Fabiola García vinculou á "imposición" do Goberno de España que, nas súas palabras, "obriga á Xunta a facer o que non quería, crear centros específicos para menores estranxeiros" polos 317 nenos e nenas que lle corresponde acoller a Galicia nun reparto estatal que a Xunta ten recorrido na xustiza. 

A conselleira de Política Social e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica no interior do edificio o pasado sábado CC-BY-SA Xunta

O Concello de Monforte indica que a Polícia terá que investigar "mensaxes que circularon previamente nas redes sociais nas que se indicaba que 'esto arránxase con gasolina"

Seguindo a información sobre a investigación que facilita o consistorio, as imaxes das cámaras de seguridade mostran a varias persoas no exterior do edificio na noite do venres ao sábado. Unhas imaxes que serán analizadas polos axentes da Policía, que tamén terán que atender a "mensaxes que circularon previamente nas redes sociais nas que se indicaba que 'esto arránxase con gasolina".

O incidente neste edificio destinado a acoller a 80 menores está a ser relacionado co racismo e o odio. O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, manifestou a través da súa conta na rede social X a súa "condena" rotunda a un ataque que cualificou de "intolerable" e "que pon en cuestión a convivencia e respecto da nosa sociedade". "As administracións temos a responsabilidade de actuar con firmeza, evitar discursos que alimenten o odio e garantir a seguridade dos menores", asevera Blanco.

"Pedímoslle ao PP que deixe de facer política ruín e partidista con nenos e nenas que están sós, que perderon ás súas familias e que o que necesitan é unha oportunidade", insistiu Pontón

A líder da oposición en Galicia, Ana Pontón, condenou "enerxicamente" o atentado desde a reunión do Consello Nacional do BNG que se celebrou na mañá deste sábado en Teo. "Vemos con preocupación a un PP que importa o discurso racista e de odio contra os máis débiles, como están a facer cos nenos e nenas que temos que acoller", afirmou a portavoz nacional do Bloque. "Pedímoslle ao PP que deixe de facer política ruín e partidista con nenos e nenas que están sós, que perderon ás súas familias e que o que necesitan é unha oportunidade", insistiu Pontón.  

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que este tipo de delitos de odio son "consecuencia directa" dunhas mensaxes e dunha ideoloxía "que entre todos e todas temos que parar". "Esas actitudes merecen o noso desprezo e a nosa condena clara", sostivo o líder socialista desde Pontevedra. 

Mentres que o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, quen acompañou a Fabiola García na visita a Monforte da semana pasada, participou esta maña nun encontro autonómico
de familias acolledoras onde ensalzou o sistema de protección de menores da Xunta por ser "un dos máis integradores e inclusivos". Un modelo co que racha, precisamente, a inclusión de centros segregados para nenos e nenas migrantes. 

O ataque en Monforte produciuse na mesma noite na que a veciñanza da Ribeira Sacra permanecía alerta pola incidencia do incendio forestal declarado o pasado xoves en Pantón, que xa arrasou máis de mil hectáreas de superficie. Un lume que se achegou ás casas e provocou a activación da Situación 2 de emerxencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.