O centro monfortino onde a Xunta prevé concentrar 80 menores migrantes, agora de actualidade polo atentado da pasada fin de semana, viña xerando preocupación e críticas entre forzas políticas e profesionais do sector polo risco de crear un "gueto" alleo á integración
O edificio residencial Francisco Suárez da asociación Prodeme en Monforte, elixido pola Xunta para instalar un "centro específico para menores estranxeiros" con 80 prazas, saltou aos titulares nos últimos días por mor do atentado perpetrado contras as instalacións. Apenas unha semana despois de que a conselleira de Política Social confirmase a elección, dous artefactos incendiarios foron guindados contra o que a entidade monfortina concibira noutrora como un edificio de vinte vivendas tuteladas para persoas con discapacidade.
Institucións públicas e mais forzas políticas e sociais albergan poucas dúbidas de que o ataque, aínda baixo investigación policial, está intimamente ligado aos discursos de odio contra os menores migrantes sen compaña familiar. En ámbitos da extrema dereita o complexo monfortino vén sendo sinalado dende o momento en que o Goberno galego o elixiu e mesmo Vox ten convocada unha mobilización contra a súa apertura.

Alén destes feitos e xa antes de que sucedesen a decisión do departamento que dirixe Fabiola García xerou críticas políticas, así como fonda preocupación entre profesionais e entidades especializadas na protección de menores de idade. Crear un "centro específico" para migrantes no canto de atendelos como a calquera menor necesitado de protección en Galicia, advirten, supón rachar co modelo de integración e inclusión que vén funcionando no país para substituílo por outro que conduce á "segregación" e ao "gueto".
"Os dereitos non poden cambiar en función da procedencia ou da cultura" dos menores acollidos, advirte a presidenta do Colexio de Educadoras Sociais de Galicia
"Os modelos segregacionistas non funcionan, hai moitos estudos que así o avalan e mesmo en Galicia houbo experiencias que non funcionaron", resume Sonia González, presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG). En conversa mantida con Praza.gal antes do ataque do pasado sábado, González explica que a aposta de Política Social implica "retroceder trinta anos" alegando unha "urxencia que non é tal", dado que o Goberno galego, resalta, hai meses que sabe que terá que acoller máis menores migrantes en función dos criterios definidos polo Goberno de España.
"É certo que existe sobreocupación" nas instalacións que xa hai, "sabémolo as que traballamos en protección de menores, porque non é nada doado conseguir prazas", evidencia a presidenta do CEESG, e por iso "hai que crear novos espazos". "Pero os dereitos -advirte- non poden cambiar en función da procedencia ou da cultura dun neno" e no "mesmo sistema" de protección non pode haber "distintos dereitos", expoñendo a menores migrantes "ás consecuencias que ten calquera gueto".

"Se a Xunta leva anos traballando no modelo de integración é porque funciona, aínda que se necesiten máis prazas" en, por exemplo, "casas de familia" de pequena dimensión, "situadas onde hai posibilidades de integración real, proximidade a centros escolares e outros recursos normalizadores". Estes elementos, advirte, son especialmente importantes no caso de "nenos e nenas próximos á maioría de idade", caso de moitos adolescentes migrantes sen compaña familiar que "veñen con dano, con historias vitais moi duras" e que "necesitan especial atención" que "dificilmente se vai brindar afastándoos das contornas nas que calquera neno ou nena funciona dunha maneira máis integrada".
A conselleira admite que o seu plan "rompe co sistema integrador e inclusivo de protección" de menores pero culpa o Goberno de España por "impoñer" que Galicia 317 menores migrantes malia "non contar con capacidade"
Ao xuízo da presidenta do Colexio de Educadoras "están utilizando a nivel partidista" e dando cun "macrocentro" unha resposta "de curto prazo" afastada "dos paradigmas técnicos" de "calquera profesional da intervención socioeducativa". "Creemos espazos para a integración que merece calquera nena ou neno" no canto de "favorecer guetos", reclama.
A propia conselleira García admite que este plan "rompe co sistema integrador e inclusivo de protección en Galicia, baseado en pequenos recursos residenciais nos que os menores conviven sen ter en conta a súa orixe". Pero, defendeu a titular de Política Social este luns nunha visita ao complexo atacado, abrir un centro de 80 prazas só para migrantes "é a única alternativa da Xunta ante a imposición do Goberno central de derivar a Galicia 317 menores" para os que "Galicia non conta con capacidade".
Hai apenas unha semana, co primeiro anuncio da elección do edificio de Monforte, a conselleira sinalou que ata agora a Xunta recibira apenas "seis expedientes de adolescentes" dese total de 317 "aos que se suman 15 menores solicitantes de asilo" que o Goberno central debe acoller por orde do Tribunal Supremo". Segundo a estatística de protección da propia Consellería, no ano 2022 -último para o que ofrece datos- recibiron acollemento en Galicia 177 menores de orixe estranxeira en situación de desamparo por non teren compaña familiar.