Besteiro acusa a Xunta de crear "campos de concentración" e di que a espiral de violencia "é fomentada pola ultradereita e asumida sen contemplacións pola dereita"
Os cócteles molotov tirados na madrugada deste sábado contra o edificio de Monforte de Lemos no que a Xunta quere instalar o primeiro centro específico para concentrar menores estranxeiros -en lugar de integralos como viña facendo no sistema ordinario de protección- veñen de incendiar tamén a política galega. Tras as condenas xerais da fin de semana contra quen fose responsable da autoría material do atentado, este luns chegaron as críticas cruzadas entre as principais formacións políticas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "ter responsabilidades no que pasou" por empregar "un discurso insolidario e mesmo racista" para confrontar co Goberno central e a súa decisión de distribuír os menores desamparados entre todas as comunidades autónomas. Para Pontón a Xunta debe "rectificar de inmediato este discurso que ten no fondo un tufo racista, de odio e insolidario contar os menores migrantes".
Pontón di que Rueda ten "responsabilidades no que pasou" por usar un "discurso insolidario e mesmo racista", e o presidente respóndelle que as súas acusacións "son sementar odio"
Por estas declaracións de Pontón foi preguntado horas despois o presidente da Xunta, quen equiparou o extremismo de quen tirou os cócteles molotov co do BNG. Hai, segundo dixo Rueda, "extremismo por un lado ou por outro, utilizan argumentos moi parecidos". O presidente popular considera que a acusación de Pontón é "moi grave e debera ser obxecto de desculpa inmediata". "Este tipo de manifestacións si que son sementar odio", concluíu.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou que hai unha "espiral de violencia e odio" que "é fomentada pola ultradereita e asumida sen contemplacións pola dereita. Besteiro chegou a cualificar o novo modelo de atención a menores migrantes polo que agora aposta a Xunta como "xerar centros de concentración".
Un modelo de atención polo que a Xunta vai seguir apostando tras o atentado de Monforte. Este luns, na súa primeira visita ás instalacións atacadas na noite do venres ao sábado, a conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada de dirixentes do PP de Lugo, condenou a violencia e confirmou que mantén o seu plan de concentrar nese centro específico os menores migrantes que agora lle remita o Goberno de España en lugar de integralos no sistema xeral como facía ata agora.