Os 'contratos' de Feijóo: da "austeridade" ás teimas da internacional reaccionaria

Feijóo, amosando o seu 'Contrato con Galicia' en vésperas das eleccións galegas de 2009, xuntanza con Abascal tras as xerais de 2023 e fragmentos do pacto do PP e Vox en Extremadura CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras procurar reeditar no liderado do PP o seu 'Contrato con Galicia', a dirección comandada polo ex-presidente asina outro con Vox en Extremadura que, polo seu contexto político, vira en bosquexo do que terían as dereitas sobre a mesa de negociación no Estado se a demoscopia se reproduce nas urnas

En poucos días faranse catro anos da dimisión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta para liderar o PP estatal como remuda do defenestrado Pablo Casado. É sabido que o ex-presidente levou consigo para Madrid o seu núcleo de asesores máis próximo que, encabezado por Mar Sánchez Sierra, deu en aplicar na política española múltiplas estratexias e postas en escena coas que na galega lograran culminar con éxito o asedio ao Goberno de PSdeG e BNG.

Entre eses movementos reciclados estivo o do comentadísimo Contrato con Galicia, o decálogo de medidas co que se procurou -finalmente, con éxito- presentarse como presidenciable ante o electorado galego en vésperas dos comicios de 2009. Cando o equipo de Feijóo o reformulou antes das xerais de 2023 o seu arrecendo era semellante ao de década e media atrás: "rexeneración" ou menos gasto en transportes oficiais. Como nos tempos da "austeridade".

Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal durante as conversas para a investidura frustrada do ex-presidente © PP

Pero os réditos obtidos co segundo contrato non foron tan abondosos como co primeiro. Tras as xerais de 2023 Feijóo non conseguiu a presidencia á primeira, como si sucedeu en Galicia. E afrontou, asemade, un escenario inédito para el e o seu gabinete: a competencia pola dereita, concretamente por unha extrema dereita, a de Vox, coa que vén de rubricar un novo acordo en Estremadura. Un novo contrato cuxo significado, polo contexto político no que chega, transcende o ámbito autonómico para virar en manifesto ou bosquexo do que as dereitas terían sobre a mesa negociadora se a próxima cita estatal coas urnas reflicte o que agora reflicten diversas enquisas.

Nese documento, asinado esta semana co obvio visto e prace de Feijóo e o seu núcleo duro, as vellas promesas de austeridade perden protagonismo. Mesmo esvaen fronte a outros preceptos: as teimas da internacional reeaccionaria en xeral -a mesma que nas últimas semanas experimenta baixas como reacción aos movementos bélicos de Trump- e dos ultras de Santiago Abascal en particular con independencia de transcender, en moitos casos as competencias autonómicas ou mesmo ter un máis que cuestionable encaixe legal. 

Negacionismo climático e xenofobia

O pacto estremeño cede a Vox as competencias en servizos sociais e alterna promesas como cancelar medidas contra o cambio climático con outras que, con independencia da súa legalidade, abrazan abertamente a xenofobia

O programa político pactado por PP e Vox para volver investir como presidenta a María Guardiola -que adiantou os comicios alentada pola dirección de Feijóo coa explicación de que cumpría desprenderse da dependencia dos ultras- combina promesas de cancelar medidas para paliar o cambio climático -dende gravames a actividades contaminantes ao impulso ás enerxías renovables- ou de aumentar o papel do sector privado en áreas como a sanidade con outras que abrazan abertamente a xenofobia. E fano nun contexto no que os populares conceden a Vox as competencias sobre os servizos sociais.

Acordo asinado por PP e Vox para gobernaren Estremadura en bipartito

Así, asinan compromisos como atrancar a acollida a menores migrantes sen compaña familiar e "endurecer o réxime disciplinario" nos centros onde se atopen. Tamén crear unha caste de unidade parapolicial dedicada a perseguir a inmigración baixo o epígrafe da "verificación da fraude", entre outros compromisos en sintonía cos sectores de opinión que mediática e economicamente se veñen agrupando en torno ao que o xornalista canario Idafe Martín alcumou como fachosfera.

Combínano co que denominan "prioridade nacional" no acceso a servizos públicos ou axudas, isto é, discriminación en función da orixe da persoa. E con outras medidas como suprimir a adhesión ao Programa para la Enseñanza de Lengua Árabe y Cultura Marroquí, un proxecto voluntario acordado polo Goberno de España co de Marrocos a mediados dos 80 que neste curso se imparte unicamente en dous colexios da mesma localidade estremeña -tamén en Galicia existen centros adheridos e a propia Xunta o destaca entre as súas iniciativas en materia de "convivencia"-.

Máis preto de Vox que da Igrexa

O pacto chega mentres Feijóo se esforza en escenificar o rexeitamento á regularización de migrantes que a Igrexa católica eloxia como "responsabilidade política, ética e social"

A rúbrica deste contrato con Vox chega xusto cando o propio Núñez Feijóo se esforza en escenificar un rexeitamento frontal do PP á regularización de migrantes en situación administrativa irregular impulsada polo Goberno de España, que no conxunto do Estado beneficiará en torno a medio millón de persoas e en Galicia arredor de 8.000, segundo as estimacións das organizacións non gobernamentais neste ámbito. Sostén o ex-presidente, entre outros descualificativos, que a medida é un "disparate" que implica "inseguridade" e "problemas de convivencia", alén de censurala por implicar, di, "solidariedade sen control". 

O arcebispo de Santiago intervén ante Rueda e Feijóo, entre outras autoridades, durante a misa solemne da Catedral compostelá o 25 de xullo de 2025 CC-BY-SA Diócese Santiago

A postura de Feijóo ao respecto achégao, igual que o contrato recentemente asinado, ás teses do partido de extrema dereita co que gobernará en bipartito en Estremadura, pero co que tamén compite electoralmente. E afástao de formulacións como as da Igrexa católica, que aplaude a regularización como "unha medida de responsabilidade política, ética e social". A mesma Igrexa que, na misa solemne do 25 de xullo do pasado xa considerou, con Feijóo nos primeiros bancos da Catedral de Santiago, "inaceptable" usar migrantes como "arma política". A mesma contra a que, nas últimas semanas, intensifica os ataques Donald Trump por non secundar a súa guerra en Irán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.