O PP forza que o Parlamento galego vote sobre o burka e ETA

Alberto Pazos, voceiro parlamentario do PP; e Paula Prado, vicevoceira e secretaria xeral do PPdeG, nos corredores do Parlamento CC-BY-SA PPdeG

A proposicións non de lei (PNL) son un dos "procedementos de impulso" no Parlamento, propostas a través das que o lexislativo insta o Goberno galego a adoptar unha determinada decisión. Non son vinculantes -non implican obrigado cumprimento- e poden abordar calquera temática mesmo allea ás competencias da Xunta, xa que poden pedir ao Executivo, por exemplo, que se dirixa a outra Administración cunha determinada petición.

En plena pugna demoscópica con Vox, os conservadores trasladan ao lexislativo galego máis asuntos da axenda marcada pola dirección estatal que dirixe o ex-presidente Feijóo

Dende que Pedro Sánchez preside o Goberno de España é habitual que o groso das PNL formuladas polo PPdeG en pleno vaian dirixidas ao Executivo central -oito de cada dez o ano pasado-. Así vén sucedendo tamén nos primeiros compases deste 2026 cunha liña na que os conservadores galegos se dispoñen a afondar forzando senllas votacións sobre asuntos alleos á axenda política do país, pero de alto interese para a dirección estatal do partido no marco da súa pugna demoscópica coa extrema dereita de Vox: o uso do burka e mais ETA, banda terrorista disolvida en 2018.

Iniciativas do PP no Parlamento sobre o uso do burka e a respecto de ETA, cualificadas pola Mesa o pasado 10 de marzo e publicadas no Boletín Oficial do Parlamento o día 11 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como avanzou Faro de Vigo e puido comprobar Praza.gal no Rexistro do Parlamento, o Grupo Popular ten xa en marcha ambas propostas. Foron rexistradas o pasado 2 de marzo polo seu voceiro, Alberto Pazos, e admitidas a trámite pola Mesa do Parlamento na súa xuntanza desta semana. 

A iniciativa sobre o "uso de pezas como o burka e o niqab" propiciará o apoio político do Parlamento galego á proposta presentada ao respecto polo PP no Congreso días despois doutra da extrema dereita sobre a mesma cuestión

No caso da referida ao "uso de pezas, como o burka e niqab, así como outros elementos que oculten o rostro en espazos públicos", o rexistro no Parlamento de Galicia encádrase abertamente nos plans da dirección estatal que encabeza o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. Así, o PPdeG forzará que o Parlamento galego exprese o seu apoio político á proposición de lei que os populares presentaron no Congreso para "regular" e "prohibir" estas prendas "tanto por razóns de seguridade como de preservación do dereito á dignidade humana e, particularmente, dos dereitos da muller".

O PP no Congreso, á súa vez, lanzou esta iniciativa escasos días despois de que Vox defendese unha no mesmo sentido. Agora, no Parlamento, lanzan tamén a posibilidade de que a Xunta "contemple" posibles "modificacións legais" para que en "dependencias, instalacións e edificios de titularidade ou acceso público", se "permita a identificación visual do rostro". O texto, de sete páxinas, non inclúe referencia ningunha á incidencia do uso destas prendas en Galicia.

Rueda e membros do Goberno e do PP, na sesión de control o pasado 11 de marzo, e montaxe divulgada polo PPdeG nas redes sociais na mesma xornada CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | PPdeG

A outra PNL, "sobre o compromiso firme coa defensa dos valores democráticos, a dignidade e memoria das vítimas do terrorismo de ETA", xustifícana os populares por que o vindeiro 23 de marzo "se cumpren nove anos" do nomeamento póstumo como "presidente honorífico de Nuevas Generaciones" de Miguel Ángel Blanco, concelleiro do PP en Euskadi asasinado pola banda terrorista en 1997.

A proposta sobre terrorismo xustifícana por facerse nove anos do nomeamento de Miguel Ángel Blanco, edil do PP asasinado por ETA en 1997, como presidente de honra das Nuevas Generaciones do partido. Tramítase na mesma semana en que os populares volveron insinuar ligazóns do Bloque co terrorismo

A parte dispositiva da PNL formula que o Parlamento galego "ratifique o seu compromiso" coa "dignidade das vítimas". Tamén insta a Xunta a "realizar as accións oportunas destinadas a manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, especialmente entre a xuventude, e trasladas ao Goberno de España esta mesma demanda".

O debate e votación chegará pouco despois de que, esta mesma semana, o PPdeG dese en ligar o BNG con ETA. Fíxoo primeiro mediante unha resposta do presidente Rueda a Ana Pontón na sesión de control, na que a líder do Bloque lle preguntaba por proxectos industriais fracasados máis alá de Altri. E, poucas horas despois, coa difusión das palabras de Rueda nas redes sociais acompañadas dunha montaxe na que a imaxe de Pontón figuraba superposta nunha fotografía de membros de ETA.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.