Rueda recupera a ETA contra Pontón, que lle lembra proxectos industriais fracasados máis alá de Altri

Minuto de silencio polo 11-M e o Día Europea das Vítimas do Terrorismo este mércores no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Besteiro defende o 'non á guerra' e o presidente dille que está de acordo pero pide respectar "os compromisos internacionais"

Política industrial e en materia de vivenda eran as cuestións sobre as que preguntaban respectivamente Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro este mércores a Alfonso Rueda na sesión de control á Xunta no Parlamento. Pero o debate acabou derivando ao habitual cruce de acusacións entre goberno e oposición por todo tipo de cuestións máis alá das previstas, desde a guerra ata ETA, disolta en 2018.

Rueda na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O pleno comezou cun minuto de silencio, a petición do PSdeG, coincidindo co aniversario dos atentados do 11-M e o Día Europeo das Vítimas de Terrorismo. "Supoño que este recordo é extensivo a todas as vítimas do terrorismo, tamén de ETA", comezou despois a súa primeira intervención Rueda, dirixíndose ao BNG, insinuando algún tipo de conivencia da formación nacionalista co terrorismo.

Pontón obviou o ataque de Rueda e centrou a súa intervención en pedir explicacións pola política industrial da Xunta logo do arquivo do proxecto de Altri. "Apostou todo a unha carta contaminada e perdeu todo derrotado pola cidadanía galega", dixo a portavoz nacionalista. Pero foi máis alá e lembrou outros proxectos industriais prometidos polos gobernos do PP que non acabaron de arrancar, como os barcos para Pemex ou fábricas de hidróxeno en Meirama e de neumáticos nas Pontes. 

"Apostou todo a unha carta contaminada e perdeu todo derrotado pola cidadanía galega", di Pontón sobre Altri

Rueda retrucou criticando o "negacionismo industrial do Bloque" e asegurou que non se ía deixar "presionar polos que sempre din que non a todo". Mesmo dixo que vai defender "os funcionarios" aos que segundo di Pontón "falta ao respecto todos os días". O presidente chegou a asegurar que a negativa do BNG a todo tipo de proxectos levaría a que por eles en Galicia "non habería nin autoestrada, nin antenas de telefonía". 

Pola contra, Pontón lanzou cinco propostas en materia industrial: crear unha empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega, vincular os parques eólicos a plans industriais, crear un fondo soberano para investir en sector estratéxicos e incrementar o investimento en I+D+i.

Ana Pontón no pleno deste mércores 11 de marzo de 2026 CC-BY-SA BNG

Pola súa banda, o socialista Besteiro comezou a súa intervención "en defensa da paz, a liberdade e contra a violencia, calquera tipo de violencia, proceda de onde proceda", pedindo a Rueda que elixa entre "o dereito internacional" ou "a lei da selva que é o que propón Trump". Rueda retrucoulle que el tamén di "non á guerra, sen ningunha dúbida", pero que tamén di "si aos compromisos internacionais e non ás conveniencias do presidente do Goberno".

Besteiro pide a Rueda que elixa entre "o dereito internacional" ou "a lei da selva que é o que propón Trump"

Entrando xa na cuestión que motivaba a pregunta, a vivenda, Besteiro criticou a parálise de anos da Xunta e que agora siga sen facer todo o que podería, como crear un banco público de vivendas en alugueiro. Rueda respondeu presentando como un logro propio que nos últimos meses veña aumentando de xeito considerable o rexistro de demandantes de vivenda pública.

"Sobe o rexistro de demandantes porque efectivamente imos construír esas vivendas", dixo o presidente, que considera que "a xente ve que se constrúe vivenda e loxicamente se apunta para ter unha opción". Rueda tamén asegurou que este mes quedarán convocadas todas as axudas do ano en materia de vivenda da Xunta.

Protesta do PSdeG contra a guerra no Parlamento este mércores 11 de marzo de 2026 CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.