O Goberno galego di prever 6.000 novas vivendas públicas ata 2030 tras sumar 2.000 ás que anunciara ata 2028 mentres o rexistro de demandantes avanza cara ás trinta mil inscricións nun contexto no que a combinación de anuncios e subas de prezos aumentan a demanda
A presente lexislatura vai ser a primeira en década e media na que, se os anuncios se cumpren, o Goberno galego finalice mandato cun número significativo de novas vivendas protexidas en xeral e de promoción pública en particular. Tras anos práctica parálise -dende a fin do Executivo de coalición PSdeG-BNG e durante a gran recesión, pero tamén nos anos seguintes de recuperación económica- na que a vivenda protexida caeu á mínima expresión no noso país, os actuais plans da Xunta apuntan a un relativo cambio de rumbo que, non obstante, apenas vai cubrir o 20% dunha demanda disparada.
O gabinete de Alfonso Rueda marcou ao inicio do mandato (2024) a intención de finalizalo (2028) cunhas 4.000 novas vivendas de promoción pública -vivendas protexidas nas que o promotor é o propio Goberno- das que, aseguraba a finais de xaneiro "xa hai 3.000 en diferentes fases de execución". Recentemente, ao anunciar o II Pacto de Vivenda de Galicia, sumou outras 2.000 ao obxectivo co horizonte de 2030. Isto é, en cifras redondas, 6.000 vivendas de promoción pública para un número de peticións de pisos protexidos que comeza 2026 avanzando cara ás 30.000.
Tras a renovación da súa plataforma web durante a que mantivo parcialmente inactiva a actualización de datos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) volveu permitir recentemente o acceso ás cifras do Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, no que a inscrición é imprescindible para poder optar a calquera piso de protección. Na mañá deste 3 de febreiro -a actualización de datos é continua sen posibilidade de consulta da súa evolución- estaba composta por 28.690 solicitudes, un 50% máis que a mediados de febreiro de 2025.
A metade das peticións de vivenda protexida están concentradas en Vigo e na Coruña, con case 15.000 mentres a Xunta cifra en algo menos de 1.400 os pisos públicas "en distintas fases de execución" en ambas cidades
Os anuncios de novas promocións públicas, que a Xunta vén amplificando, combínanse co escenario de prezos crecentes e dificultades de acceso á vivenda no mercado privado tanto en alugueiro como en compra e contribúen a alimentar unhas peticións que se concentran, sobre todo, nas principais cidades e as súas contornas. Algo máis do 75% das peticións están nalgunha das sete principais urbes.
Concretamente, tres de cada dez peticións de vivenda protexida teñen a súa orixe na cidade de Vigo, con máis de 9.000. Outro 20% corresponde á Coruña, con case 6.000 peticións. En apenas un ano as solicitudes coruñesas disparáronse un 64% e as viguesas, un 57% . En Vigo a Xunta sitúa en 920 as vivendas que ten actualmente "en distintas fases de execución", todas elas no polígono de Navia, e na Coruña cífraas en 476, a maioría no novo barrio de Xuxán.
Tamén medran a duplo díxito as peticións no resto da Galicia urbana e na cidade onde menos aumentan proporcionalmente, Lugo, fano así e todo cun relevante 25% interanual. En total, as máis de 22.000 peticións de vivendas protexidas rexistradas nas sete principais cidades son, en conxunto, un 54% máis que as de hai un ano, segundo os datos que puido recuperar do rexistro Praza.gal.
As novas vivendas públicas chegan nun panorama marcado por década e media de práctica parálise, que o Executivo di querer paliar tamén desenvolvendo solo residencial para outras 20.000
Á espera do cumprimento ou non dos anuncios, o que resulta innegable é que mesmo no escenario máis optimista, o da incorporación desas prometidas 6.000 novas vivendas de promoción pública ata 2030, farano nun contexto marcado pola paralización da vivenda protexida na década anterior. Boa mostra disto é que os datos oficiais dispoñibles acreditan que os sucesivos gobernos presididos por Alberto Núñez Feijóo chegaron a encadear catro anos seguidos nos que non superaron as cinco vivendas protexidas iniciadas.
A tendencia máis recente, segundo a información dispoñible no Ministerio de Vivenda, é de relativa remonta. Entre xaneiro e setembro de 2025 -os datos do trimestre final do ano que vén de rematar aínda non están dispoñibles- en Galicia comezaron a súa construción 320 vivendas protexidas, a maioría de promoción pública (221) e quedaron rematadas 138. Son cifras relevantes en comparación cos anos da parálise, pero insignificantes en comparación coas dos gobernos de Fraga e co mandato de PSdeG e BNG.
Aos devanditos plans de vivendas de promoción pública a Xunta di poder sumar ata 20.000 máis protexidas de promoción privada e outras 5.000 sen protección. Son as que contempla na súa estratexia de solo residencial, un proxecto parcialmente xa en marcha. A súa actuación máis recente é a aprobación do plan no barrio lucense do Sagrado Corazón para urbanizar terreos onde se poderían construír unhas 1.200 vivendas a partir de 2028.
Esta estratexia veu substituír en 2024 o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, que aprobara en 2007 o Executivo de socialistas e nacionalistas (2005-2009) co obxectivo de sumar 37.000 novas vivendas protexidas. Fora cancelado en 2010 o gabinete de Feijóo tras anunciar unha reformulación que nunca chegou.