O PP bloquea a investigación sobre Altri e suxire que dimitan Pontón e Besteiro

Manifestación contra Altri ás portas da sede central da Xunta en xuño de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Non salta a sorpresa no Pazo do Hórreo. A maioría absoluta do PP impediu este 10 de marzo abrir a comisión de investigación coa que o BNG reclamaba poder pescudar formalmente nas "actuacións e decisións da Xunta relativas ao proxecto da macrocelulosa de Altri na Ulloa", agora en proceso de arquivo. Fíxoo nun debate no que o partido que sustenta o Goberno deu en suxerir que o conflito ao respecto culminase coa dimisión de Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro nos liderados de BNG e PSdeG.

Os populares impiden a pescuda política sobre as "actuacións da Xunta no proxecto da macrocelulosa" solicitada polo BNG e apoiada polo PSdeG

Despois de que "a maioría do pobo galego conseguise frear o calote, agora é necesario coñecer a verdade", sintetizou a portavoz nacional do Bloque para xustificar a necesidade de abordar unha investigación que, defendeu, debería servir para que saísen á luz "os acordos secretos" do Goberno galego coa empresa portuguesa. Os mesmos "papeis secretos" que o presidente Rueda "confesou que coñecía" tras poñer o propio Executivo "como escusa que eran confidenciais" por seren "parte das relacións entre empresas privadas" malia seren asinados polo daquela vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e Patricia Iglesias (PSdeG), este 10 de marzo de 2026 no Parlamento durante o debate da investigación sobre Altri reclamada polo Bloque CC-BY-NC-SA Parlamento | BNG | PSdeG

A comisión de investigación, sostén Pontón, tamén tería que indagar no exposto pola recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza "que deu a razón a Adega e obrigou a volver incluír na Estratexia de Infraestrutura Verde" de Galicia terreos "nos que se pretendía construír a macrocelulosa". "Por que se modificou, cando se fixo, en base a que informes técnicos?", cuestionou a líder do Bloque, en cuxa opinión abrir a comisión virou xa nunha cuestión de "hixiene democrática".

Pontón esgrime razóns como a necesidade de coñecer o pacto secreto do Goberno galego coa empresa e o voceiro do PP di desexar que "se poida facer pública a documentación" para "acreditar" que nacionalistas e socialistas menten. "Tamén coñece o seu contido?", retruca a líder do Bloque

A petición do BNG obtivo o apoio do PSdeG, cuxa deputada Patricia Iglesias lembrou que acumula xa "nove solicitudes" para tentar acceder ao pacto secreto da Xunta con Altri a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galicia, que "non era unha sociedade privada", senón máis ben "un instrumento para fuxir do control público". Cómpre investigar, coida a socialista, para aclarar entre outras cuestións "que se prometeu" a Altri nun contexto que, di, lle lembra ao "modus operandi de Montoro, que facía leis á medida das multinacionais".

Pero a petición bateu co previsible "non" dun PP que, a través do seu voceiro, Alberto Pazos, se gabou de levar rexeitadas nos últimos anos 17 peticións de comisión de investigación formuladas polo BNG, ao que caricaturiza como "KGB galego". A petición sobre Altri, sostén Pazos, é unha mera "escusa" para "manchar o bo nome do goberno", quer coa sentenza sobre a Estratexia de Infraestrutura Verde -tratábase dunha "cartografía preliminar" nun contexto no que a Xunta someteu a Altri a "un proceso máis esixente" do necesario en cuestións ambientais-, quer coa cuestión do pacto secreto.

O ex-conselleiro Conde co conselleiro delegado de Altri e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, derradeira presidenta de Impulsa Galicia, sobre un fragmento da resolución de Transparencia que reflectiu que a Xunta di "descoñecer" o contido do pacto secreto CC-BY-SA Praza.gal

"Acusan de ocultar información simplemente por cumprir a lei", acusa Pazos, en referencia ás sucesivas negativas da Xunta a amosar o acordo esgrimindo que "afecta a terceiros e non está sometida á lei de transparencia". Esa negativa, subliña, está apoiada "no criterio dos servizos xurídicos da Xunta", se ben "Nesta ocasión me encantaría que estivesen equivocados" e "dixesen que se pode facer pública a documentación, para ter a oportunidade de acreditar o que levan mentido e pedirlles a dimisión" a Pontón e Besteiro.

"Di que oxalá se poida facer público para que se vexan as nosas mentiras; daquela, vostede tamén coñece o contido?", retrucou Pontón, de cuxo punto de vista é propio de alguén coa "cara de cemento armado falar de mentiras" sobre Altri despois de "enganar ao Parlamento e ao conxunto da sociedade" a respecto do proxecto. O veto á investigación "demostra que teñen moito que ocultar, pero chegaremos até o final", conclúe a portavoz nacional do BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.