En agosto de 2022, o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, temía que co proxecto de Altri acabase pasando "o mesmo que pasou con Pemex". Daquela, e cando o plan da multinacional portuguesa era aínda presentado exclusivamente como fábrica de fibras téxtiles, o anuncio de que se instalaría finalmente en Palas de Rei malia que a Xunta solicitara que fose na Mariña, indignou na comarca. As dúbidas sobre a iniciativa facían temer que todo acabase como o da petroleira mexicana: en fracaso e sen apenas impacto malia un lote de promesas e anuncios que quedaron en nada, agás numerosos problemas e sombras aínda por resolver.
Como ocorrera con Pemex, Altri, o outro gran proxecto industrial impulsado por Feijóo e a Xunta nos últimos anos, quedou en nada
Tres anos e medio despois, o Goberno galego vén de anunciar que arquiva o expediente de Altri e bota abaixo o proxecto ao quedar fóra do plan eléctrico estatal e carecer da subestación e da necesaria conexión eléctrica para o seu desenvolvemento. Como ocorrera con Pemex, o outro gran proxecto industrial anunciado nos últimos anos pola Xunta quedou en nada.
Ambos foron apadriñados polo agora líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, que era presidente da Xunta no momento de anunciar a aterraxe destas dúas grandes multinacionais e que se reuniu en público cos máximos dirixentes de cada unha das empresas.
No caso de Altri, a reunión do entón xefe do Executivo galego co CEO da compañía lusa, José Soares de Pina, para avalar a localización en Palas do "proxecto Next Generation máis importante” da candidatura galega aos fondos europeos —segundo dixo daquela— tivo lugar só tres días antes de anunciar a súa dimisión como presidente da Xunta para pasar a presidir o PP estatal.
Feijóo negociou e impulsou a alianza da Xunta con Pemex e Altri, con reunións públicas cos dirixentes de ambas empresas
O acordo, no entanto, viña de meses antes, cando o 1 de outubro de 2021 a papeleira Altri anunciou cun comunicado aos seus investidores e ao organismo supervisor dos mercados de valores de Portugal (a CMVM) que viña de asinar un acordo con Impulsa Galicia, a sociedade público-privada fundada meses antes pola Xunta (40%) da man de Abanca (38%) para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation . O pacto implicaba "estudar, em exclusivo e no contexto de uma parceria, a construção de uma unidade industrial de raiz" con "capacidade para produzir anualmente cerca de 200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras".
Feijóo anunciou a "alianza" con Pemex pouco antes das autonómicas de 2012; a promesa da construción de máis de 20 buques en Galicia rematou con sombras xudiciais, dous floteis e a venda de Barreras
Unha década antes, en setembro de 2012, no remate da primeira lexislatura con Feijóo á fronte da Xunta e a pouco de celebrarse as eleccións autonómicas, outra "alianza" cunha gran multinacional fora anunciada con pompa e boato por parte do presidente da Xunta. Aquel día 19, a Xunta convocaba de urxencia o acto de sinatura de dous contratos de Pemex: un co estaleiro público Navantia de Ferrol e outro co privado Barreras, en Vigo. Cos alcaldes —daquela populares— da Coruña e da urbe ferrolá en primeira fila, co voceiro do PP en Vigo tamén convidado e coa solemnidade propia de grandes acontecementos, o Goberno galego bordeaba a lei electoral para solemnizar a confirmación desa "alianza" coa petroleira mexicana. Catro meses despois da firma doutro acordo inicial que mesmo interrompera o ritmo habitual do Telexornal da TVG.
Ambos anuncios foron acompañados da previsión de milleiros de empregos (arredor de 2.500 empregos directos e indirectos en ambos casos) e de importantes investimentos (de máis de 300 millóns de dólares no caso de Pemex e de 800 no de Altri). Non se cumpriu nada do dito.
"Contubernio"
A "alianza estratéxica" con Pemex suporía, segundo a Xunta, a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. A máis de vinte embarcacións ascendeu unha conta que quedou na polémica adxudicación e construción de dous floteis e a adquisición de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado.
Polo medio, un ronsel de promesas incumpridas, investigacións xudiciais e do propio Goberno mexicano, litixios, sombras e moitas dúbidas aínda por resolver. Escuridade e sospeitas que medraron máis cando o daquela presidente de México, López Obrador, unha década despois, sinalara o "contubernio" dos negocios de Pemex en Galicia apadriñados pola Xunta como clave na crise que o seu goberno tivo co de España.
Antes, a extradición do ex-director de Pemex Emilio Lozoya —detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia— e a súa colaboración coa Fiscalía mexicana estreitou aínda máis o cerco nun proceso de acusacións de corrupción e investigacións xudiciais que afectaron varios directivos máis que negociaran coa Xunta o desembarco en Galicia, como Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo. O propio Lozoya reunírase co presidente galego en México.
México investiga aínda os negocios en Galicia de Pemex; Emilio Lozoya, presidente da empresa que negociara con Feijóo, acabou detido en España
O Ministerio Fiscal, a Secretaría de la Función Pública (SFP) e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera) investigou (e aínda investiga) os negocios de Pemex en Galicia, que comezaran cunha adxudicación dos floteis censurada mesmo por conselleiros da petroleira.
As pescudas apuntaron, sobre todo, á compra de Barreras, decisión á que a petroleira atribuíu a perda de 50 millóns de euros e pola que Lozoya é investigado. O estaleiro vigués pasou en 2013 a quedar baixo control de Pemex por 5,1 millóns e acabou quebrado e logo vendido a Ritz Carlton.
Da esperanza ao rexeitamento
O caso de Altri foi ben diferente pero o fracaso moi semellante. A ameaza ambiental e social da que se advertiu na comarca da Ulloa e entre colectivos ecoloxistas, sobre todo tras saír a luz pública o estudo de impacto ambiental, marcou sempre o percorrido dun proxecto contestado masivamente nas rúas e pola oposición e que sobre o que pairaron sempre dúbidas, mesmo no mundo empresarial e da dereita política.
O proxecto explicado inicialmente por Altri e mais a Xunta, ao igual que no caso de Pemex, non foi mal recibido pola oposición ao ver nos plans unha oportunidade de desenvolvemento industrial e creación de emprego. Ata que os detalles foron virando a posición de BNG e PSdeG, que demandou e segue demandando transparencia, e o paso do tempo acabou por desvelar todas as eivas de ambas iniciativas.
A construción de máis de vinte barcos en Galicia quedou en dous floteis e un histórico estaleiro vendido e logo arruinado. A definida inicialmente como "fábrica de fibras téxtiles" incluía tamén a produción de ata 400.000 toneladas anuais de celulosa, o uso de 46 millóns de litros diarios de auga —tanta como a que consome Ence— e arredor de 1,2 millóns de metros cúbicos (toneladas) de madeira de eucalipto como materia prima básica.
A oposición recibiu con boas palabras os plans iniciais de Pemex e Altri, ata que os detalles de cada proxecto provocaron a demanda de explicacións e transparencia
A falta de achegas públicas, a mala puntuación na convocatoria de axudas da UE pola excesiva contaminación, a forte contestación social e a súa exclusión do plan eléctrico estatal dos vindeiros anos frustrou as intencións de Altri en Galicia a través da súa alianza coa Xunta e a empresa Greenalia. Todo tras un acordo inicial entre a multinacional e o Goberno galego que permanece secreto malia as peticións da oposición. O presidente Rueda di coñecelo, logo de que a Consellería de Industria o negase ante a Comisión de Transparencia.
Hai 14 anos, tras o anuncio por parte de Feijóo do acordo entre Pemex e a Xunta para a construción de buques en estaleiros galegos, a propia compañía mexicana saíra a negar que tivese asinado contrato ningún con Navantia e Barreras. "Pretendeuse dar un uso electoral a unha operación que aínda non se concretou", dicía a prensa do país azteca.
Logo, as críticas pola falta de transparencia e pola negativa a facer públicos os contratos finais dos floteis foron constantes, con alusión a cláusulas de confidencialidade que impedían coñecer unha realidade sobre aquela "alianza estratéxica" que aínda non foi desvelada de todo. Agora, é o pacto secreto entre Altri e a Xunta o que a oposición reclama coñecer sobre outra alianza que tivo o mesmo resultado que a impulsada hai máis dunha década en México: un proxecto industrial fracasado.