O ente fiscalizador insiste en supervisar Impulsa Galicia e a súa 'herdeira' Recursos de Galicia e un conselleiro quere que non quede nunha petición retórica e lembra a posibilidade de impoñer multas
Por cuarto ano consecutivo, cada exercicio con máis intensidade que o anterior, o Consello de Contas volve pedir á Xunta que lle permita fiscalizar Impulsa Galicia, a empresa creada polo Goberno galego que pactou a chegada de Altri, así como a súa herdeira, Recursos de Galicia, coa que vén de iniciar a participación pública na explotación de recursos enerxéticos e minerais do país. E por cuarto ano consecutivo o Goberno galego segue negándose á petición do ente independente fiscalizador das administracións galegas, como tamén se vén negando a atender as reiteradas peticións de Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia para coñecer o contido do pacto con Altri.
Contas fixo públicos este xoves diversos informes de fiscalización da Xunta correspondentes ao ano 2024, o cuarto exercicio en que estivo en funcionamento Impulsa Galicia, que foi extinguida polo Goberno galego en 2025 ao considerar cumpridos os seus obxectivos, malia que non foi así no caso da fábrica de Altri. Desde o seu primeiro ano de existencia, en 2021, Contas vén reclamando que, como empresa impulsada pola administración e na que esta tiña o poder de decisión, Impulsa Galicia debe someterse á súa fiscalización. Pero a Xunta rexéitao argumentando que o capital público na sociedade non chega ao 50% (o 48,02% segundo Contas). Un capital aínda inferior, do 30%, en Recursos de Galicia, creada a partir de Impulsa Galicia e que está na actualidade a diversificar as súas actuacións.
Contas pide "medidas para garantir a transparencia e supervisión pública na actuación financeira" de Recursos de Galicia, cuxo conselleiro delegado non cre que unha auditoría de Contas sexa útil no seu caso
Neste último informe, correspondente a 2024, Contas insiste en que mesmo en Recursos de Galicia a Xunta "ten unha influencia pública significativa que, sen que necesariamente comporte control público, recomenda impulsar medidas para garantir a transparencia e supervisión pública na actuación financeira da sociedade".
O pasado domingo o conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas, en entrevista con Praza.gal, respondía ás peticións de Contas reiterando que a empresa xa se somete a auditorías privadas e argumentando que non cre que "ferramentas que están feitas para algo moi concreto, que é auditar o gasto público, sexan útiles para auditar un gasto privado".
Voto particular
O novo informe no que Contas insiste en reclamar esa auditoría pública conta cun voto particular dun dos cinco conselleiros do ente fiscalizador, Simón Rego. Nel pide que a reclamación de Contas de fiscalizar Impulsa Galicia e Recursos de Galicia non sexa retórica e non se faga só á Xunta senón tamén ás propias empresas de xeito directo. Rego lembra que hai outras empresas que a Xunta tamén rexeitaba someter ao seu control como as que xestionan a estación de montaña de Manzaneda ou un parque eólico experimental que acabaron sendo controladas grazas á "insistencia" do ente fiscalizador.
Un voto particular lembra que a "insistencia" de Contas logrou fiscalizar outras empresas que a Xunta negaba que fosen públicas, como a que xestiona a estación de Manzaneda
O conselleiro sinala que "se a estas entidades se lles require que rendan contas ao Consello de Contas, aínda que non cumpran cos requisitos [legais] para a súa consideración como sociedades mercantís públicas autonómicas, non se entende a razón" pola que Contas non require directamente a fiscalización a Impulsa Galicia e Recursos de Galicia "coas consecuencias previstas na lei". Esas "consecuencias legais previstas nos artigos 27 e seguintes da Lei do Consello de Contas en caso de incumprimento" advertidas nese voto particular serían, entre outras, "a imposición de multas coercitivas".