Ratificada a extinción definitiva da empresa coa que a Xunta impulsou a fábrica de Altri

Impulsa Galicia foi creada en 2021 coa Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama como socios CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

Impulsa Galicia desaparece de vez sen que se coñeza o pacto que asinou con Altri, que o BNG reclama nos xulgados, o PSdeG no Parlamento e a Xunta di descoñecer

Impulsa Galicia, a empresa creada pola Xunta a comezos de 2021 para captar fondos europeos e promover proxectos industriais como a fábrica de Altri en Palas de Rei, xa é historia. O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) vén de publicar, o 29 de xaneiro, o cesamento da súa última responsable, a liquidadora encargada de pechar a sociedade por encargo dos seus socios, a Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama.

Impulsa Galicia desaparece así de vez sen que se coñeza o pacto que asinou con Altri para o seu desembarco en Galicia, que a Xunta se vén negando a desvelar con diversos argumentos. O último, desvelado por Praza.gal hai uns días, que descoñece o seu contido malia asinalo o daquela vicepresidente da Xunta Francisco Conde. Un pacto que o BNG reclama ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que vén de admitir a trámite a súa petición, e que o PSdeG quere investigar no Parlamento.

O ex-conselleiro Conde co conselleiro delegado de Altri e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, derradeira presidenta de Impulsa Galicia, sobre un fragmento da resolución de Transparencia CC-BY-SA Praza.gal

A disolución de Impulsa Galicia -Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia SL, segundo o seu nome oficial- foi anunciada pola propia empresa o pasado 7 de agosto ao considerar que xa lograra "cumprir o seu propósito fundacional". Entre eles citaba a creación dunha segunda sociedade -Recursos de Galicia, para a participación directa en proxectos enerxéticos ou mineiros concretos-, un centro de datos en Curtis ou a fábrica de Altri en Palas, da que dicía que "practicamente concluíu a súa tramitación administrativa e atópase á espera de obtención de apoio económico e conexión eléctrica por parte do Goberno central". 

Porén, finalmente a fábrica quedou sen conexión eléctrica e segue á espera da autorización ambiental final da Xunta sen concretar aínda o seu financiamento.

A Xunta tampouco detalla ao Parlamento canto recuperou do investido en Impulsa Galicia

Tras esa decisión de pechar Impulsa Galicia tomada pola súa xunta xeral o 5 de agosto e anunciada o día 7, a fase de liquidación rematou o 23 de decembro nunha nova xunta xeral extraordinaria, segundo revelou a pasada semana no Parlamento o secretario xeral da Consellería de Industria, Nicolás Vázquez. Nesa nova reunión aprobouse o proxecto de liquidación e repartíronse os activos da empresa "en relación á porcentaxe dos socios", segundo Vázquez, que non detallou canto do investido recuperou cada un

Esa fase de liquidación asumiuna María Posada Enríquez, secretaria de Xesgalicia, outra sociedade da Xunta de capital risco para impulsar proxectos industriais. E agora, rematada esa liquidación, o BORME do 29 de xaneiro publica o cesamento de Posada Enríquez como liquidadora de Impulsa Galicia.

Impulsa Galicia desaparece sen que se coñeza o acordo que acadou o 1 de outubro de 2021 para a chegada de Altri a Galicia. Ese acordo foi asinado polo daquela vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pero a Xunta esgrimiu, para mantelo en secreto, que o fixo non como cargo público senón como representante de Impulsa Galicia "nun negocio xurídico privado". Malia que Conde era presidente de Impulsa Galicia precisamente por ser conselleiro de Economía e ser a Xunta o principal accionista da empresa, co 48,2%, a Xunta tamén vén de responder oficialmente que non posúe o documento no exercicio das súas funcións de controlar a súa propia participación en empresas. Mesmo lle comunicou á Comisión da Transparencia de Galicia, ante un recurso de Praza.gal, que esa documentación "é descoñecida para ela".

Reclamacións do Consello de Contas, BNG e PSdeG

Esa documentación tampouco a puido analizar o Consello de Contas, que leva varios anos reclamando á Xunta maior transparencia sobre a súa participación en Impulsa Galicia e na súa sucesora, Recursos de Galicia. Igual que tampouco tiveron éxito as sucesivas reclamacións no Parlamento desde hai anos de BNG e PSdeG. 

O TSXG vén de admitir a trámite a petición do BNG de acceder ao pacto con Altri, proceso similar ao que rematou en 2020 coa condena da Xunta por ocultar ao deputado Antón Sánchez, de AGE e En Marea, documentación sobre a fusión das caixas

Agora o BNG vén de recibir unha primeira resposta positiva por parte da xustiza logo de reclamar o acceso á documentación ante o TSXG. O tribunal vén de admitir a trámite o recurso presentado polos nacionalistas, pero a súa decisión definitiva aínda pode tardar, como ocorreu ha uns anos cunha petición similar para coñecer documentación sobre a fusión das caixas. 

Fora o deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20) quen pedira desde 2013 no Parlamento documentación sobre as xestións da Xunta para a fusión das caixas e ante a negativa reiterada do Goberno galego recorreu á xustiza. Xa non era deputado cando acabou obtendo en 2020 a condena da Xunta. O TSXG censurou o "escaso deber de dilixencia" do Goberno galego e a súa vulneración do dereito de participación política do ex-deputado. Esa documentación acabou revelando que a Xunta despachara en cinco páxinas o seu aval á fusión das caixas.

Ana Pontón e representantes do BNG nunha protesta contra Altri ante o castelo de Pambre, en Palas de Rei CC-BY-NC-SA BNG

Tamén o PSdeG leva anos tentando acceder ao pacto con Altri. Agora, tras a revelación de Praza.gal de que a Xunta di descoñecer o seu contido, os socialistas veñen de reclamar unha investigación no Parlamento e a comparecencia de Francisco Conde e do propio Alberto Núñez Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.