Impulsa Galicia, participada tamén por Abanca, Sogama e Reganosa, leva tempo no foco do Consello de Contas, que lle vén pedindo transparencia, pero agora os seus socios péchana "tras cumprir o seu propósito fundacional"
A comezos de 2021, coa chegada dos fondos europeos Next Generation para a recuperación tras a pandemia da COVID-19, a Xunta creou unha sociedade público-privada para impulsar proxectos industriais que aproveitasen eses cartos. Esa Sociedade Para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia SL, denominada Impulsa Galicia, foi a que entre outras iniciativas asinou a un acordo secreto con Altri para implantar unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei. No foco desde hai tempo do Consello de Contas, que lle vén pedindo transparencia, agora os socios de Impulsa Galicia, coa Xunta á fronte, veñen de decidir a súa disolución "tras cumprir o seu propósito fundacional".
Impulsa Galicia foi creada pola Xunta a proposta dun comité de expertos para "apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation" e "axudar na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento". No capital da sociedade a Xunta participou cun 40%, seguida por Abanca cun 38%, Reganosa cun 12% e Sogama cun 10%. Como a Xunta tamén está presente no capital de Reganosa e Sogama, a participación do Goberno galego en Impulsa Galicia superou o 48%, e reservouse o control das súas decisións e a presidencia, en mans da conselleira de Economía e Industria. Porén, argumentando que a participación non superaba o 50%, a Xunta vénse negando a que Impulsa Galicia sexa fiscalizada polo Consello de Contas.
A Xunta négase a revelar o acordo secreto para a chegada de Altri co argumento de que o asinou a agora disolta Impulsa Galicia, malia que o Goberno galego controlou sempre esa sociedade público-privada
Entre outras iniciativas, Impulsa Galicia promoveu que se crease no país o que en principio foi anunciado como un proxecto de produción de fibras téxtiles a partir de madeira que rendibilizase o sector forestal. Finalmente a empresa seleccionada a finais de 2021 para desenvolver ese proxecto foi a portuguesa Altri, coa que Impulsa Galicia asinou un memorando de entendemento para a súa instalación en Galicia. Ese acordo rematou coa elección de Palas de Rei como o lugar para levantar a polémica fábrica de celulosa e fibras téxtiles que aínda está pendente de obter todos os permisos e o financiamento.

Ese acordo asinado por Impulsa Galicia con Altri segue sendo secreto co argumento de que non o asinou a Xunta senón unha empresa privada, aínda que esta estea controlada polo Goberno galego e o documento o subscribise o daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde. Fíxoo, chegou a argumentar a Xunta de xeito oficial, como "negocio xurídico privado".
De nada veñen servindo as sucesivas peticións do Consello de Contas á Xunta, apoiadas por BNG e PSdeG, para que "transparente a actuación financeira" de Impulsa Galicia dado o seu control da mesma, "a súa localización en instalacións públicas, o seu obxecto social e a súa incardinación en actuacións estratéxicas da política industrial da Xunta de Galicia e en proxectos prioritarios receptores de fondos públicos".
Tras a disolución de Impulsa Galicia queda Recursos de Galicia, outra empresa público-privada promovida pola primeira e na que a Xunta ten o 30%: se Impulsa Galicia quería desenvolver proxectos, RDG quere participar neles
Agora, sen chegar nunca a cumprir esas esixencias de transparencia, os socios de Impulsa Galicia veñen de aprobar "a disolución da sociedade tras cumprir o seu propósito fundacional". Fano, argumentan, ante o remate o vindeiro ano do programa Next Generation EU e a creación doutros órganos que foron asumindo o seu papel de impulso industrial. Entre eses órganos estaría outra empresa público-privada promovida desde Impulsa Galicia para o aproveitamento dos recursos naturais do país, Recursos de Galicia (RDG), na que a Xunta participa cun 30% xunto con 32 empresas privadas. De feito, o conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas, era conselleiro delegado de Impulsa Galicia, a onde chegou procedente de Reganosa.
Se Impulsa Galicia pretendía impulsar as fases previas de desenvolvemento de proxectos industriais, Recursos de Galicia quere participar no seu accionariado, como xa fixo entrando en empresas eólicas ou na firma que quere explotar a mina de Doade, pendente de permisos da propia Xunta.
"Entregamos a Galicia un legado do que nos sentimos orgullosos", di o director xeral de Impulsa Galicia
Segundo Impulsa Galicia, a súa disolución chega tras varios logros como a creación de Recursos de Galicia, un centro de datos en Curtis ou a fábrica de Altri en Palas, da que di que "practicamente concluíu a súa tramitación administrativa e atópase á espera de obtención de apoio económico e conexión eléctrica por parte do Goberno central". "Entregamos a Galicia un legado do que nos sentimos orgullosos", di o ata agora director xeral da empresa, Julio Pombo.