O PSdeG anunciou este domingo que vai solicitar, un por un, todos os expedientes relacionados coa actividade da Sociedade Impulsa, da que denuncia a súa "opacidade"
En outubro do ano 2021 o daquela conselleiro de Economía, Francisco Conde, asinou con Altri un memorando de entendemento para a súa instalación en Galicia. O contido deste documento segue a ser secreto a pesar das solicitudes de BNG e PSdeG e das solicitudes realizadas (entre outros, por Praza.gal) ao abeiro da Lei de Transparencia. Porén, a Xunta vén negándose a facer público o contido dese acordo, argumentando que o asinou o conselleiro como un "negocio xurídico privado".
A instalación de Altri en Galicia foi resultado da iniciativa de Impulsa Galicia, unha empresa creada en 2021 pola Xunta canda socios privados, como Abanca, para impulsar proxectos tractores con cargo aos fondos europeos Next Generation. Foi Impulsa Galicia quen decidiu promover un proxecto de transformación de madeira en fibras téxtiles, elixindo para facelo a Altri. O Goberno galego decidiu non contar cunha participación maioritaria (posúe o 48,2% do capital) pero decidiuse que a Presidencia da compañía sexa exercida en todo momento pola persoa que dirixa a Consellaría de Economía, no ano 2021 o propio Francisco Conde.
Patricia Iglesias sinala que van recorrer ao Portal de Transparencia "e se non responden acudiremos á Comisión Galega de Transparencia”, indica Iglesias, que engade que "se segue o silencio, estudaremos vías xudiciais por vulneración da lei”
O PSdeG anunciou este domingo que vai solicitar, un por un, todos os expedientes relacionados coa actividade da Sociedade Impulsa, da que denuncia a súa "opacidade". Unha empresa da que "non se sabe que fixo dende a súa creación na que se están a detectar irregularidades e prácticas cuestionables, a maioría desveladas por un traballo de investigación dos medios de comunicación e non por iniciativa do propio Goberno galego", sinala a formación, que lembra que “non cumpriron o artigo 9 da Lei de Transparencia, e iso xa é un síntoma moi grave”.
A través da súa deputada Patricia Iglesias, o PSdeG sinala que vai recorrer ao Portal de Transparencia "e se non responden acudiremos á Comisión Galega de Transparencia”, indica Iglesias, que engade que "se segue o silencio, estudaremos vías xudiciais por vulneración da lei”.
"Hai indicios preocupantes de contratacións opacas, sen garantías mínimas de concorrencia, e con empresas ligadas a contornas afíns ao PP, e proxectos con repercusión ambiental e económica sobre os que os galegos e galegas non poden opinar nin coñecer en detalle”, di o PSdeG
O PSdeG vai solicitar tamén toda a documentación de entidades como Recursos de Galicia, desde os contratos asinados ata os informes técnicos, convenios, actas, memorandos ou calquera documento que poida acreditar a súa xestión, incluído o pacto ao que se chegou con Altri.
Patricia Iglesias cualifica como "intolerable" que "se manexen fondos públicos sen garantir os mecanismos de control e rendición de contas mínimos" e alerta de que "hai indicios preocupantes de contratacións opacas, sen garantías mínimas de concorrencia, e con empresas ligadas a contornas afíns ao PP, e proxectos con repercusión ambiental e económica sobre os que os galegos e galegas non poden opinar nin coñecer en detalle”.

“Fomos os primeiros en advertir que algo cheiraba mal nesta empresa. E, cada vez que se levanta unha pedra, atopamos máis escándalos”, di Patricia Iglesias
A deputada socialista reclama unha "estratexia contra a corrupción" na xestión da Xunta de Galicia e sinala que “fomos os primeiros en advertir que algo cheiraba mal nesta empresa. E, cada vez que se levanta unha pedra, atopamos máis escándalos”.
“Non imos permitir que Impulsa se converta no novo exemplo de porta xiratoria, favores e intereses cruzados. Galicia merece claridade, non unha sociedade que opera baixo o paraugas da opacidade. O que está en xogo é a confianza da cidadanía na política”, conclúe Iglesias.
A deputada socialista reclama unha "estratexia contra a corrupción" na xestión da Xunta de Galicia
Os socialistas esixen que a Xunta cumpra coas recomendacións do Consello de Contas, que no seu último informe constata que moitas das súas propostas en materia de prevención da corrupción seguen sen ser adoptadas. “Non hai estratexia de integridade, non hai normativa sobre portas xiratorias nin sobre lobbies, nin sequera un plan serio de prevención de riscos”, di o PSdeG.
E lembran que Galicia está á cola en calidade de goberno e transparencia, segundo o Índice Europeo de Calidade de Goberno (EQI) elaborado pola Universidade de Gotemburgo e recollido no Informe de Cohesión Económica, Social e Territorial da UE.