O Goberno galego vén de agregar como xustificación para non amosar o acordo coa empresa portuguesa que o ex-conselleiro Conde o asinou como "negocio xurídico privado"
O Goberno galego acumula diversas xustificacións para non facer público o texto completo do acordo asinado en 2021 con Altri por parte de Impulsa Galicia, a sociedade fundada pola Xunta e Abanca para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation. A máis recente, que foi asinado por un conselleiro como "negocio xurídico privado".
Que ese acordo existe é coñecido dende o día en que foi rubricado, cando a propia Altri divulgou que fora elixida por Impulsa. Pero o que nunca foi publicado é o contido dese documento. Por parte de Impulsa Galicia quen asinara fora Francisco Conde, presidente da sociedade por ser daquela Conselleiro de Economía. Pero quen daquela tiña tamén rango de vicepresidente da Xunta, alega o Goberno, "actuaba na súa condición de titular dun órgano dunha sociedade mercantil privada" e non como cargo público e por iso deixa os papeis á marxe da lei de transparencia.

A consideración do acordo con Altri como un asunto privado vén sendo cuestionada dende os grupos da actual oposición dende hai tempo, reclamación que a Xunta desdeña con reiteración. Así, por exemplo, o pasado febreiro o presidente Rueda reduciu a "o mesmo de sempre" que o BNG volvese reclamar formalmente no Parlamento eses "papeis ocultos". Tras revelar Praza.gal que agora o Goberno encadra a actuación ao respecto do ex-conselleiro Conde (actualmente, deputado do PP no Congreso) no ámbito privado, o secretario xeral do PSdeG retoma a esixencia de que os documentos sexan públicos.
"É lamentable poñer esa xustificación", di o secretario xeral do PSdeG para reclamar "amosar a todo o mundo que tipo de acordo secreto ten Altri co PP, con Rueda e coa Xunta"
"Hai un memorando que asina a sociedade Impulsa Galicia" a través "do que daquela era vicepresidente da Xunta" e a "explicación que dá para non entregar esa documentación" pode ser cualificada como "falsa", considerou José Ramón Gómez Besteiro en respostas á prensa este martes en Ourense. "Porque non estamos falando dun vicepresidente a tempo parcial", toda vez que cabe deducir, ironiza, que Conde exercía o cargo "a tempo completo".
"Non hai ningunha actuación privada" agás que caiba pensar que Conde "actuaba no ámbito privado unha serie de horas" ao día. Alén da retranca, di Besteiro, esa "ocultación" é "inexplicable" e fai preciso preguntarse "que agochan", que "pacto secreto ten Rueda coa macrocelulosa de Altri". "É irracional, lamentable, que se poña esa xustificación para non dar unha información dicindo que a actuación era privada", polo que, insiste, o PSdeG considera que deben "amosar a todo o mundo que tipo de acordo secreto ten Altri co PP, con Rueda e coa Xunta".