O deputado Luís Bará esixe a Rueda "desclasificar" o acordo asinado en 2021 pola sociedade da Xunta e Abanca, cuxa existencia Altri sinalou nun comunicado sen que ningunha das partes publicase o contido íntegro. O presidente reduce a reclamación ao "mesmo de sempre"
Que Impulsa Galicia, a sociedade público-privada fundada pola Xunta (40%) da man de Abanca (38%) para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation, asinou un pacto con Altri é público dende o 1 de outubro de 2021. Foi ese día cando a papeleira transmitiu aos seus investidores e ao organismo supervisor dos mercados de valores de Portugal (a CMVM) un comunicado ao respecto, que plasmou tamén cunha redacción case idéntica no espazo de noticias do seu sitio web corporativo.
Máis de tres anos despois da sinatura, ese pacto volveu á actualidade na recta final para coñecer se o Goberno galego concederá ou non os permisos ambientais a Greenfiber, a sociedade coa que Altri quere instalar xunto a Greenalia a súa fábrica de celulosa e de fibras téxtiles elaboradas a partir deste produto. Sucedeu despois de que a pasada semana o BNG esixise a publicación íntegra do que considera un "acordo político" de carácter "secreto" e o PP respondese entre mofas amosando, a través das redes sociais e en rolda de prensa da súa secretaria xeral, Paula Prado, o comunicado da empresa ao respecto, pero non o contido do "memorando de entendemento" asinado.

É neste contexto no que o Bloque vai tentar outra volta conseguir o documento a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento, que faculta os grupos a reclamar ao Goberno documentos que estean no seu poder. O presidente Rueda, di o deputado Luís Bará, debe "desclasificar os papeis ocultos de Altri" porque a poboación debe poder coñecer "os compromisos adquiridos nese acordo" por parte de Impulsa Galicia.
O Bloque pide tamén "toda a documentación sobre o concurso internacional" no que Impulsa Galicia seleccionou a Altri fronte ás súas competidoras e ve "un claro conflito de intereses" en que a conselleira de Economía sexa tamén presidenta da sociedade público-privada aliada coa compañía portuguesa
Nesa mesma petición Bará pide tamén coñecer "toda a documentación sobre o concurso internacional" da sociedade da Xunta e Abanca, participada tamén por Sogama e Reganosa, "polo que foi seleccionado o proxecto industrial de Altri". Segundo Impulsa Galicia, decantouse pola compañía portuguesa "tras negociacións minuciosas con catro grandes empresas".
Alén de reclamar a devandita documentación, a formación soberanista sinala tamén o que interpreta como un "claro conflito de intereses" da conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, quen exerce tamén como presidenta de Impulsa Galicia en representación do seu maior accionista, a Xunta. "A mesma persoa que estableceu os acordos ocultos con Altri é a persoa que ten que tramitar no Consello da Xunta a aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico" para a empresa portuguesa. “Hai un intercambio de información claro e evidente" que considera, mesmo "podería" ser "un caso de tráfico de influencias”.

Pouco despois de que o BNG anunciase este novo intento de obter o documento do acordo de Impulsa Galicia con Altri, o presidente da Xunta restáballe valor tanto á reclamación como ás críticas de Bará. "Outra vaca no millo", ironizou Rueda, que reduce ao "mesmo de sempre" a acusación de ocultar o pactado.
"O BNG coñecía perfectamente o proxecto" e "despois de perder as eleccións cambiaron completamente", resolve o titular da Xunta. Esta mesma semana Rueda terá que responder no Parlamento unha pregunta de Ana Pontón "sobre a postura do Goberno galego ante a tramitación do proxecto de Altri"; fontes do Executivo galego remítense a esa sesión sobre a posibilidade de que o presidente ofreza máis respostas ao respecto.