BNG, PSdeG e Greenpeace ven unha "filtración" e o diario pregunta se a Xunta pode tomar medidas para evitar presións aos autores do documento, ao que o presidente di que "ao mellor teñen que ter unha resposta"
O sábado La Voz de Galicia publicou unha información na que revelou que o informe preceptivo de Augas de Galicia sobre a fábrica de Altri en Palas de Rei é favorable ao proxecto e considérao compatible coa conservación ambiental do río Ulla. Unha información eloxiada este luns polo presidente da Xunta e que está a provocar un cruce de acusacións entre o Goberno galego, a oposición e mesmo Greenpeace.
A información publicada por La Voz de Galicia non di que o diario accedese ao documento senón que se basea en "fontes da Xunta". Aínda así, o diario recolle entre aspas varias supostas textualidades do documento.
Esa publicación foi xa cualificada como "filtración" desde a Xunta por BNG, PSdeG ou Greenpeace. Para os nacionalistas é "grave e preocupante" que se coñeza o contido do informe sen que este sexa público, dun xeito "irregular" e "falto de transparencia". Os socialistas, que piden esperar a ter o informe para valorar o seu contido, lamentan a "política de filtracións á prensa e datos non contrastados".
E a organización ecoloxista mesmo esixe "unha investigación independente" da "filtración interesada" que "dana gravemente os dereitos das persoas, colectivos e institucións que contribuíron no proceso de participación pública e levan máis dun ano agardando por coñecer os informes".
A conselleira de Medio Ambiente atribúe ao BNG e "os seus secuaces" supostas ameazas a técnicos da Xunta das que aínda non se fixo pública ningunha denuncia formal
Ante estas críticas, este luns o presidente da Xunta foi preguntado, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, se o seu goberno vai tomar algunha medida para evitar filtracións e se a cidadanía vai coñecer a decisión final sobre Altri no Diario Oficial de Galicia ou a través dalgún medio de comunicación. "Se o problema é que un xornal fai o seu traballo e ten as súas fontes de información, me alegro de que se fale diso e non do contido dos informes dos técnicos que están a ser masacrados por xente que nin os leu", foi a resposta de Rueda.
Nesa mesma liña se pronunciou a semana pasada a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen atribuíu ao BNG e "os seus secuaces" supostas ameazas aos técnicos da Xunta, "persoal amedrentado" que vive segundo ela "sen poder durmir de noite".
Ante esas supostas ameazas, e á espera de que se faga oficial algunha denuncia ao respecto, este luns La Voz de Galicia preguntou a Rueda se a Xunta "pode tomar algunha medida para evitar esas críticas ou rebaixarlles a presión aos técnicos". A resposta de Rueda foi "pedir respecto e educación, pero hai xente nos partidos da oposición que non é capaz de tela". "Os ataques persoais e as insidias ao mellor teñen que ter unha resposta", engadiu o presidente.
A Rueda tamén se lle preguntou se dá por bo o contido do suposto informe de Augas de Galicia publicado por La Voz de Galicia. "Como non o vou dar por bo? Fora cal fora o sentido dos informes, [acepto] o que digan os técnicos", foi a súa resposta.
Á espera de que se fagan públicos de xeito oficial os informes sectoriais preceptivos para a avaliación ambiental do proxecto de Altri, hai dúas semanas fontes da Xunta sinalaban que aínda faltaban por recibirse un terzo dos 36 documentos previstos. Despois a Consellería de Medio Ambiente aínda terá dous meses de prazo para emitir a súa decisión final sobre o proxecto.