Así paralizou o goberno de Noruega unha celulosa semellante a Altri

A planta de celulosa ía instalarse nun polígono industrial á beira do río Begna, que en Hønefoss se une ao Randselva para formar o río Storelva © https://www.viken.skog.no/

O pasado mes de setembro a Dirección de Medio Ambiente do Goberno noruegués denegou a solicitude da empresa Billerud Viken para a instalación dunha fábrica de pasta de celulosa na localidade de Hønefoss, a uns 60 quilómetros de Oslo

O pasado mes de setembro a Dirección de Medio Ambiente do Goberno noruegués denegou a solicitude da empresa Billerud Viken para a instalación dunha fábrica de pasta de celulosa na localidade de Hønefoss, a uns 60 quilómetros de Oslo. A negativa chegou porque as verteduras da planta á auga (primeiro aos ríos Begna e Storelva, despois ao fiordo interior Tyri e finalmente ao fiorno de Oslo) infrinxirían a normativa medioambiental norueguesa e tamén a Directiva Marco da Auga da UE. Noruega non é membro da UE, pero si do Espazo Económico Europeo (EEE) e aplica a Directiva Marco da Auga en virtude dos acordos asinados previamente -no marco do EEE- para regular as súas relacións coa UE.

En concreto, a resolución facía referencia ao impacto que as verteduras de nitróxeno terían para os espazos protexidos de Nordre Tyrifjorden e Storelva, no fiordo de Tyri (onde existen cinco zonas húmidas con protección Ramsar) e, augas abaixo, ao propio fiordo de Oslo, xa bastante deteriorado. Ademais, as autoridades do país destacaron a mellora da "calidade ecolóxica" da propia contorna de Hønefoss dende o peche hai máis dunha década da papeleira que alí funcionou entre 1873 e 2012.

A fábrica estaba prevista na mesma zona na que se atopaba a antiga papeleira de Norske Skog Follum, pechada en 2012 © https://www.viken.skog.no/

A negativa chegou porque as verteduras da planta á auga infrinxirían a normativa medioambiental norueguesa e tamén a Directiva Marco da Auga da UE

O proxecto noruegués, como destaca Greenpeace, presenta notables semellanzas (e algunha diferenza) co de Altri en Palas de Rei. A fábrica de Altri prevé ter un volumen de produción (400.000 toneladas de celulosa e 200.000 de lyocell) moi superior ao que proxectaba a planta de Billerud Viken (300.000 de celulosa). As necesidades de madeira tamén serían algo superiores no proxecto de Altri (entre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas ao ano, fronte ás 750.000 do proxecto noruegués).

A principal semellanza ten que ver co impacto que as emisións de ambas as dúas plantas terían nos ríos da contorna (Begna-Storelva e Ulla) e tamén en espazos situados augas abaixo (os fiordos de Tyri e Oslo e, no caso galego, a Ría de Arousa). Este é un dos principais elementos de crítica dos colectivos contrarios a Altri en Galicia e foi tamén a razón pola que o Goberno noruegués denegou a solicitude de instalación en Hønefoss. A distancia entre Hønefoss e o fiordo de Oslo é, ademais, moi semellante á que existe entre Palas de Rei e a Ría de Arousa, uns 100 quilómetros.

O proxecto noruegués presenta notables semellanzas co de Altri en Palas de Rei. A principal ten que ver co impacto que as emisións de ambas as dúas plantas terían nos ríos da contorna (Begna-Storelva e Ulla) e tamén en espazos situados augas abaixo (os fiordos de Tyri e Oslo e, no caso galego, a Ría de Arousa)

As verteduras de ambas as dúas instalacións son importantes en ambos os dous casos, aínda que diferentes en canto ás substancias emitidas. Así, o nivel de emisión de substancias con demanda química de osíxeno (DQO) na planta de Billerud Viken ascendería a 6.000 toneladas por ano fronte ás 1680 previstas por Altri.

Pola contra, o resto de indicadores comparables amosan que o nivel de emisións sería superior no caso de Altri, destaca Greenpeace, que analizou as cifras de verteduras estimadas en ambos os dous proxectos. Así, a planta de Palas de Rei emitiría 525 toneladas de materia en suspensión (SST), fronte ás 270 toneladas da proxecto de Hønefoss. De igual xeito, as emisións de nitróxeno tamén serían moi superiores no caso galego (157 toneladas anuais fronte a 54), o mesmo que as de fósforo (21 toneladas fronte a 3) e as de Sulfatos (21.000 toneladas na planta de Altri e inexistentes na de Billerud Viken).

A pesar de ser moi inferiores no caso noruegués que no de Altri, as emisión previstas de nitróxeno e o impacto que poderían acabar tendo no fiordo de Oslo -que xa soporta moitas fontes de contaminación- foron un dos principais elementos que levaron á denegación da solicitude

Cómpre salientar que, a pesar de ser moi inferiores no caso noruegués que no de Altri, as emisión previstas de nitróxeno e o impacto que poderían acabar tendo no fiordo de Oslo -que xa soporta moitas fontes de contaminación- foron un dos principais elementos que levaron á denegación da solicitude.

Hai, iso si, algunhas diferenzas entre os dous proxectos. Así, por exemplo, a fábrica norueguesa instalaríase nun polígono industrial en funcionamento, aproveitando parte das instalacións da antiga papeleira pechada en 2012, o que reduciría o seu impacto no medio. Ademais, un dos peores efectos de ambos os dous proxectos -o incremento do tráfico rodado debido ao transporte por estrada da materia prima-, no caso do proxecto noruegués, unha parte importante da madeira podería chegar por tren, o que reduciría a contaminación xerada, moi importante no caso de Altri.

 Altri en Palas de ReiBillerud Viken AS en Hønefoss
Produción prevista400.000 toneladas de celulosa e 200.000 de lyocell300.000 toneladas de celulosa
Consumo de madeiraEntre 900.000 e 1,2 millóns de toneladas ao ano750.000 toneladas ao ano
Investimento previsto1000 millóns de euros1000 millóns de euros
Fondos públicos250 millóns de euros7,5 millóns de euros
Empregos xeradosA empresa prevé 500 empregos directos e 2.000 indirectos, pero o CCG rebaixa as previsións a 281 empleos directos, 62 empregos indirectos nas comarcas próximas e outros 201 indirectos no resto de GaliciaA empresa estimaba a creación de 70 postos de traballo directos e 350 indirectos na zona
Emisións 
Substancias con demanda química de osíxeno (DQO)1.680 toneladas ao ano6.000 toneladas ao ano
Materia en suspensión (SST)525 toneladas ao ano270 toneladas ao ano
Nitróxeno157 toneladas ao ano54 toneladas ao ano
Fósforo21 toneladas ao ano3 toneladas ao ano
Sulfatos21.000 toneladas ao ano-

Mentres que Altri está demandando a concesión de subvencións que ascenderían a 250 millóns de euros, no caso noruegués a empresa só recibiu unha axuda pública de 7,5 millóns

O investimento previsto é moi semellante nos dous proxectos, uns mil millóns de euros. Porén, coa importante diferenza de que mentres que Altri está demandando a concesión de subvencións que ascenderían a 250 millóns de euros, no caso noruegués a empresa só recibiu unha axuda pública de 7,5 millóns de euros. En concreto, Enova, empresa estatal propiedade do Ministerio de Clima e Medio Ambiente, concedera previamente ao proxecto unha axuda de 7,49 millóns de euros procedente do programa Flexibilidade no sistema enerxético para poñer en marcha solucións enerxéticas innovadoras na fábrica

Render do proxecto desbotado © BILLERUD VIKEN AS

A fábrica norueguesa instalaríase nun polígono industrial en funcionamento e recibiría boa parte da súa materia prima por tren, o que reduciría o seu impacto sobre o medio en relación á proposta de Altri para Palas de Rei

O proxecto de Billerud Viken estaba chamado a ser o meirande investimento na industria nacional norueguesa dende os ano 90 do pasado século e, ao igual que Altri, estaba a promocionarse nos medios como unha iniciativa estratéxica e ambientalmente sustentable. Billerud Viken AS é unha empresa conxunta, participada ao 50% pola papeleira sueca Billerud e por Viken Skog AS, a meirande cooperativa de propietarios forestais de Noruega.

Prevía a creación de 70 postos de traballo directos e 350 indirectos na zona, unha estimación que Greenpeace considera máis axustada á realidade que a realizada por Altri, que dende o 2022 anuncia a creación de 500 empregos directos (e dous mil indirectos). Nos últimos meses outros cálculos, coma os realizados polo Consello da Cultura Galega, reduciron estas cifras ata os 281 empleos directos, 62 empregos indirectos nas comarcas próximas e outros 201 indirectos no resto de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.