Aínda están pendentes un terzo dos 36 informes sectoriais de Altri

Área na que se emprazará a fábrica de Altri en Palas de Rei © Altri

Cando a empresa responda a todos os requirimentos que lle fixeron diversos departamentos da administración e estes o validen a Consellería de Medio Ambiente aínda terá dous meses para emitir a súa decisión ambiental sobre o proxecto

Diversos departamentos da administración aínda teñen pendentes de concluír un terzo dos 36 informes sectoriais que se están a elaborar no marco da declaración de impacto ambiental do proxecto de Altri en Palas de Rei. 

Unha vez rematados os informes sectoriais, a Consellería de Medio Ambiente aínda terá dous meses de prazo para emitir a súa decisión ambiental global e final sobre o proxecto. Así o veñen de transmitir fontes da Xunta, que inciden en que o proceso de avaliación ambiental de Altri está a ser desenvolvido coas mesmas garantías e independencia por parte do persoal funcionario que calquera outro proxecto con posible impacto sobre o territorio. 

Directivos de Altri implicados no proxecto para Palas de Rei CC-BY-SA Praza Pública

Segundo fontes do Goberno galego, a Xunta está a seguir un procedemento "absolutamente rigoroso, garantista e transparente" no que na actualidade estase na fase en que a empresa está a dar resposta a diversos requirimentos de información ou correccións formulados por diversos departamentos sectoriais das administracións, non só da Xunta. Cando a empresa dea resposta, os departamentos implicados deben avaliar se nas súas respectivas áreas de competencias cumpre finalmente coas súas esixencias e establecer os posibles condicionantes aplicables en cada caso. 

Nas últimas semanas a Xunta fai fincapé na independencia e calidade que terá o ditame ambiental final sobre Altri

Unha vez que remate ese traballo de supervisión e a Consellería de Economía e Industria obteña todos os informes sectoriais, o expediente completo será remitido á Consellería de Medio Ambiente, que disporá dun prazo de dous meses, por tratarse este dun proxecto cualificado pola propia Xunta como "estratéxico", para formular a súa Declaración de Impacto Ambiental.

Fontes da Xunta descartan tamén que poida ser aplicado a este caso a previsión legal para proxectos estratéxicos de que a administración teña que indemnizar ao promotor se a tramitación se alonga máis dun ano. Ese prazo conta só para as demoras que poidan atribuírse á propia administración, e non ao que tarde a empresa en dar resposta aos requirimentos sectoriais. 

Nas últimas semanas diversos cargos da Xunta, incluído o presidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, veñen poñendo o foco na independencia e calidade que terá o ditame ambiental final sobre Altri, que atribúen en exclusiva ao traballo profesional do funcionariado sen interferencias políticas. 

Manifestación contra Altri en Palas de Rei © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.