Milleiros de persoas ateigan Compostela contra Altri: “Galicia enteira rexeita esa pasteira!”

O río Ulla chegou ao Obradoiro neste domingo para protestar contra a instalación da factoría de Altri en Palas de Rei. CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

Unha hora despois de saír a cabeceira, aínda non arrancaba a parte final da manifestación, no que para moitos xa é unha mañá histórica, tal e como previñeran Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

“Rueda, recúa, a auga non é túa” foi un dos lemas que se puido escoitar este mediodía polas rúas de Compostela, ateigadas por unha marea de persoas chegadas de toda Galicia co propósito de paralizar a instalación da factoría pasteira de Altri en Palas de Rei.

Unha hora despois de saír a cabeceira, aínda non arrancaba a parte final da manifestación, que tal e como pretendían as organizacións convocantes - Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa- superou en número de persoas a mobilización de xuño e impresionou pola elaboración das numerosas pancartas, moitas delas con siluetas da fauna e flora que se vería afectada pola instalación da factoría de celulosa da compañía portuguesa. 

Aspecto da Praza do Obradoiro, este domingo, cando aínda non chegara o "río" . CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

Baixo o lema 'A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non' a manifestación arrancou pasadas as 12.00 horas da Alameda para concluír na Praza do Obradoiro. Os manifestantes portaban unha enorme tea azul que simulaba o río Ulla, un dos principais espazos naturais prexudicados de facerse realidade o proxecto que defende o Goberno galego. 

“A terra é nosa e non da celulosa” escóitase mentres piden que se baleire a metade do Obradoiro para que entre a xente que falta (por cuestión de aforo), as 13.00 horas, cando aínda había xente esperando para saír desde a Alameda, feito que levou a moitos dos asistentes a falar dunha “mañá histórica”. “Temos unha Xunta negacionista e iso non pode ser”, dicía o poeta e mestre Lois Pérez Díaz, desde o escenario. “Galicia enteira rexeita esa pasteira”, berraba a xente a milleiros.

“Trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige”, defenden desde a organización

Pasadas as 13.30 horas, entrou o río no Obradoiro, onde a xente tamén se lembrou da situación dos medios de comunicación públicos.  “Onde está a TVG?”, cuestionaba, mentres os meandros do río que simboliza o Ulla avanzan ata onde está o escenario coas pancartas das plataformas convocantes. 

As organizacións convocantes cifraron en máis de 100.000 as persoas que “abarrotaron” hoxe as rúas de Santiago”. A cantidade de xente presente en Compostela obrigou á organización a baleirar e encher o Obradoiro en dúas ocasións e o manifesto tivo que ser lido dúas veces. “Trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige”, defenden nun comunicado a Plataforma Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA).

Antes de comezar a marcha, na Alameda, a presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, defendía que “estamos aquí para mandar unha mensaxe moi clara: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpe e auga limpa. E non é negociable”. A presidenta de Ulloa Viva dirixiuse directamente a “Altri, a Xunta e Greenalia” para dicirlles que “non hai trato, o noso legado e o futuro das nosas fillas non é negociable”.

Un detalle da manifestación deste domingo en Compostela. CC-BY-SA Praza

“A Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e o sector agrogandeiro e turístico”, subliñan

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, pola súa banda,  asegurou “a Xunta de Galicia non ten o consenso social para impulsar e impoñer a celulosa de Altri”. E engadiu que “impoñer a celulosa de Altri é actuar contra o conxunto da sociedade galega”. Lembrou o presidente da PDRA que “a Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e o sector agrogandeiro e turístico”.

Desde o BNG a portavoz nacional  pediu ao titular da Xunta que escoite a “marea de dignidade” que se mobilizou en Santiago para dicirlle “alto e claro ao Partido Popular Galiza, si; Altri, non” e que pare a “bomba ambiental” desta macrocelulosa contaminante que “é unha hipoteca para o futuro do País”. 

Ana Pontón fixo parte dunha mobilización que cualificou de “histórica”, cunha participación á altura da macromanifestación de Nunca Máis  logo do Prestige , segundo salientou. Pontón puxo en valor a participación de miles e miles de galegos e galegas que lle dixeron ao PP na manifestación que non queren que lles poñan “no corazón do rural” unha macrocelulosa contaminante que pon en risco, advertiu, “8.000 empregos non só na comarca da Ulloa e Arzúa, senón tamén na ría de Arousa”.

A portavoz nacional indicou que Galiza ten moitos retos por diante, pero que a forma de enfrentalos “non pode ser cun modelo industrial do século XX” cun proxecto “megacontaminante” que “non queren en Portugal” e que vai supoñer a “destrución dunha parte importante do territorio galego, a de miles de empregos e a de todo un modo de vida”, o da xente do rural e do mar. 

Ana Pontón, xunto a Goretti Sanmartín e outros membros do BNG durante a marcha contra Altri. CC-BY-SA BNG

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez pola súa banda, esixiulle hoxe á Xunta e a e PP que aclaren “xa” o proxecto de Altri para Palas de Rei, que cada vez é máis opaco. A responsable socialista destacou tamén a importancia de analizar en profundidade un proxecto que mudou significativamente dende os seus inicios: “O noso secretario xeral tamén foi moi claro ao respecto: Non nos gusta, pero temos unha responsabilidade maior: investigar e coñecer a verdade dun proxecto que comezou dunha maneira e agora semella ser algo totalmente distinto”.

Para o PSdeG, a sostibilidade medioambiental é unha prioridade, pero Lara Méndez advertiu de que este aspecto non é suficiente: “Hai que estar vixiantes na sostibilidade social e económica. É un proxecto viable economicamente ou imos ter que mantelo con fondos públicos?”, cuestionou.

Lara Méndez subliñou que “sempre dixemos que o proxecto presentado como estratéxico no Parlamento polo PP nada ten que ver co que fomos coñecendo co tempo”.

Lectura do manifesto

No Obradoiro Leti da Taberna e Lois Pérez deron a benvida aos milleiros de persoas asistentes e sobre o escenario -colocado na praza debaixo do despacho da Xunta de Galicia no Pazo de Raxoi- a mariscadora de Carril María Porto, a bateeira de Vilanova Marta Juncal,a bibliotecaria de Antas Teresa Batán e Ximena de Agolada, deron lectura ao manifesto. 

Lara Méndez participou na mobilización contra Altri. CC-BY-SA PSdeG

Desde Altri aseguran que seguirán “explicando o proxecto a todas aquelas entidades e colectivos que desexen informarse como viñemos facendo ata agora”

No texto repasaron este ano de loita, “a cada mes que pasaba, eramos mais as voces que berrabamos contra o proxecto de Altri-Greenalia”, desde aquelas manifestacións de Palas de Rei, a Ría de Aousa e o Arrodea San Caetano, tamén se referiron ás máis de 23.000 alegacións ao proxecto e ao informe do Consello da Cultura Galega do pasado mes de setembro. Lembraron que hai dous meses o PP votou en contra de admitir a trámite no Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular para recoñecer o interese xeral da pesca de baixura, o marisqueo e o mexillón “mais non teñen reparos en declarar proxectos estratéxicos a Altri ou á mina de Touro, porque non queren que esteamos en pé de igualdade con eles, para así poder explotar os nosos recursos despregando unha estratexia de extractivismo colonial”.

Referíronse tamén aos requerimentos que a Xunta leva meses mandando aos alegantes cuestionando a condición de “interesados” no procedemento, mais advertiron de “nin nos van calar, nin nos dan medo!”. No manifesto cuestionaron os 250 millóns de euros de cartos públicos para o proxecto, que “servirían para sanear as rías e rexenerar os bancos marisqueiros” e alertaron de que a contaminación de Altri no Ulla “afecta a calidade da auga potable que bebemos 145.000 veciños e esa contaminación do río Ulla chegaría “en 24 horas á ría de Arousa”.

A convocatoria da manifestación levou hoxe a Santiago máis de 40 autobuses fletados pola veciñanza, concellos, asociacións e outros colectivos que levan meses apoiando esta loita veciñal. 

Milleiros de persoas ateigan o Obradoiro na manifestación contra Altri. CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

Altri defende a “sustentabilidade” do proxecto

Desde Altri, pola súa banda, quixeron responder á mobilización cun comunicado onde “lamentan” que unha parte da sociedade teña unha percepción negativa do proxecto. “Trátase dun proxecto que foi deseñado cos máis altos criterios de sustentabilidade, circularidade e respecto ao medio ambiente, marcados pola normativa europea”, subliñan, ao tempo que destacan o feito de que a Comisión Europea “non rexistrou proba algunha de incumprimento da normativa aplicable ao proxecto, que á súa vez está aliñado co informe Draghi".

Finalmente, aseguran que seguirán “explicando o proxecto a todas aquelas entidades e colectivos que desexen informarse como viñemos facendo ata agora”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.