Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa buscan un impacto masivo coa súa mobilización contra Altri o vindeiro domingo 15 en Santiago
Os colectivos ecoloxistas e veciñais e as organizacións políticas e sociais contrarias á instalación da fábrica de celulosas de Greenfiber, a factoría que a portuguesa Altri e a galega Greenalia proxectan da man da Xunta en Palas de Rei, queren lograr un impacto masivo na súa mobilización do vindeiro domingo 15 ven Santiago, convocada por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Unha manifestación aínda máis multitudinaria que a do pasado xuño para tentaren frear o proxecto.
En vésperas desa convocatoria, a organización ecoloxista Adega tenta axitar o debate e as alertas sobre o proxecto coa publicación de Informe Altri: celulosa do século XX para o XXI. O libro asínao Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e antigo presidente da asociación, e baséase na documentación que a propia Altri tivo que achegar á Xunta e amosar ao público dentro a súa tramitación ambiental.
Unha explicación do "funcionamento interno dunha celulosa", as verteduras previstas ao río Ulla, as emisións atmosféricas, a xestión dos refugallos e "unha radiografía do sector da celulosa e papel-cartón no Estado español e en Europa" compoñen un traballo que, indican dende Adega, pretende "favorecer unha opinión crítica da veciñanza directamente afectada" por Altri. Pero tamén "do conxunto da poboación galega".
O doutor en Bioloxía Ramón Varela, autor do informe de Adega, mantén que Altri "oculta 15 contaminantes dos que non quere dar información" e asegura que o seu impacto sería maior que o das 8 celulosas actualmente existentes no Estado
"Para min é unha obriga divulgar os datos que coñezo, sabendo que Altri suporía un novo atentado ambiental para o país" nun contexto no que "a tecnoloxía avanzou moito", pero no que "o modelo de Altri é propio dos anos 70". Neste sentido, o autor asegura que "Altri oculta 15 contaminantes dos que non quere dar información" sobre un total de 22 dos que debería informar.
"Oculta mesmo as emisións de dióxido de carbono" que produciría, "que xa é o colmo", mantén Varela. Neste sentido, o biólogo subliña que "nunha charla no Hostal dos Reis Católicos" os promotores da empresa "dixeron que ían emitir máis de 100.000 toneladas, pero escrito no estudo de impacto ambiental non aparece". O que si figura, alerta, son outros datos que permiten afirmar que emitiría "catro veces máis partículas e óxidos de xofre que os oito complexos" de celulosa existentes actualmente no Estado.
Pontón chama a "unha mobilización masiva"
A primeira presentación pública do libro de Ramón Varela Díaz celebrarase este 13 de decembro no Centro Multiúsos de Melide (19h30). Será apenas dous días antes da protesta que este mércores quixo alentar dende Palas a portavoz nacional do BNG. "Temos que saír defender a dignidade de Galiza, dicir que nos importa máis a xente do rural, a xente do mar, que os intereses dunha multinacional que quere vir contaminar o noso país", afirma.
A portavoz nacional do BNG ve "unha indignidade que Rueda queira entregar 250 millóns públicos a unha empresa portuguesa para que veña contaminar" e pide investilos nun plan de desenvolvemento económico para as comarcas afectadas
Ante o emblemático castelo de Pambre, Ana Pontón encadra a "aposta do PP" por Altri nun "modelo do pasado" que pon "en risco" a comarca da Ulloa e a súa contorna. "É unha indignidade que o Executivo de Alfonso Rueda queira entregar 250 millóns públicos a unha empresa portuguesa para que veña contaminar" cando o que debería é "deixar de facer de comercial de Altri" e "poñer por diante os intereses dos galegos e galegas".
Afirma Pontón que, en contraste coa aposta da Xunta e do PP por Altri, o Bloque defende "un modelo e uturo que pasa polo desenvolvemento do Plan Ulloa-Ulla-Arousa para "revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas afectadas pola macrocelulosa". Estaría, di, "financiado con cargo aos 250 millóns de fondos europeos que o PP quere dar a Altri".