Organizacións ambientais de todo o mundo esixen á Xunta e ao Goberno de España que rexeiten a fábrica de Altri

Fotografía de arquivo da manifestación contra Altri na Praza da Feira de Palas de Rei © ADEGA

"Deberiamos ir na dirección contraria: reducir a superficie de eucalipto tal e como esixe o Plan Forestal Galego actualmente en vigor, avanzar cara á redución global da produción e o consumo de papel", destacan medio cento de entidades ambientais de cinco continentes

Cincuenta e dúas organizacións non gobernamentais ambientais de cinco continentes fan públicos os argumentos que remitiron por escrito ás consellerías de Medio Ambiente e Industria da Xunta, así como aos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, solicitando "a paralización definitiva do proxecto de fábrica de celulosa e fibras de eucalipto de Altri/Greenfiber en Palas de Rei. 

As entidades chaman a atención sobre os impactos que provocaría na contorna natural da comarca da Ulloa na que se vai a situar a fábrica, na biodiversidade de espazos de gran valor, nas especies vulnerables e en perigo de extinción, no patrimonio cultural, nos sectores primarios locais, nos recursos hídricos e na saúde das persoas nun amplo radio de acción. Motivos polos que desaconsellan a implementación do proxecto de Altri e solicitan que se desestime definitivamente por parte das institucións públicas. 

Entidades internacionais asinantes CC-BY-SA Greenpeace

Este medio cento de entidades forma parte da Environmental Paper Network (EPN), unha rede internacional que naceu no ano 2002 co obxectivo común de camiñar cara a unha industria forestal, de pulpa e papel que contribúa a un futuro saudable, xusto e sostible para toda a vida na Terra. 

Para cuestionar a viabilidade do proxecto de Altri, estas entidades –entre as que figuran Greenpeace, WWF, Zero, Amigas da Terra, Ecologistas en Acción e Fridays For Future– poñen o foco sobre o proceso de 'eucaliptización' que vén sufrindo tanto Galicia como a zona centro e norte de Portugal, un fenómeno que consideran "insólito en Europa". 

Estas ONG de todo o mundo fan un chamado á Xunta e ao Goberno de España para que reaccionen de forma urxente e pública á súa petición para "parar dunha vez por todas" o proxecto de Altri

Na análise que detallan nas súas comunicacións coa Xunta e o Goberno de España aseguran que esta situación provocou unha "enorme perda de biodiversidade" e unha "importante deterioración da integridade ecolóxica" da rexión, "afectando radicalmente ás masas forestais autóctonas e a moitos outros hábitats de alto valor que necesitan conservación". 

Na mesma liña, os asinantes tamén expresan as súas dúbidas sobre a efectividade das actuais moratorias a novas plantacións de eucalipto que existen en Galicia e Portugal, cuxo obxectivo debe ser limitar a súa expansión.

En definitiva, as ONG apuntan a que "o proxecto non reúne as condicións para seguir adiante nin para ser financiado con diñeiro público a través dos fondos europeos Next Generation, xa que é contrario aos obxectivos de sustentabilidade dos mesmos". 

Planos da factoría que Altri proxecta en Palas, incluídos na documentación exposta ao público para a tramitación ambiental © Greenfiber S.L.

En concreto, denuncian as entidades, mentres que un dos obxectivos destes fondos europeos é "mellorar a calidade da auga dos nosos ríos e mares e reducir os residuos", o proxecto de Altri/Greenfiber "empeorará aínda máis a calidade da auga do río Ulla". Ademais de empeorar a "sobresaturación" da industria da pulpa e do papel nesta rexión. Para apoiar o seu escrito, as ONG empregan a información do propio proxecto, informes da Xunta e tamén o informe realizado por expertos de diferentes ámbitos para o Consello da Cultura Galega

Inciden en que o proxecto de Altri "empeorará aínda máis a calidade da auga do río Ulla" e vai en contra dos obxectivos dos fondos Next Generation

"Deberiamos ir na dirección contraria: reducir a superficie de eucalipto tal e como esixe o Plan Forestal Galego actualmente en vigor, avanzar cara á redución global da produción e o consumo de papel, promover os envases reutilizables, maximizar o contido de fibra reciclada nos produtos papeleiros, incrementar o uso doutros materiais recuperados e acabar co uso de fibras procedentes de bosques e selvas ameazadas, ecosistemas e hábitats de alto valor en materia de conservación, tendendo a fabricar fibras de nova xeración e non a partir de madeira", conclúen na súa mensaxe aos gobernos.

Estas entidades ambientais de todo o mundo fan un chamado á Xunta e ao Goberno de España para que reaccionen de forma urxente e pública á súa petición para "parar dunha vez por todas" o proxecto da fábrica de celulosa e fibras que se pretende instalar en Palas de Rei con axudas públicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.