Europa Press revela na súa web un informe crítico do Instituto de Estudos do Territorio achegado ao expediente de avaliación ambiental aínda en tramitación por parte do Goberno galego
A axencia Europa Press revelou a última hora da tarde deste martes na súa web que o Instituto de Estudos do Territorio, o órgano da Consellería de Medio Ambiente encargado de velar polo respecto da paisaxe, considera que a fábrica que proxecta Altri en Palas de Rei "pode producir un impacto paisaxístico considerable", "principalmente" pola súa cheminea de 75 metros de altura pero tamén polas dúas caldeiras de 60 e 50 metros. Porén, o instituto valida o proxecto se son introducidas nel seis "medidas correctoras".
O informe do Instituto de Estudos do Territorio sobre o impacto paisaxístico é preceptivo dentro do proceso de avaliación ambiental da fábrica que está a tramitar a Consellería de Medio Ambiente. Nel, segundo Europa Press, sinálase que as medidas previstas pola empresa para paliar o seu impacto visual son "correctas" pero insuficientes.
O instituto esixe que se complete a análise de visibilidade das instalacións "con maior precisión" para deseñar mellor as barreiras vexetais que deberán ocultar a fábrica, que nestas plantacións se empreguen especies autóctonas, que non se empreguen materiais reflectantes, que se minimice a alteración da topografía e se respecten valados tradicionais, ,que se reduza a contaminación lumínica e que o punto de vertedura de auga ao Ulla respecte a paisaxe desa zona.
Xunto con este informe agora revelado por Europa Press, Medio Ambiente ten que recibir outros varios informes sectoriais analizando diversos aspectos do impacto da fábrica para, tras unha visión de conxunto, decidir se autoriza ou non o proxecto.