Prevíase masiva e foi tal. Un mes despois da multitudinaria manifestación que concentrou en Palas de Rei o movemento contrario á instalación na vila da factoría de celulosa e fibras téxtiles promovida por Altri da man da Xunta, milleiros de persoas responderon ao chamamento da Plataforma Ulloa Viva e mais da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) para reiterar este rexeitamento arrodeando a sede central do Goberno galego.
MIlleiros de persoas responden ao chamamento de Ulloa Viva e a APDR e arrodean a sede centra do Goberno galego para esixir frear o proxecto da factoría de celulosa en Palas de Rei
Dende os concellos directamente afectados na Ulloa e na contorna da ría de Arousa, pero tamén dende moitos outros puntos do país, colectivos veciñais e ecoloxistas, organizacións profesionais do mar, representantes sindicais (CIG, SLG) e políticos (BNG, Xuventudes Socialistas, Podemos) e tamén grupos de amizades ou familias enteiras xuntáronse en trono ao complexo administrativo de San Caetano. "Altri non!" foi un berro común con moitas variantes, dende a preocupación pola contaminación ata o rexeitamento da proliferación do eucalipto ou o impacto nas augas do río Ulla.
Os paraugas serviron para protexer a concorrencia tanto da chuvia coma do sol nunha mañá de domingo na que a preocupación polo proxecto industrial de Altri non impediu o ton comunitario e festivo. O son das gaitas e das pandeiretas ou a presenza de varias persoas ataviadas coas caveiras que xa se fixeron famosas no movemento contra a mina de Touro e O Pino amenizaron unha protesta ampla dabondo como para arrodear San Caetano, primeiro como cadea humana e despois, como concentración que culminou cun gran acto final na zona verde fronte ao complexo gobernamental.
O impacto no río Ulla ou no marisqueo da ría de Arousa son algúns dos principais motivos que o movemento esgrime ante a Xunta, cun Rueda "que máis ca un presidente parece un comercial de Altri"
A poeta Xiana Arias foi a encargada de introducir o acto, amosando a convicción de que tanto a empresa coma o Goberno galego, se cadra, pensaran que as comarcas do centro do país son "vellas" e carecen de tecido social dabondo como para mobilizárense. Pero non é así, resaltou antes de dar paso ao manifesto que resume os motivos para opoñérense á "macrocelulosa" de Greenfiber. A factoría, acusan, "poría en perigo unha área e gran valor ecolóxico", pero tamén "roubaría ao Ulla 46 millóns de litros" de auga ao día "e botaría a cambio 30 millóns en condicións perigosas para manter a súa saúde", di o texto lido por Raquel González, integrante de Ulloa Viva en Agolada; e María Porto, presidenta das Mariscadoras a Pé de Carril.
"Só por isto Augas de Galiza, o organismo competente da Xunta, debería emitir unha resolución negativa" á instalación de Altri, advirten, nun contexto no que reiteran que o Goberno do PP e a propia empresa "difuminaron o seu carácter de macrocelulosa" ao "disfrazáreno coma un proxecto sostible e circular" que agora, non obstante, ten as "vergoñas á luz". "A terra e a auga, o mar e o río son a nosa vida, vivimos neles e grazas a eles" e por iso, subliñan, din "Altri non".
Os riscos para o Camiño de Santiago ou a produción marisqueira ou potenciais perigos para a actividade gandeira son outros dos elementos que levan os colectivos convocantes a instar a Xunta a decidir "de verdade" pensando nos intereses "estratéxicos" do país. Se ben dubidan de que o Goberno de Alfonso Rueda, "que máis ca un presidente parece o comercial de Altri", se vaia guiar por esas coordenadas.
A mobilización tamén olla ao Goberno de España: "Deneguen os fondos para descarbonización a empresas depredadoras de recursos; sen eses 250 millóns públicos non haberá macrocelulosa"
O manifesto final tivo tamén mensaxes para o Goberno de España. "Deneguen os fondos para descarbonización a empresas depredadoras de recursos", reclaman, xa que "todos sabemos que sen os cartos públicos, sen eses 250 millóns que a multinacional pretende extraer de Europa, non haberá macrocelulosa".
"Non imos permitir que en pleno cambio climático unha empresa multinacional zugue millóns de litros de auga do río durante 75 anos", "non imos permitir que polucionen o noso aire", "non imos permitir que ensucien a ría de Arousa". En síntese, conclúen, "queremos seguir vivindo e traballando na nosa terra e por iso berramos con todo o noso corazón: Altri non!".