Greenpeace desprega unha faixa na fachada da Catedral de Santiago para esixir a paralización do proxecto de Altri

Acción de Greenpeace e Ecoloxistas en Acción contra Altri na Catedral de Santiago © Greenpeace

Greenpeace e Ecoloxistas en Acción esixen que a Xunta descarte o proxecto de construción da celulosa de Altri en Palas de Rei

Activistas de Greenpeace despregaron na mañá deste xoves unha faixa na balconada do museo da catedral de Santiago coa mensaxe Altri Non. A acción, fronte á sede da Presidencia da Xunta, no Pazo de Raxoi, amosa o rexeitamento á macrocelulosa que a multinacional Altri quere instalar en Palas de Rei e busca esixir ao Goberno galego que descarte o proxecto. 

A acción foi apoiada tamén desde a praza do Obradoiro por activistas de Ecoloxistas en Acción. Ademais da faixa principal, tamén se puideron ver outras faixas con mensaxes como "Altri esnaquiza Galiza" ou "Por unha terra viva. Altri non".

Tamén se puideron ver outras faixas con mensaxes como "Altri esnaquiza Galiza" ou "Por unha terra viva. Altri non"

A acción tamén quixo chamar a atención sobre "as enormes dimensións" do proxecto de Altri, pois a macrofábrica inclúe a construción dunha cheminea de 75 metros de altura, "exactamente a mesma que teñen as torres da Catedral", sinala Greenpeace "para emitir enormes cantidades de substancias precursoras da choiva aceda como óxidos de xofre e nitróxeno".

Manoel Santos (Greenpeace Galicia): "poñer os intereses económicos privados por riba do ben común non é propio dun goberno democrático”

Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, acompañou a acción dende a praza do Obradoiro. Alí sinalou que “a Xunta debe entender que Galicia nin necesita nin quere unha nova celulosa que poña en perigo a nosa biodiversidade, a nosa auga, os nosos sectores primarios e a nosa cohesión social. Poñer os intereses económicos privados por riba do ben común non é propio dun goberno democrático”.

Escaladores de Greenpeace despregan unha faixa de 'Altri Non' na fachada da Catedral de Santiago © Greenpeace

Ana Freiría (Ecoloxistas en Acción): “resulta insultante a cantidade de diñeiro público que Altri está a pedir para destruír A Ulloa e poñer en grave risco toda a conca do Ulla"

Pola súa banda, Ana Freiría, portavoz de Ecoloxistas en Acción, que tamén apoiaba acción dende o Obradoiro, declarou que “resulta insultante a cantidade de diñeiro público que Altri está a pedir para destruír A Ulloa e poñer en grave risco toda a conca do Ulla. Non só están a poñer enriba da mesa un proxecto altamente contaminante e lesivo co noso medio ambiente, é que aínda por riba queren que o paguemos todos e todas. É absolutamente inaceptábel”.

Este domingo as Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa convocaron unha manifestación en Compostela, ante a sede da Xunta, que busca "arrodear San Caetano"

Este domingo as Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa convocaron unha manifestación en Compostela, ante a sede da Xunta, que busca "arrodear San Caetano". Os movementos sociais que se opoñen ao proxecto de Altri céntranse agora en tratar de impedir que a Xunta dea o visto bo a unha solicitude de captación e posterior vertedura de auga da conca do Ulla, así como ao proceso de avaliación ambiental, cuxo final se agarda para comezos de 2025.

Tamén se puideron ver outras faixas con mensaxes como "Altri esnaquiza Galiza" ou "Por unha terra viva. Altri non". © Greenpeace

Así mesmo, organizacións ecoloxistas e veciñais traballan para demostrar que o proxecto non cumpre co principio DNSH (Do Non Significant Harm, non causar un dano significativo), que segundo destaca Greenpeace é "condicionante indispensábel para que a empresa poida recibir a enorme cantidade de fondos europeos –até 250 millóns de euros– aos que parece aspirar".

A acción tamén quixo chamar a atención sobre "as enormes dimensións" do proxecto, pois a macrofábrica inclúe a construción dunha cheminea de 75 metros de altura, "exactamente a mesma que teñen as torres da Catedral"

Hai dúas semanas o buque de Greenpeace Arctic Sunrise estivo na ría de Arousa, onde foi recibido cunha manifestación marítima, e acolleu debates e encontros con entidades sociais nos que se visibilizou o rexietamento ao proxecto de celulosa de Altri. Un manifesto conxunto, asinado por Greenpeace e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, entre outras entidades, chamou a "impedir a posta en marcha de novas industrias costeiras insostibles", como a planta de celulosa de Altri, "que poría en risco non só o río Ulla, senon tamén a ría de Arousa como consecuencia da disminución do caudal e o incremento da contaminación e temperatura das augas do río".

Acción de Greenpeace e Ecoloxistas en Acción contra Altri na Catedral de Santiago © Greenpeace
Acción de Greenpeace e Ecoloxistas en Acción contra Altri na Catedral de Santiago © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.