Defensa da pesca e marisqueo artesanal e oposición a industrias como Altri, demandas de Greenpeace na Ría de Arousa

Greenpeace esixe a ratificación do Tratado Global dos Océanos por parte do Goberno español © Greenpeace

Dende Vilagarcía, Greenpeace busca afondar na protección efectiva das rías fronte á contaminación e na defensa da pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva tradicional

Ao redor de 300 embarcacións acompañaron este mércores a entrada na Ría de Arousa do buque de Greenpeace Arctic Sunrise. Vilagarcía é ata este sábado un espazo de debate e de reivindicación da pesca sostible e o coidado dos mares, con mesas redondas e actividades de difusión, coas que a organización ecoloxista internacional busca afondar na protección efectiva das rías fronte á contaminación e na defensa da pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva tradicional.

Greenpeace e outras entidades -coma a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Daíqui, Cooperativa Horsal, Sindicato Labrego Galego, Arqueixal, Casa Grande de Xanceda, Traloagro ou Biocoop- elaboraron un escrito que este luns 17 de xuño remitirán por carta ao ministro Luis Planas e á Secretaría Xeral de Pesca coas demandas do sector primario (pesca artesanal e marisqueo, agricultura e gandería).

Greenpeace e PDRA, entre outras entidades, denuncian que o modelo de pesca, agricultura e gandería actual "é completamente insostible" xa que prioriza "a produción industrial destrutiva fronte á de baixo impacto"

Estas organizacións denuncian que o modelo de pesca, agricultura e gandería actual "é completamente insostible" xa que prioriza "a produción industrial destrutiva fronte á de baixo impacto". Esixen unha reforma que suporía "unha inxección" ás economías locais, ademais de "preservar os ecosistemas e a súa biodiversidade".

Entre outras medidas, apóstase por defender a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva tradicional, coa mellora da xestión dos recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños e loitando contra o furtivismo e a contaminación. Así mesmo, chámase a "impedir a posta en marcha de novas industrias costeiras insostibles", como a planta de celulosa de Altri, "que poría en risco non só o río Ulla, senon tamén a ría de Arousa como consecuencia da disminución do caudal e o incremento da contaminación e temperatura das augas do río".

Apóstase por defender a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva tradicional, coa mellora da xestión dos recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños e loitando contra o furtivismo e a contaminación

Proponse tamén "estudar a ampliación da rede de reservas mariñas consensuadamente co sector pesqueiro, mexilloeiro e marisqueiro" alí onde se requira polo mal estado de conservación de hábitats e especies ou polo estado de sobreexplotación e mala saúde dos stocks pesqueiros. Chámase así mesmo a "abordar a problemática do relevo xeracional ao que se enfronta o sector".

Greenpeace e as demais organizacións lembran que a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura tradicionais, "moito máis sustentables que outros métodos de explotación de recursos mariños e con moito máis peso na articulación da sociedade", sofren "unha crise de considerables dimensións". Especialmente grave é a situación do sector marisqueiro, cunha caída da produción dalgunhas especies de moluscos bivalvos de entre o 60% e 70% nas últimas dúas décadas.

O Arctic Sunrise de Greenpeace foi recibido en Vilagarcía de Arousa por unha manifestación marítima e a concentración de varios colectivos © Greenpeace

Chámase a "impedir a posta en marcha de novas industrias costeiras insostibles", como a planta de celulosa de Altri, "que poría en risco non só o río Ulla, senon tamén a ría de Arousa como consecuencia da disminución do caudal e o incremento da contaminación e temperatura das augas do río"

Hai unha diminución das capturas e tamén do número de permisos de explotación (permex). A pesar de que o 78% dos barcos pesqueiros do Estado pertencen a artes menores e á frota artesanal, o 70% do peixe que se consume en España é importado; ademais, do peixe que se consume procedente das costas españolas, só o 10% procede da pesca artesanal.

Á contaminación procedente de fontes urbanas, industriais e agrogandeiras, súmanse cada ano con maior intensidade os efectos do cambio climático coa suba da temperatura do mar e a súa acidificación, así coma os cambios nos patróns de correntes, ventos e choivas. 

Á contaminación procedente de fontes urbanas, industriais e agrogandeiras, súmanse cada ano con maior intensidade os efectos do cambio climático

Finalmente, a nivel estatal Greenpeace esixe a ratificación antes de xuño de 2025 do Tratado Global dos Océanos por parte do Goberno español. Tamén demanda acadar un 30% de espazos mariños protexidos para 2030 para dar cumprimento aos compromisos adquiridos no marco do convenio de Diversidade Biolóxica (CBD). E, igualmente, chama a declarar un 10 % da superficie mariña protexida con categoría de protección estrita para asegurar a recuperación da biodiversidade.

O 30 de xuño está convocada unha manifestación en Santiago contra o proxecto de Altri que chama a "arrodear San Caetano" © Greenpeace

Problemas comúns de todo o sector primario

Greenpeace reúne en Vilagarcía representantes de todo o sector primario -agricultura, gandería, e pesca- "para poñer sobre a mesa as problemáticas comúns ás que están sometidas e tratar de buscar solucións transversais a medio prazo"

Greenpeace reúne en Vilagarcía representantes de todo o sector primario -agricultura, gandería, e pesca- "para poñer sobre a mesa as problemáticas comúns ás que están sometidas e tratar de buscar solucións transversais a medio prazo".

A organización ecoloxista sinala que "as tractoradas do pasado febreiro evidenciaron un problema que levaba tempo ecoando: o sector agrario, tanto español coma europeo está en crise". E, entre os problemas que sofre cita a suba dos custos, a competencia desleal de produtos importados, as grandes marxes de beneficio de intermediarios e maioristas fronte aos baixos prezos que perciben as persoas produtoras, as elevadas cargas burocráticas, e as graves e crecentes consecuencias que sofren de maneira directa debido á crise climática. 

A entidade denuncia que "os mercados, as axudas e as leis apoian aos máis grandes, mentres que a pequena e mediana agricultura, vese desprazada e abocada á industrialización, ou ao peche"

A entidade denuncia que "os mercados, as axudas e as leis apoian aos máis grandes, mentres que a pequena e mediana agricultura, vese desprazada e abocada á industrialización, ou ao peche". Entre outras medidas esixe poñer en marcha "de xeito inmediato" unha moratoria á gandería intensiva de cando menos cinco anos; tamén non conceder autorizacións para novos regadíos intensivos; e, igualmente, unha Lei de Agricultura Familiar "que inclúa o xusto acceso á terra aos novos agricultores, e un apoio técnico e económico para unha transición agroecolóxica".

Na manifestación marítima tamén estivo presente a oposición ao proxecto de Altri © Greenpeace
Unhas 300 embarcacións acompañaron a entrada do Arctic Sunrise na Ría de Arousa © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.