Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa chaman a "arrodear San Caetano" para protestar contra Altri

Rolda de prensa das plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa © Ulloa Viva

As dúas entidades convocan unha mobilización o vindeiro domingo 30 de xuño en Santiago para denunciar na sede da Xunta o “desastre medioambiental, social, económico e cultural” que a celulosa proxectada en Palas provocaría en moitas comarcas

As Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa convocan unha nova manifestación contra Altri. Será o vindeiro 30 de xuño en Compostela, nunha acción na que chaman a "arrodear San Caetano", a sede central da Xunta, para levar ata o Goberno galego a súa denuncia contra a celulosa proxectada en Palas de Rei. A convocatoria foi presentada nunha rolda de prensa na que participaron representantes das dúas plataformas e de moitas das entidades que as conforman.

Na rolda tomaron a palabra o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, e a voceira da Plataforma Ulloa Viva Zeltia Laya, que explicaron que este “Arrodea San Caetano” forma parte das accións e o traballo que ambas plataformas están levando a cabo para denunciar o “desastre medioambiental, social, económico e cultural” que a macrocelulosa suporía para moitas comarcas, especialmente as situadas entre a Ulloa e a propia ría de Arousa, ao longo do curso do río Ulla. “A Xunta de Galicia meteunos neste problema e a Xunta de Galicia terá que sacarnos del”, sinalaron.

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Rubido (PDRA) destacou que a contaminación provocada pola planta de Altri "vai degradar o río Ulla coa súa riqueza troiteira e incrementar os graves problemas do sector marisqueiro na ría de Arousa”

En primeiro lugar, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, denunciou que a instalación dunha macrocelulosa na cabeceira do río Ulla vai ter un impacto moi importante na calidade ambiental do conxunto do río e na ría de Arousa, en base á información que contén a propia documentación achegada pola empresa no procedemento administrativo. Rubido destacou que a contaminación provocada pola planta de Altri "vai degradar o río Ulla coa súa riqueza troiteira e incrementar os graves problemas do sector marisqueiro na ría de Arousa”. "Todo isto vai destruir os nosos postos de traballo sostibles, os nosos produtos de calidade e a nosa soberanía alimentaria”, engadiu.

Zeltia Laya sinalou que “todas as persoas que traballan no agro e no mar, coa natureza e os seus recursos saben que si se esgotan estes recursos tamén se anula a nosa vida"

Pola súa banda, Zeltia Laya sinalou que “todas as persoas que traballan no agro e no mar, coa natureza e os seus recursos saben que si se esgotan estes recursos tamén se anula a nosa vida, por iso hai que ser conscientes de que a protección e defensa da natureza ten que ser cada vez maior”.

Laya respondeu ademais ás "mentiras" que a pasteira portuguesa está a difundir nas últimas semanas, nas que chegou a afirmar que vai devolver ao río a auga captada mesmo "máis limpa" ou que a fábrica non vai provocar prexuízos ao medio embiente.

Rolda de prensa das plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa © Ulloa Viva

O 12 de xuño está convocada na ría de Arousa unha “manifestación marítima”, acompañando a entrrada na ría do buque de Greenpeace Artic Sunrise

 

As dúas plataformas sinalaron “que o responsable de Altri negue esa realidade non fai máis que desacreditalo, porque nega ata o que din os seus propios documentos”. E, ademais, esixiron que "os 250 millóns de euros que a Xunta de Galicia e Altri demandan deben destinarse a impulsar os sectores produtivos tanto do interior como da ría de Arousa”.

Ademais, o 16 de xuño en Pontevedra está convocada unha “marcha contra as celulosas”, na que ademais da APDR, que leva décadas loitando contra ENCE, participará a Plataforma Ulloa Viva

A ameaza de Altri vén a sumarse á xa complicada situación que están a vivir as rías de Arousa e Pontevedra, por distintas ameazas neste caso ao corazón marisqueiro e marítimo do país. Antes da mobilización do 30 de xuño en Compostela, está convocada na ría de Arousa unha “manifestación marítima” o mércores 12 acompañando a entrrada na ría do buque de Greenpeace Artic Sunrise. A mobilización busca defender "un sector que está a padecer dende fai meses problemáticas e mermas de produción e ingresos para os seus traballadores sen que a Xunta de Galicia atenda ás súas demandas", sinala a PDRA.

Ademais, o 16 de xuño en Pontevedra está convocada unha “marcha contra as celulosas”, na que ademais da APDR pontevedresa que leva décadas loitando contra ENCE participará a Plataforma Ulloa Viva para amosar a coincidencia de obxectivos na súa oposición á celulosa de Altri.

Cartel da manifestación convocada pola APDR e a Plataforma Ulloa Viva © APDR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.