Os efectos do conflito de Altri nas eleccións europeas: caída do PSdeG e ascenso do BNG na Ulloa

A manifestación contra Altri do pasado de maio en Palas de Rei © Plataforma Ulloa Viva

Que pasou este 9X na Ulloa, nos concellos máis directamente afectados polo proxecto de Altri: Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Agolada, Melide e Santiso

É moi difícil establecer en que medida afecta un factor concreto aos resultados dunha convocatoria electoral, en que medida un conflito ou un tema específico determinan o sentido do voto dun grupo de electores nun territorio. Nos últimos meses o conflito ao redor do proxecto de Altri de instalar unha macro celulosa en Palas de Rei dominou o debate público na comarca da Ulloa. Influíu nos resultados das eleccións deste domingo?

Cómpre ter en conta que eran os primeiros comicios que se celebraban despois de que se deran a coñecer os detalles e contido real do proxecto de Altri. Cómpre ter en conta a distancia temporal coas anteriores eleccións europeas, celebradas en 2019 e que, ademais, nese momento se celebraron en coincidencia coa coas municipais, un factor que sobre todo nos concellos pequenos axuda a mover o voto en beneficio dalgunhas formacións.

Que pasou este 9X na Ulloa, nos concellos máis directamente afectados polo proxecto de Altri? Falamos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso (que conforman oficialmente a comarca da Ulloa) e Agolada, Melide e Santiso, moi próximos e con afección igualmente directa. Hai que lembrar que a empresa convocou encontros informativos para dar a coñecer o seu proxecto en Palas, Monterroso, Melide, Agolada, Santiso e Antas

O comportamento electoral do PP na Ulloa foi moi semellante ao que tivo no resto de Galicia, cun ascenso moi importante motivado pola absorción de Ciudadanos, pero non só

A primeira lectura é que o PP acadou unha vitoria incontestable, aínda que hai que ter en conta que xa en 2019 fora a forza máis votada nestes seis concellos e que neste 9X triunfou en máis de 300 dos 313 concellos do país. En calquera caso, os populares melloraron o seu resultado en varios puntos, mesmo se comparamos os datos deste domingo cos que hai cinco anos obtiveran, sumados, PP e Ciudadanos, que vén de ser practicamente absorbido polo PP.

O PP creceu (en relación á suma de PP e Ciudadanos) 10,1 puntos en Agolada, 9 en Monterroso e 7,4 en Palas, mentres que no conxunto de Galicia aumentou algo máis de 7 puntos. Noutros concellos desta área, como Melide e Antas, a súa mellora foi algo inferior e en Santiso mesmo descendeu, sendo unha das poucas localidades nas que isto sucedeu. Polo tanto, o comportamento electoral do PP na Ulloa foi moi semellante ao que tivo no resto de Galicia

O PSdeG caeu 14 puntos en Palas de Rei, 11,5 en Monterroso e case 11 en Agolada

Porén, si se observan factores diferenciais nas evolucións que PSdeG e BNG tiveron nestes concellos. Así, mentres que os socialistas caeron 8 puntos no conxunto de Galicia, na comarca da Ulloa o seu descenso foi moi superior, con perdas de 14 puntos en Palas de Rei, 11,5 en Monterroso e case 11 en Agolada. En Santiso a caída foi de 14,5 puntos e en Melide e Antas de Ulla achegouse aos 9 puntos.

O BNG subiu 4 puntos en Galicia, mentres que na Ullloa o seu ascenso foi moi superior: 9 puntos en Melide, Monterroso e Palas e 19 en Santiso

O BNG, en cambio, mellorou 4,3 puntos o seu resultado no conxunto do país, mentres que na Ullloa o seu ascenso foi moi superior, con subas de 9 puntos en Melide, Monterroso e Palas, de 7,4 en Agolada e de 6,65 en Antas de Ulla. En Santiso os nacionalistas disparáronse, cunha suba de 19 puntos.

Á vista dos datos, si semella que o conflito de Altri repercutiu nos resultados de PSdeG (negativamente) e BNG (positivamente)

Á vista dos datos, si semella que o conflito de Altri repercutiu nos resultados de PSdeG (negativamente) e BNG (positivamente). Pode especularse cun transvasamento de voto dende o PSdeG ao BNG ou tamén cunha marcha de moitos votantes socialistas cara á abstención (a participación nestes concellos foi moi inferior á das eleccións de 2019, que coincidiron coas municipais) ou mesmo cara ao PP.

Rueda salientou que o PP "obtivo o 60% dos votos en Palas". "Cada un que saque as súas conclusións", engadiu

Sobre Altri e o resultado electoral en Palas de Rei foi preguntado o presidente do Goberno galego e do PPdeG, Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta deste luns. Como informa David Reinero, o popular asegurou que "desde o BNG se estaba a converter o resultado das europeas nun plebiscito sobre o proxecto de Altri" e salientou que "o PP obtivo o 60% dos votos en Palas". 

"Cada un que saque as súas conclusións", engadiu, para reiterar que "o proxecto segue en tramitación e só se fora viable se autorizaría" por parte da Xunta. Porén, malia asegurar que o futuro de Altri está condicionado a unha decisión de funcionariado e técnicos, Rueda insistiu en reclamar un posicionamento expreso en favor do proxecto por parte do Goberno de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.