O BNG valora levar a Xunta aos tribunais se non lle dá máis de 400 documentos que ten solicitados no Parlamento

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no pleno do Parlamento do 14 de setembro, o primeiro do novo período de sesións © Parlamento

No inicio do actual período de sesións do Parlamento, o primeiro da segunda metade da lexislatura e tamén o primeiro iniciado con Alfonso Rueda na presidencia do Goberno galego, a Xunta tiña sen responder practicamente oito de cada dez solicitudes de documentación dos grupos da oposición parlamentaria. Concretamente, o 78%.

Como informou Praza.gal,  BNG e PSdeG levaban daquela formuladas 1.036 peticións de papeis ao abeiro do artigo 9 do Regulamento, que os faculta para solicitar "datos, informes ou documentos" que manexe o Executivo. A Xunta non respondera 809 e a gran maioría, 792, estaban fóra do prazo regulamentario de 30 días para contestar. Por grupos, o Bloque tiña pendentes 416 respostas das 562 presentadas (o 74%) e o PSdeG, 393 de 227 (case o 83%).

Contra finais de mes, o BNG actualizou os seus datos publicamente. As súas solicitudes de documentación eran xa 571 e, en cifras redondas, tres de cada catro seguían sen responder. Neste contexto, a portavoz nacional da formacións soberanista vén de lanzar unha advertencia: se o Goberno galego non atende as máis de 400 solicitudes de documentación pendentes, ao BNG só lle restará a vía xudicial para logralos.

O Bloque está pendente de recibir papeis da Xunta sobre asuntos coma "o fiasco de Pemex", expedientes a eléctricas, vivendas baleiras ou residencias de maiores. "Que teñen que esconder o PP e o señor Rueda?", pregúntase Pontón

"Máis de 300" das case 600 solicitudes de documentación, detalla Ana Pontón, levan agardando máis dun ano malia ao prazo regulamentario de trinta días e ata 43 "foron cursadas en 2020". "Que teñen que esconder o PP e o señor Rueda? Para quen goberna se ten tanto que ocultar?", preguntouse antes de citar o contido de parte desas peticións, tales como "subvencións, préstamos e avais ao estaleiro Barreras" ao fío do "fiasco de Pemex" ou diversos "convenios do Sergas con empresas da sanidade privada".

"Expedientes sancionadores a empresas que teñen concesións hidroeléctricas", "a relación de parques eólicos construídos no ámbito de aplicación de Rede Natura", "o censo de vivenda baleira" ou datos relativos á xestión da pandemia nas residencias da terceira idade son outros exemplos de peticións de documentos formuladas polo BNG ás que a Xunta, lamenta, responde cunha "actitude opaca, obstrucionista e antidemocrática". "Por iso -conclúe Pontón- pido ao señor Rueda que envíe de inmediato toda a documentación pendente, sen máis dilación". "Anticipo que, se non muda esta práctica antidemocrática, dende o BNG non descartamos ningunha acción, incluída a xudicial", advirte.

En 2020, a Xunta xa foi condenada a entregar papeis das caixas que negara ao ex-deputado Antón Sánchez

De concretarse, esta non sería a primeira ocasión na que unha petición de documentación no Parlamento acaba chegando aos tribunais. No ano 2018, o daquela deputado de En Marea Antón Sánchez recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para tentar conseguir varios documentos relativos ao papel da Xunta na fusión de Caixa Galicia e Caixanova, que o Goberno galego lle negara en varias ocasións. En 2020, o TSXG condenou a Xunta a entregar ao Parlamento uns papeis que acreditaban, por exemplo, que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo despachou en cinco páxinas o aval a aquela operación sen achegar ningún dato de seu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.