A Xunta chega á metade da lexislatura sen entregar o 80% dos documentos reclamados por BNG e PSdeG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, repasa apuntamentos e documentación no seu escano no pleno do pasado 13 de xullo © Parlamento de Galicia

O artigo 9 do Regulamento é o recurso que os grupos do Parlamento de Galicia teñen á súa disposición para solicitar ao Goberno "datos, informes ou documentos" que teña no seu poder. A Xunta dispón dun prazo "non superior a trinta días" para entregar a documentación solicitada ou responder á deputada ou deputada coas "razóns fundamentadas en dereito que o impidan". Se non sucede ningunha das dúas cousas, o Regulamento estipula que a persoa solicitante dos papeis ten a opción de reconverter a súa reclamación nunha pregunta oral.

O Goberno galego ten sen tramitar 809 das 1.036 solicitudes de documentación formuladas por BNG e PSdeG, a gran maioría (792) fóra do prazo regulamentario de 30 días para responder

O lexislativo galego vén de retomar a súa actividade ordinaria tras o verán. O período de sesións que agora se abre é o primeiro da segunda metade da lexislatura, que comezou en agosto de 2020 tras as eleccións daquel verán. O Goberno antes presidido por Alberto Núñez Feijóo e agora encabezado por Alfonso Rueda transita, daquela, polo ecuador do seu mandato -sempre e cando o presidente non decida adiantar os seguintes comicios- e ata momento non tramitou practicamente oito de cada dez solicitudes de documentación dos grupos da oposición parlamentaria, BNG e PSdeG.

Segundo a información que consta no Rexistro do Parlamento ata este 12 de setembro de 2022, á que tivo acceso Praza.gal, dende o inicio da lexislatura en agosto de 2020 os grupos da oposición rexistraron 1.036 peticións de documentación ao abeiro do devandito artigo 9. Un total de 562 están asinadas por deputadas e deputados do BNG e 474, por integrantes do grupo do PSdeG. Ata agora, a Xunta tramitou 227 e ten sen tramitar 809, isto é, o 78% do total.

A Xunta non atendeu o 74% das peticións de documentación do BNG e o 83% do PSdeG. A máis antiga das que ten pendentes no que vai de lexislatura remóntase a finais de agosto de 2020

No que atinxe ao grupo máis numeroso da oposición, o Bloque, a 12 de setembro recibira resposta a 146 das súas solicitudes de documentación á Xunta, polo que o Goberno galego non tramitou ata agora practicamente tres de cada catro (o 74,02%). No referido ao Grupo Socialista, só recibiron resposta polo momento 81 das peticións de papeis que formulou, de xeito que seguen pendentes case o 83% delas.

O groso das peticións de documentación non tramitadas pola Xunta están fóra do devandito prazo regulamentario de 30 días. É o que sucede con ata 792 destas solicitudes, mentres que apenas 17 estaban en prazo. A que máis tempo leva esperando foi rexistrada nas primeiras semanas da lexislatura, o 31 de agosto de 2020, e nela a deputada do PSdeG Leticia Gallego pedía coñecer "o detalle por sectores, provincias e concellos" e a "a relación de persoas beneficiarias" dos fondos estatais que chegaran a Galicia para "axudas ao pequeno e mediano comercio local" afectado pola COVID e as mesmas cifras referidas á axudas con fondos propios da Xunta.

Unha antigüidade semellante tena a segunda petición de documentación que leva máis tempo a agardar. É a formulada o 4 de setembro daquel mesmo 2020 por Mercedes Queixas, deputada do BNG, que reclamaba coñecer os "informes entregados por Repsol relacionados cos traballos arqueolóxicos feitos en relación coa limpeza e investigación dos posibles petróglifos de Nostián, no monte dos Cazolos, no concello da Coruña".

Tamén daquel 2020 datan outras peticións de documentación sobre temas moi diversos que tampouco tiveron resposta, moitos deles ligados coa pandemia e as súas consecuencias. É o caso, por exemplo, de varias solicitudes nas que Ana Pontón e Noa Presas (BNG) reclamaron á Xunta copias dos proxectos remitidos ao Goberno de España para que optasen a recibir fondos europeos de recuperación.

Entre as peticións non atendidas destacan, entre outras, as relativas aos proxectos avalados pola Xunta para optar a fondos europeos ou aos datos de mortes de persoas coa COVID-19 en residencias

Alén da COVID, sen saír de 2020 tamén seguen sen tramitar peticións de documentación como a realizada por Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) para tentar obter unha "copia do expediente administrativo que sustentou o pago do aluguer do piso" do ex-fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, por parte da Xunta. O mesmo aconteceu, por exemplo, coas copias de facturas de diversas accións de comunicación e publicidade encomendadas pola Consellería de Infraestruturas, reclamadas por Luís Bará (BNG) a finais daquel ano.

Máis recentemente, pero tamén fóra de prazo, destacan entre as peticións de documentación sen tramitar polo Goberno galego as peticións realizadas o pasado agosto por Olalla Rodil (BNG) e Marina Ortega (PSdeG) "sobre os datos de falecementos por COVID-19 nas residencias de maiores durante a pandemia, desagregados por centros". Ambas reclamaran estes datos a través doutras iniciativas parlamentarias e solicitaron formalmente o documento ao abeiro do artigo 9 tras a súa publicación en Praza.gal, que conseguiu acceder a el mediante unha petición da lei de transparencia que se enfrontou a máis dun ano de atrancos e recursos.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, conversa coa deputada Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria da formación, durante un pleno do período de sesións previo ao verán © Parlamento de Galicia

Entre as 17 peticións de documentación de BNG e PSdeG á Xunta que aínda están en prazo destaca, entre outras, a solicitude de Rosana Pérez (BNG) dun informe "de todas as actuacións realizadas polo operativo de extinción" do gran incendio forestal orixinado en Boiro o pasado agosto, que acabou atinxindo tamén a montes da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Tamén a petición de Julio Torrado (PSdeG) dos "contratos xerados polo Sergas ao amparo do convenio asinado co Concello de Sanxenxo para a cobertura de prazas de Atención Primaria", que incluía vivenda de balde, con detalle sobre o impacto da medida no centro de saúde de Baltar.

No proceso xudicial no que acabou condenada por non entregar papeis da fusión das caixas a Xunta defendeu que o prazo regulamentario para entregar documentación aos grupos, aprobado baixo maioría absoluta do PP, non é "factible"

Igualmente, figuran entre estas peticións de documentación máis recente varias realizadas pola oposición nos primeiros días de agosto a respecto dos proxectos urbanísticos do Celta de Vigo avalados pola Xunta no Concello de Mos. É o caso da petición do "expediente completo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural relativo ao proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo en Mos", realizada por Alexandra Fernández (BNG), ou dese mesmo expediente, "incluído o informe arqueolóxico", reclamado por Leticia Gallego (PSdeG).

No pasado 2019, a Xunta xustificou os seus reiterados incumprimentos nesta materia argumentando que o prazo regulamentario de 30 días -fixado por última vez en 2015, na reforma do Regulamento aprobada baixo maioría absoluta do PP- para entregar aos grupos parlamentarios a documentación que solicitan non é "factible", dada a "limitación de medios cos que conta a Administración". Fíxoo en resposta ao Tribunal Superior de Xustiza no marco do proceso xudicial iniciado polo daquela deputado de En Marea Antón Sánchez, ex-líder de Anova, para tentar conseguir varios documentos sobre o papel da Xunta na fusión de Caixa Galicia con Caixanova. En xuño de 2020 o Goberno galego acabaría condenado por non entregar estes papeis.

Luis Álvarez, voceiro do PSdeG, intervindo nunha sesión de control en 2022 en presenza de Begoña Rodríguez, Julio Torrado e Leticia Gallego © Parlamento de Galicia

Solicitudes tramitadas

As solicitudes tramitadas son moitas menos pero, así e todo, tamén se remontan a 2020 e abranguen temas diversos. A máis antiga foi rexistrada por Montse Prado (BNG) o 14 de agosto daquel ano, apenas unha semana despois da constitución do Parlamento, e estaba ligada ao "contido e as datas en que lle foron remitidos á Xunta de Galicia os informes" da depuradora coruñesa de Bens sobre a "carga viral de COVID-19 nas augas residuais".

Entre as solicitudes respondidas están, entre outras, as referidas a inspeccións en residencias de maiores ou sobre informes de presenza de carga viral da COVID-19 en augas residuais

Naquel verán e outono de 2020 a Xunta tamén respondeu, por exemplo, a solicitude de Olalla Rodil (BNG) "sobre as inspeccións realizadas pola Xunta de Galicia nas residencias de maiores durante os últimos cinco anos" ou unha petición do deputado socialista Julio Torrado a respecto dos "expedientes de contratación de servizos para dotar de persoal e recursos a central de seguimento da pandemia provocada pola COVID-19 en Bergondo".

Neste 2022 a Xunta leva respondidas 68 solicitudes de documentación, 54 delas aínda con Feijóo como presidente. As últimas respostas datan do pasado xullo e as máis recentes son as trasladadas a Luis Álvarez (PSdeG) , que pedira "copia do informe da campaña da centola 2021-2022, que foi tramitado no Consello da Xunta de Galicia o 7 de xullo de 2022" e a Patricia Otero (PSdeG), que pedira o "estudo do impacto socioeconómico das propostas de limitación de artes de fondo da pesca costeira artesanal de Galicia".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.